INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES |
|||||||
Conversas a carón do lume. ¿Cómo se fixo a Veracruz?
NOVIDADES
Benvidos a galicias.com/carballino. Aquí atoparedes fotos e cousas da comarca do Orcellón, ou do Arenteiro, ou do Carballiño. Na dirección da Web poñemos Carballino sin "ñ" para evitar problemas informáticos. Esperemos que algún día os que mandan na informática nos permitan usar o "ñ" igual que calquera outra letra. Aquí tedes un mapa guía dalgunhas das cousas que hai neste recanto da rede.
CONCELLOS |
PARROQUIAS |
BEARIZ | |
BOBORAS | Albarellos.- Astureses.- Cameixa.- Moldes.- Pazos. |
Arcos.- Banga.- Cabanelas.- Carballiño.- Máis fotos de Carballiño.- Lobás.- Longoseiros.- Madarnás.- Mesego.- Mudelos.- Partovia.- Piteira.- Ponteveiga.- Sagra.- Seoane.- Señorín. | |
CEA | Cea.- Oseira. |
IRIXO | |
MASIDE | |
PIÑOR | Barrán. Loeda. |
PUNXIN | |
SAN AMARO | Anllo. Grixoa. |
Gran Balneario do Carballiño
Un pouco de Historia:
A comarca do Carballiño está situada na zona nor-occidental da provincia de Ourense, lindando coas provincias de Lugo e Pontevedra.
Dende o punto de vista topográfico a comarca pódese dividir en tres bancales: a) O norte ou setentrional, con alturas arredor dos 1.000 metros, formado polas serras nas que se atopan o Monte Testeiro, o Alto do Foxiño, a Serra do Faro, e a Serra da Martiñá. b) Os vales intermedios. c) E os vales baixos con altitudes inferiores, entre 200 e 300 metros de altura.
O río máis importante da comarca é o Arenteiro, cos seus afluentes Pedriña, Oseira e Marañao. Pero hai outros ríos, entre os que destacan o Viñao, o Barbantiño ou o Cardelle.
Río Arenteiro, ó seu paso por Carballiño.
A comarca está formada por nove concellos: Beariz, Boborás, Carballiño, Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro e San Cristovo de Cea. Entre todos eles comprenden un total de 87 parroquias formadas por 686 lugares. Viven na comarca arredor de 30.000 habitantes. Aquí temos algúns datos da comarca:
Municipio |
Nº de parroquias |
Nº de lugares |
Poboación a
1 de xaneiro de 2003 |
Poboación a
1de xaneiro de 1996 |
Beariz |
3 |
18 |
1.477 |
1.735 |
Boborás |
14 |
112 |
3.286 |
3.712 |
Carballiño (O) |
15 |
109 |
13.076 |
12.146 |
Irixo (O) |
12 |
108 |
2.092 |
2.284 |
Maside |
9 |
68 |
3.157 |
3.473 |
Piñor |
7 |
63 |
1.527 |
1.722 |
Punxín |
6 |
52 |
956 |
1.025 |
San Amaro |
8 |
73 |
1.385 |
1.656 |
San Cristovo de Cea |
13 |
83 |
3.026 |
3.447 |
Sumas totales |
87 |
686 |
29.982 |
31.200 |
Os datos de poboación refírense a persoas empadroadas.
Na actualidade, a cabeceira da Comarca está situada na vila do Carballiño, que é o centro demográfico e de servicios máis consolidado e dinámico da Comarca.
O Carballiño, tal como agora o vemos, parece unha vila moi nova, que medrou de repente nas derradeiras décadas do século XX. Pero isto non é de todo certo.
Por o lugar onde agora se asenta o Carballiño xa andaban seres humanos alá polo lonxano periódo Paleolítico, como se deduce dos útiles de pedra tallada pertencentes a bandas de cazadores, que se atoparon nas ribeiras do Arenteiro, entre Seoane e a Pena dos Namorados.
Do periodo Neolítico consérvanse mámoas na Medela, na Esgueva, no Monte de Miomás, ...
Antes da chegada dos romanos, houbo tamén na comarca do Carballiño importantes castros, tales como os de Amarante (entre Maside e Dacón), Penedo, Moldes, Magros, Mudelos, Mosteiro, ....e outros moitos. Pero quizais o castro máis importante da comarca é o de San Cibrao das Lás, que segundo parece é o castro máis grande de toda Galicia.
Pero seguramente as orixes do Carballiño moderno, como núcleo de poboación, hai que buscalas na "feira do dezaséis", que xa no ano 1286 se celebraba no coto de Cea, e que posteriormente, nunha data de momento incerta, -pode que no ano 1605-, se trasladou ó lugar onde hoxe se atopa a vila de Carballiño.
O sitio escollido para a feira era unha encrucillada onde se xuntaban os camiños de Oseira, do Ribeiro e do mar. Pouco a pouco, arredor da feira, irían medrando os lugares de Flores, Señorín, Partovia, Mesego... (Os lugares de Señorín, Partovia e Mesego xa existían moito antes de que nacese O Carballiño e antes de que nacese Flores, e pode que antes de que existise a "feira do dezaséis". O lugar de Flores existía tamén antes de que se celebrase a feira no Carballiño. No século XVII consolidase a celebración da "feira do dezaséis" nun lugar por enriba de Flores, onde había unha leira con castiñeiros e carballos pequenos ("carballiños"), e a expansión da feira ocasionou o crecemento de Flores e doutros lugares próximos, como A Lomba, Carras, .... que pouco a pouco foron dando lugar ó nacemento dun núcleo de poboación que se chamaría O Carballiño, e que, tempo andando, no século XIX acabaría por se converter en vila. En calquera caso, a feira é o que explica que este núcleo de poboación chegara co tempo a ser máis importante cós de Mesego, Partovia, Arcos ou Señorín, sendo todos estes máis antigos que Carballiño).
O nacemento do xerme do actual núcleo do Carballiño produciuse, segundo parece, onde hoxe é o barrio de Flores. Este pequeno lugar medrou ó pé do camiño que ía dende a feira ó pobo de Señorín. Flores é un lugar con certo sabor mediterráneo e árabe, como se dun pobo andaluz se tratase. É un lugar orientado ó Sur, mirando cara o sol, que estaría formado por pequenas casas adornadas con flores, de onde viría o seu nome, segundo unha teoría. Todo o cal encaixa tamén cos nomes que na actualidade levan as súas enxebres rúas: rúa Caravel, rúa Xazmin, rúa Azucena, rúa Mirto, Baixada a Flores, .... Ou, se cadra, foi exactamente ó revés: O nome "Flores" ten outra orixe (pode vir do apelido "Fróilaz"), e, andando o tempo, dado que o lugar se chamaba Flores, alguén pensou que sería boa idea poñerlle ás súas pequenas rúas os nomes antes citados.
En Flores hai tamén, loxicamente, unha fonte: a fonte de Flores. Todo encaixa: un pobo non nace nun determindo lugar por pura casualidade, senón por unhas razóns lóxicas: un lugar orientado ó sur, que teña sol, que estea protexido do frío do norte, que teña un camiño para entrar e saír, e onde haxa auga (un río ou unha fonte) e terreos para cultivar, .... Cando se atopa un lugar así o lóxico é asentarse nel e ir facendo un pobo. Nun lugar así naceu Flores.
(Antes os pobos nacían por razóns lóxicas e de sentido común. Agora nacen por razóns urbanísticas e especulativas: alí onde as normas permiten edificar ... métense as excavadoras .... bótase cemento ... levántanse estructuras .... e ¡veña edificios .... ou chalets "acosados"!... ou o que se poida facer. Dá igual que o lugar estea orientado ó sur ou ó norte, que haxa fontes ou que non as haxa, que o lugar sexa frío, húmido, ... ou o que sexa. Só se precisa que sexa "urbanizable". ¡Ben toleamos!.)
Fonte de Flores
O SÉCULO XIX
O Carballiño moderno foi medrando ó longo do século XIX. Seguíase celebrando a feira. E as augas termais aproveitábanse xa nun balneario que atraía a xentes de toda Galicia.
No ano 1845 Pascual Madoz, no "Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiones de ultramar", despois de decir que é a capital do partido xudicial e do concello de Señorín, describe O Carballiño desta maneira:
"... situada en un declive con hermosas vistas, donde le combaten todos los vientos, y goza de clima bastante saludable, pues no se padecen otras enfermedades que algunas tercianas y dolores de costado. Tiene 130 casas, la mayor parte de un sólo piso, pero de buena fábrica y comodidad interior, distribuídas en calles, una de estas muy espaciosa y hermoseada con los mejores edificios del pueblo; la plaza es cuadrada de bastante estensión, hallándose en la misma la casa municiapl, cárcel cómoda y segura y varios edificios que contribuyen a su buen aspecto.
Hay algunas tiendas de abacería y de otros géneros de consumo, y una escuela de primeras letras frecuentada por más de 130 niños de ambos sexos, tanto de este pueblo como de los inmediatos, cuyo maestro percibe 3.000 rs. de sueldo anual. Para surtido del vecindario se encuentran 2 fuentes, que suelen secarse en el rigor del estío, por lo cual en muchas de las casas principales existen pozos para remediar dicha contingencia. Tiene además dos capillas o ermitas dedicadas ambas a San Antonio ...."
Cóntanos tamén Madoz: que había un proxecto para facer unha carretera que comunicase O Carballiño con Ourense e Pontevedra; que o correo se repartía tres veces á semana; que no tocante a actividade económica destacaba a importancia da agricultura, da gandería, e dos muiños; que hai homes arrieiros; que as mulleres se adican a amasar o pan, que se vende en varios pobos veciños por ser de moi boa calidade. ... E dí tamén que
"se celebra una feria el 16 de cada mes en un espacioso llano cubierto de árboles alineados entre sí, que dan agradable sombra a los concurrentes; dicha feria era antiguamente de renombre, mas en la actualidad nada ofrece de notable ... "
No ano 1854 empézase a contruir a nova casa consistorial, que foi inaugurada no ano 1862, e que se coroará cunha torre na que no ano 1865 se coloca o reloxo que alí segue, obra do sonado reloxeiro coruñés Ramón Antonio Iglesias. (Nos anos noventa do século XX fixéronse importantes obras na casa consistorial, remozándoa e dándolle unha planta máis). Fronte á casa do Concello, na outra banda da Praza Maior, estaba (e segue estando) a casa dos Quiroga, construida no ano 1852, que dende principios do século XX tiña no baixo a botica do intelectual Cesáreo Pinal, que foi un importante lugar de encontro e tertulia para a sociedade carballiñesa da época.
No ano 1872 estableceuse unha nova feira, a de fin de més, que se engadía a do 16.
No ano 1889 Mariano Carrera Ulloa, no libro "Ligero estudio de las aguas minero-medicinales de Carballiño y Partovia", fala do cultivo do viño, da caza e da pesca, da agricultura, da arrieiría, da gandería, das fábricas de papel de Lousado, Bouteiro e Labandeira, e de que a vila conta con 338 casas "de buena fábrica y elegante construcción", distribuídas en varias rúas, das que as máis importantes eran a carretera de Ourense a Ponvedra e a rúa pola que pasaba a carretera que iba de Ribadavia a Cea. E cóntanos tamén que de Carballiño o seguinte:
"... tiene una buena y extensa plaza pública de forma regular, a la que afluyen diez avenidas o calles y en la que se alza la casa o palacio municipal de buenas y severas formas, con otras muchas gallardas construcciones, viniendo a ser el centro de la vida y concurrencia del pueblo; además posee varias plazoletas, en dos de las que se elevan otras tantas capillas dedicadas al culto de San Antonio; tiene estación telegráfica, Cuartel de la Guardia Civil, Administración de Hacienda y de Estancadas, dos oficinas de farmacia perfectamente surtidas, casinos, cafés, muchos comercios y tiendas de abacería y de distintos oficios, espaciosas fondas y casas de huéspedes, ofreciendo al bañista cómodos y bien servidos hospedajes, una variada y exquisita alimentación, hermosos paseos, bellísimas perspectivas, animadas y frecuentes romerías, una temperatura agradable, una atmosfera sana y pura, un cielo claro y sereno, y finalmente una sociedad amable, culta y complaciente".
¿Qué mais se pode pedir? Lendo esta descripción parece que o Carballiño daquela época era un pequeno paraíso terrenal.
A vila do Carballiño pertenecía a freguesía de Señorín, ata que no ano 1893 se creou a parroquia do Carballiño. A finais do século XIX había na vila duas capelas, unha delas estaba na praza que hoxe chamamos dos Irmáns Prieto, e a outra estaba na rúa do Carme, no lugar onde hoxe se atopa a que chamamos "A Igrexa Vella". Por certo esta igrexa construiuse a finais do século XIX en parte con cartos aportados polo concello e en parte con cartos procedentes de suscripción popular entre os veciños.
No ano 1896, José Valcárcel y Vargas, no libro "Memoria de las aguas medicinales de Carballino y Partovia", dí do Carballiño:
"... el comercio es bastante completo, y por más que la industria se reduce casi a la exportación de jamones, hay, sin embargo, dos fábricas de serrar madera, una de curtidos, algunos hornos de quemar cal, varias tejeras, bastantes molinos harineros, un taller de sombrerería cuyos productos gozan fama entre la gente del campo, y además, en tres o cuatro casas, se elabora chocolate que se vende en los pueblos de la provincia.
Los alimentos de primera necesidad son de clase superior, abundantes y económicos...."
"... El aspecto de la villa es alegre y limpio, cumpliéndose por todos las reglas de policía urbana con escrupulosa exactitud. El caracter del vecindario es franco, amable y leal; ...."
"... La administración pública es honrada, merced a lo cual el pueblo prospera con pasmosa rapidez, pudiendo asegurarse que hoy es uno de los más adelantados de Galicia y el primero de la provincia de Orense ...."
O SÉCULO XX
Para empezar imos sementar un pouco de cronoloxía. No século XX sucederon moitas cousas no Carballiño. Podemos destacar as seguintes:
No ano 1900 inaugúrase o Gran Balneario do Carballiño.
No ano 1901, o 22 de febreiro, a raíña rexente, María Cristina, concédelle ó Concello de Carballiño o tratamento de Excelencia, "por el progreso de su agricultura, industria y comercio".
O 18 de agosto de 1901 na casa natal dos irmáns Prieto (Adelaida, Severino, Landro e Juan) empeza a funcionar o asilo para acoller a anciáns desvalidos.
O 15 de agosto de 1903 ábrese ó culto a igrexa do asilo, que hoxe conocemos popularmente como igrexa "das monxas".
En 1911 Ramón Laforet inaugura un salto de auga e con elo chega a Carballiño a luz eléctrica.
E neste mesmo ano 1911 inaugúrase o primeiro cine do Carballiño, o Pabellón Neira, no baixo da casa número 8 da Rúa Mosquera, onde hoxe está o BBVA. Esta casa tuvo moita importancia na vida social e cultural da Vila.
No ano 1915 comézase a construcción do novo asilo, que se inaugura o 24 de xullo de 1921.
En 1920 o concello do Carballiño tiña 9.541 habitantes, segundo o censo diste ano. A vila tería, lóxicamente, uns cantos milleiros menos.
O 12 de xullo de 1935 inaugúrase no Parque Municipal o moumento ós Irmáns Prieto.
Neste primeiro tercio do século XX O Carballiño coñeceu un importante desenrolo económico, social e cultural. Como mostra podemos destacar o feito de que na bisbarra do Carballiño se chegaron a publicar varios periódicos como Ecos del Arenteiro, El sol, La Torre de Maside, La Karaba, Vanguardia Republicana, ...
En 1936 empeza una nova etapa en toda España, e tamén no Carballiño. o 13 de xullo de 1936 é asasinado en Madrid Calvo Sotelo. Poucos días despois empeza a guerra civil. E O Carballiño vai cambiando pouco o "¡Viva la República!" polo "¡Viva España!". En decembro de 1937 rebautízanse as rúas principales cos nomes de rúa José Antonio, Rúa General Mola, ... e á praza maior pónselle o nome de "Plaza del Generalísimo".
Rematada a guerra civil, a Vila vai recobrando pouco a pouco a normalidade. E téntase de potenciar o turismo.
En 1948 inaugúrase o Teatro-Cine Alameda.
No ano 1943 comezan as obras do templo da Veracruz, que se abriría ó culto o 17 de setembro de 1952.
En 1954 nace a charaga OS LIBORIANOS.
O 1 de xullo de 1957 inaugúrase o ferrocarril de Pobra de Sanabria a Carballiño.
No ano 1959 abre un novo cine na vila: o Cine Reque.
O 18 de abril de 1961 morre Don Luciano Evaristo Vaamonde da Cortiña, o promotor da Veracruz, que fora crego moi querido no Carballiño durante tres décadas. (Adolfo Otero Landeira, o constructor da Veracruz, xa morrera antes, o día 18 de setembro de 1956).
O 15 de setembro de 1961 Franco e a súa dona visitan a Vila do Carballiño, na que permanecen soio durante 58 minutos.
O 14 de setembro de 1962 abre as portas outro cine: o Cine Rivas.
O 18 de novembro de 1964 nace o Casino do Carballiño.
E tamén no ano 1964 comeza a súa andadura a Festa do Pulpo.
A partir do ano 1970 pasan moitas cousas no Carballiño, entre as que podemos citar as seguintes:
1973. Entra en funcionamento a piscina municipal.
1974. Dáselle o nome de Carrero Blanco á Avda. de Arcos, con motivo do asasinato de Luís Carrero Blanco a mans de ETA o 20 de decembro de 1973. Posteriormente este nome cambiaría polo de rúa Castelao.
1975. Morre Franco. E pouco a pouco vai volvendo a democracia a toda España e tamén ó Carballiño.
1976. O 27 de xullo inauguración do Instituto de Señorín polos reis don Xoán Carlos e dona Sofía.
1977. Accede a alcalde (mes de abril) desde a súa condición de 1º Tenente de Alcalde Argimiro Marnotes, substituíndo a Javier Perea que presentara a súa demisión.
1977. Nun pleno do Concello do 14 de novembro, decídese levar a cabo unha consulta popular para peatonizar as rúas Mosquera e Rosalía de Castro, resolvendo pouco despois o Concello abrilas unhas horas ó día para servizo de carga e descarga.
1978. Nos plenos do Concello de xuño e outubro acórdase ceder os terreos ó Ministerio de Sanidade e Seguridade Social no monte de Veiga para a construcción da Residencia de Anciáns, aínda que se tardaron algúns anos en levarse a cabo.
1978. O Concello pon a disposición do Ministerio de Educación 800 m2 do Campo da Feira para construír o Colexio de Preescolar.
1979. Entra en funcionamento no curso 1979-80 o Centro de Formación Profesional en Mesego.
1979. Primeiras
eleccións democráticas nas que saen eleidos: 9 concelleiros pola
UCD, 4 concelleiros pola Coalición Democrática, 1 concelleiro
por Unidade
Galega, 1 concelleiro polo PSOE e 2 concelleiros polo BNPG. O alcalde que sae
desta nova corporación é Argimiro Marnotes que ten maioría
absoluta.
1979. O Concello
aproba as Normas Subsidiarias Urbanísticas, dando conta no pleno do 28
de decembro da aprobación das mesmas pola Comisión Provincial
de
Urbanismo.
1979. Inauguración do novo Cuartel da Garda Civil na rúa do Irixo, preto da Ponte da Veiga.
1981. Cédense os terreos e o inmoble ó Estado para habilitar o Fogar do Pensionista da Avda. Julio Rodríguez Soto.
1981. Apróbase o proxecto técnico da Casa da Cultura.
1982. No mes de xaneiro apróbase o Plan Parcial do Polígono da Uceira e urbanízase o lugar para poñer ó servizo dos empresarios solo industrial.
1982. O 10 de
marzo o BNPG presenta unha moción de censura contra o alcalde, Argimiro
Marnotes, que é apoiada por todas as forzas políticas da oposición,
pero
a moción non prosperou por ter maioría o equipo de goberno.
1983. É desmonatado o chalet “Casa Mar”.
1983. Póñense a disposición do Estado os terreos onde estivera o Cuartel da Garda Civil para construír o Palacio de Xustiza, comezando as obras pouco máis tarde.
1983. Hai novas eleccións municipais e Argimiro Marnotes sae elexido alcalde baixo as siglas de Coalición Galega, unha escisión de UCD.
1983. A fábrica
de TANOSA, ubicada en Seoane despide 70 traballadores. Os afectados, co apoio
da INTG péchanse nas instalacións da empresa, na Casa do
Concello e na sucursal da Caixa de Aforros. En decembro, hai unha concorrida
manifestación polas rúas do pobo co respaldo do Concello.
1987. Argimiro Marnotes volve ter maioría absoluta nas eleccións municipais deste ano, encabezando a lista da C.P.G.
1991. Novas eleccións
municipais. Argimiro Marnotes deixa a alcaldía despois de 14 anos. O
novo alcalde é José Luis García Rodríguez, polo
Partido Popular, quen deixará o seu cargo por motivos persoais dous anos
máis tarde a Arturo Marquina, tamén do PP. Durante estes anos
fíxose o Centro Multifuncional.
Nas eleccións municipais do ano 1991 Manuel
Vazquez Fernández (Pachi) encabeza a lista do PSOE, que acada cinco concelleiros
que son: D. Manuel Vázquez Fernández, D. José Eugenio Rodríguez
Blanco, D. Edelmiro Mateo Prado, D. Alfonso Prado Rodríguez e Dª.
Elisa Domínguez Vidal. Antes destas eleccións o PSOE tiña
soio un concelleiro.
1995. Novas eleccións
municipais nas que o PSOE e o PP empatan a sete concelleiros, mentras que o
BNG acada tres concelleiros. Sae elexido alcalde Manuel Vázquez Fernández
(Pachi), do PSOE, con apoio do BNG. Nestas eleccións preséntase
por primeira vez o partido Nacionalistas de Galicia, partido fundado por Avelino
Muleiro e que estaba encabezado nesta circunscrición por Pedro Rodriguez
Rey, que non obtén representación.
Esta corporación municipal aproba un novo
PLAN DE ORDENACION URBANA. E tamén estrena a remozada Casa do Concello,
despois de rematar as obras iniciadas uns anos antes, consitentes en dárlle
ó edificio unha altura máis e en restaurar totalmente o seu interior.
1996. O censo da vila do Carballiño ten rexistrados 8.631 habitantes (o 70% da poboación de todo o municipio, notándose un enorme descenso nas parroquias do rural).
1999. Novas eleccións municipais nas que Pachi obtén maioría absoluta (9 concelleiros).
En xullo de 1999 fúndase o Instituto de Estudios Carballiñeses, que entre outras cousas edita a revista AGORA DO ORCELLON. O primeiro número da revista saíu en marzo de 2001, cun fermoso e completo artigo de Xosé Ramón Iglesias Veiga sobre Palacios e o templo da Veracruz. O promotor desta iniciativa, o director da revista e o presidente do IEC é Avelino Muleiro García, un profesor de filosofía nacido en San Martín de Lamas (Cea), afincado en Vigo, pero tan carballiñés como o primeiro.
O 13 de abril do 2002 empezan as andainas do grupo de senderismo OS RILLAMILLAS.
2003. O PSOE, encabezado por Manuel Vázquez (Pachi) volve a gañar as eleccións mucipais por maioría absoluta.
Nos anos de goberno socialista
síguense facendo obras tales como o empedrado e peatonalización
da rúa principal, da praza dos Irmáns Prieto, da rúa Perfectino
Vietez, da Praza de Emilia Pardo Bazán ... Remózase o alumeado
público en moitas rúas. Renóvanse as beirarúas da
Avenida de Xulio Rodríguez Soto, a rua Conde Vallellano, a rúa
Curros Enriquez, a rúa Martinez Avellanosa, ... Faise o primeiro aparcadoiro
soterrado da vila.
E durante o goberno municipal socialista se fai
o edificio do Centro Comarcal, se milloran as beiras do río Arenteiro
facendo unha beirarúa para pasear polo fondo do Parque Municipal, e tamén
se acondiciona o entorno do muiño das Lousas, e do muiño do Anxel.
No muiño das Lousas establécese un restaurante. No muiño
do Anxel faise un pequeno museo. E naquel entorno tamén se encetan as
obras para facer un camping, construíndo unhas orixinais pallozas redondas
con paredes de pedra pequena e teito que asemella estar recuberto de palla.
Veleiquí unha foto delas:
Dende o ano 1990 ata o ano 2004, en menos de quince anos, foron desfeitas as casas nas que estiveran tres dos cines do Carballiño: o Reque, o Rivas e o Alameda. E no seu lugar fixéronse tres edificios de vivendas. Tamén cerrou as portas o cine Paradiso e no lugar onde estaba abriu un pub. Con esto non quedou ningún cine na vila do Carballiño. Lembremos que o Pabellón Neira cerrara xa moito antes, no ano 1964.
No ano 2004 revitalízase a asociación fotográfica O POTIÑOS coa incorporación de novos membros e novas actividades. O grupo xúntase para ir a facer fotos e logo os que queren traballan no laboratorio de revelado en branco e negro que ten a asociación. Con poucos medios, pero con moita imaxinación e moita ilusión, prepáranse varias exposicións fotográficas, entre as que destaca, pola súa calidade e importancia, a de Oseira, que se expón primeiro no Concello do Carballiño, e logo no mesmo Mosteiro de Oseira, onde se inaugura o día 15 de xaneiro do 2005, con asistencia do Señor Alcalde de Cea e de varios monxes do mosteiro, e coa presencia da televisión local do Carballiño e de varios medios de prensa.
A festa dos Maios, na Praza Maior do Carballiño, coa Casa Consistorial ó fondo.
E agora vamos escarbar un pouco no trasfondo dos feitos que anteriormente relatamos por orde cronolóxico.
Con caracter xeral, pódese decir que no século XX a historia do Carballiño estivo marcada polas consecuencias da emigración das xentes da comarca, primeiro a América e logo a Europa. A falta de medios de vida en moitos pobos da comarca forzaron a moita xente a emigrar. Algúns dos que emigraron fixeron fortunas importantes. E parte dos cartos gañados polos emigrantes da comarca foron invertidos no Carballiño, principalmente na industria da construcción.
Nos anos setenta do século XX houbo un esaxerado desenvolvemento urbanístico, que encheu a Vila de torres de máis de dez alturas. A carón deste desenvolvemento medraron unhas fortunas e naceron outras. E creouse unha vila salpicada destas novas mámoas de cemento e xaneliñas, de máis de vinte metros de altura, ateigadas de pisos-vivendas, que en máis dun cincuenta por cento están deshabitadas. Mesmo algúns pisos chegaron a facerse vellos sin ter sido estreados. Cousas que non se entenderían se non foran explicadas pola emigración e polo desexo de moitos emigrantes de mercar unha propiedade na terra de onde saíron e á que algún día pensan voltar.
Nos derradeiros anos do século XX e nos comezos de século XXI as cousas están cambiando na industria da promoción e construcción de vivendas. Séguense facendo moitos edificios, pero agora xa son menos altos e máis humanos. E normalmente os pisos xa non se mercan nin para revendelos, nin para especular con eles, nin para telos desocupados, baleiros e mortos de risa. A maior parte dos que mercan pisos fano para vivir neles, xa sexa a curto ou a medio prazo. Os baixos tipos de interese (xuros) fan que moita xente que vivía de aluguer poida mercar un piso con un préstamo hipotecario a longo prazo pagando unha cuota mensual pouco superior ó importe que pagaba de aluguer. E moitas das vivendas que se constrúen son de protección oficial ou de protección autonómica, e contan con importantes axudas e subvencións da administración.
Pero, en calquera caso, a industria da construcción segue sendo no comezo do século XXI o principal motor económico da vila do Carballiño.
No século XX temos que destacar tamén na historia do Carballiño outros feitos importantes:
O primeiro deles é a construcción da eirexa da Veracruz, a gran obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios, do gran constructor Adolfo Otero, do incansable crego don Evaristo, e do gran pobo do Carballiño. Obra grande feita con moitos pequenos poucos, nacida en gran parte da "limosna para el templo de la Veracruz"... Esta obra foi executada dende 1943 ata 1962. E quedou, como queda case todo, sen rematar. Moitos son os turístas que ollando o templo da Veracruz preguntan... ¿de que século é?. E cando se lle contesta que é da segunda metade do século XX ... poñen cara de non poder crelo. Parécelles a moitos unha obra dos tempos das grandes Catedrais. No ano 1952 consagrouse a Eirexa da Veracruz, ainda sin rematala. No ano 1957 rematouse a torre.
Eirexa da Veracruz.
Outro dos feitos importantes do século XX é o do nacemento da "Festa do Pulpo", que botou a andar no ano 1964, e que se segue celebrando con crecente éxito ano tras ano, agora coa máis moderna denominación de "Festa do Polbo". É unha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia, que se celebra cada ano o segundo domingo de agosto e que chega a xuntar no Parque Municipal do Carballiño ata 70.000 almas . . .
E tamén debe citarse como un feito cultural importante do século XX o nacemento no ano 1954 da charanga Os Liborianos, que segue saíndo ano tras ano polas rúas no entroido carballiñés, e que hoxe conta cunha praza co seu nome (a praza dos Liborianos), enfronte de onde en tempos pasados estivo o xa desaparecido "Hotel Carlos".
Tamén foi importante para O Carballiño a construcción do ferrocarril. O tramo Ourense Carballiño inaugurouse no ano 1957. E o tramo Carballiño Santiago foi inaugurado o 10 de setembro de 1958. Na construcción do ferrocarril tuvo un papel destacadísimo o enxeñeiro carballiñés DON MARCELINO ENRIQUEZ PARRONDO, que tuvo influencia decisiva para que o trazado da vía pasase polo Carballiño e para que se fixese nesta Vila unha das millores estacións. Por certo que na estación de Carballiño pódense contemplar duas pinturas de Prego, pintor amigo de Don Marcelino.
Non sabemos o que lle agarda ó Carballiño ó longo do recén estreado século XXI.
De momento podemos destacar como un feito importante o retorno de moitos emigrantes: uns por razón de ter chegado á idade da xubilación e outros porque nos países ós que emigraron, agora andan as cousas mal. Isto, en calquera caso, está dando lugar a un crecemento da poboación na vila carballiñesa. E fai que O Carballiño siga sendo, como sempre, unha encrucillada de xentes e culturas. Está claro que "a vida da moitas voltas": a xente do Carballiño emigrou a moitos países, e moi principalmente a Arxentina, onde se fundou o "Centro Gallego de Carballiño en Buenos Aires". Agora cambiaron as tornas e ven a xente de Arxentina para o Carballiño: e no ano 2004 acábase de crear o Centro Argentino en Carballiño".
Cartel anunciando a existencia do "Centro Argentino de Carballiño", colocado na praza Maior do Carballiño. Foto feita o día 8 de xaneiro de 2005.
Tamén se observa nestes derradeiros anos no Carballiño un certo rexurdir da industria, que se pon de manifesto na revitalización evidente do vello Polígono Industrial de A Uceira e na apertura e posta en funcionamento do novo Polígono Industrial de Seoane, no que se instalaron varias empresas, unha das cales ocupa unha parcela de arredor de 100.000 metros cadrados na que se constuíu unha nave moi grande, ata o punto de que nin houbo nin hai no Carballiño ningunha outra de similar tamaño e ata o punto de que mirando dende a lonxana Penacorneira para Carballiño vese máis a nova nave industrial que o mesmo templo da Veracruz.
Para rematar podemos citar algunhas das obras feitas recentemente no Carballiño:
- A construcción do multifuncional.
- A peatonalización e empedrado da rúa principal, da rúa Perfectino Vieitez, da praza dos Irmáns Prieto, da praza de Emilia Pardo Bazán, ....
- A construcción dun aparcadoiro soterrado na praza do Emigrante e na Alameda, promovida por Regenga San Fiz, SL, unha sociedade feita por carballiñeses. Enriba do aparcadoiro colocáronse dous fermosos monumentos:
A PIRAMIDE DE AUGA: obra escultórica de Chema Dapena, colocada na nova rotonda entre as prazas da Alameda e do Emigrante. Un cruceiro de vidro, colocado no eixe da encrucillada que foi-é-será o Carballiño.
O MONUMENTO Á EMIGRACIÓN: (MUNTEM: mundo terra emigración), fermosa obra do artista carballiñes Xesús Carballido, chea de simbolismos. Unha vaca rumiando o mundo; animal noso, de aquí, da terra, onde dormen as raices máis fondas de todos os que se foron a buscar a vida polo mundo adiante. Un barco dado a volta. Un feixe de signos de civilizacións gravados. Un aparello (a modo de torno) para marcar as distancias que hai dende Carballiño ás cidades e lugares nos que hai carballiñeses emigrados. Distancias medidas dende a Veracruz (convertida para esto en centro do mundo enteiro). E por enriba de todo una figura lixeira: un guerreiro-emigrante-camiñante-peregrino que foi-vai-ven-volve e recibe e acolle ós emigrantes retornados nestes tempos complexos. O Muntém consta de unha estructura de ferro recuberta por 600 placas de cobre de 21*24 cm cada unha, nas que se representan signos alusivos a diversas culturas; ademáis contén tamén outros elementos simbólicos: un templo, (e o guerreiro o mundo e o torno dos que antes se falou). Pesa máis de duas toneladas e media. E mide arredor de 8,5 m. de longo e 5,5 m. de alto. Seica 354. Que suman doce. Como os apóstolos, que viviron cando se inición unha nova era: a nosa. Tamén Carballiño está iniciando un novo milenio. Fagamos entre todos que sexa bó.
Lugares de interese
Na comarca do Carballiño hai miles de lugares fermosos para visitar. Pero hai algúns tan destacados que non se poden deixar de citar. E non topo millor forma de citalos que a de poñervos aquí algunhas fotos:
- Oseira
Mosteiro de Oseira. O "escorial galego".
- Astureses
Eirexa de San Xulián de Astureses. Século XII. Unha xoia do románico.
- Pazos de Arenteiro:
Vista de Pazos de Arenteiro
-Cameixa:
Eirexa de San Martiño de Cameixa. Outra xoia do románico.
-Banga e Cabanelas:
O pazo de Emilia Pardo Bazán. Banga é o balcón do Ribeiro. E ten tamén unha fermosa eirexa cunhas pinturas que non poden deixar de visitarse.
-San Cibrán das Lás: O gran castro. Está no concello de San Amaro. Para os amantes da historia é unha cita que non se pode pasar por alto.
FONTES CONSULTADAS: A memoria do Carballiño. Dos autores Carlos Díaz Martínez e Felipe-Senén. (XERAIS, ano 2003); O Carballiño, vellas historias vellas fotografías 1870-1970. Do autor Miguel Anxo Fernández. Libros ámbolos dous que recomendo encarecidamente a tódolos que estén interesados pola historia do Carballiño. Tamén lle dou públicamente as gracias a Avelino Muleiro García que por correo electrónico unhas veces e personalmente outras me foi contando moitos dos datos e feitos que se recollen nesta páxina.
E para rematar dígovos que esta páxina non pretende ser unha historia de todo o que pasou no Carballiño. Sei que faltan moitas cousas. E sei que falta unha explicación de por qué pasou o que pasóu e de qué consecuencias tuveron os feitos que ocurriron. Eu soio pretendo ir xuntando un carro de feitos e datos para que quede constancia deles e para que no futuro os historiadores teñan máis facil o seu traballo. Por eso quén poida aportar máis datos pode enviarmos por email. E así, entre todos, iremos cargando este carro web de cousas que pasaron no Carballiño.
PARROQUIAS E LUGARES DO CONCELLO DO CARBALLIÑO:
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
©Instituto de Estudios Carballiñeses.