galicias>> instituto de estudios carballiñeses 

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

A VERACRUZ

Conversas a carón do lume: ¿como se fixo a Vera-Cruz?

   

     (Para seguir mellor a conversa lembrade: -- = fala o neto; - = fala o avó)

     Era Domingo. Tempo de inverno. Febreiro. Ano 2005. Chovía con canseira. Pablo pasou o día na casa dos seus avós. Facíao todos os domingos que podía. Despois de xantar, Pablo e o seu avó Luis sentáronse a carón do lume e puxéronse a falar. Era algo que facían moitas veces e que lles gustaba moito, porque nestas conversas sempre aprendían moitas cousas.

O neto empezou dicindo:

-- Avó, ¿sabes unha cousa?... Estou lendo un libro moi bonito. Chámase SANTUARIO DE LA VERA-CRUZ DE SAN CIBRAO DE CARBALLIÑO DE ANTONIO PALACIOS. Escribiuno don Adolfo Otero Cerdeira.

- Xa me falaron dese libro. Teño ganas de lelo. Cando o remates tesmo que prestar.

-- Creo que che vai gustar moito, pois conta cómo fixeron a igrexa da Veracruz. ¿Tí lémbraste de cando a fixeron, avó?.

-¡Home claro!. ¡Como non me vou lembrar!. ¡Eu xa era mozo cando a empezaron!.

-- Pois a min paréceme imposible imaxinarme esta vila sen a Igrexa da Veracruz.

- Cando eu era neno, O Carballiño era un pobo pequeno. Non había rañaceos. A maior parte das casas eran de baixo e un ou dous pisos altos. A casa máis alta era a de don Perfectino Vieitez, que tiña soto, baixo e tres pisos. E a casa máis grande era o asilo. A igrexa que había era a que hoxe chamamos "A Igrexa Vella", que fora feita arredor do ano 1900. Todos os veciños nos coñeciamos. E case todos nos levabamos ben. Aínda non existía o ferrocarril. E só tiñan coche os que eran moi ricos.

-- E ¿sabes por que fixeron a Veracruz?

- Pois mira, no ano 1930 chegou aquí un cura novo que se chamaba don Evaristo ...

-- No libro que estou lendo fala del. Chamábase don Luciano Evaristo Vaamonde da Cortiña. Naceu en Moreiras (cerca de Ourense) no ano 1880. Estudiou no Seminario de Ourense e antes de vir para o Carballiño estivo de cura en Sobrado do Bispo. Chegou ó Carballiño no ano 1930, cando tiña 50 anos. Daquela estaban facendo as obras do ferrocarril de Zamora-A Coruña. A nosa vila xa tiña medrado bastante durante as primeiras décadas do século XX. E don Evaristo pensou que, cando rematasen as obras do tren, o Carballiño, por ter estación, quedaría moi ben comunicado, e aínda medraría moito máis, e precisaría outra igrexa. Todo isto aprendino no libro.

- Foi así como ti contas. Pero primeiro chegou a República, e logo a Guerra Civil, e don Evaristo tardou máis de dez anos en botar a andar o seu proxecto.

-- Daquela xa tiña 60 anos cando empezou, ¿non si?

- Así é.

-- Pois fáiseme raro que unha persoa de sesenta anos tivese forzas e ilusión dabondo para empezar a construír unha igrexa nova destas dimensións.

- Eu sempre cavilei niso. Pero don Evaristo con sesenta anos aínda tiña mais enerxía da que teñen moitos mozos de vinte anos. Non paraba de facer cousas. Ademais de rezar, tamén lle gustaba axudar a todo o mundo, principalmente á xente pobre. E cando rematou a guerra tamén intercedeu por moita xente para que non a matasen. E moitos seguiron vivos gracias a el. Aínda que outros, por desgracia, non se puideron salvar.

-- ¿Aquí tamén mataron xente?.

- Tamén... Esperemos que nunca volvamos a ver outra guerra.

-- Cóntame máis cousas de don Evaristo. Gústame máis que me fales del que da guerra. Hoxe non quero poñerme triste.

- Como che dicía, don Evaristo con sesenta anos seguía tendo unha gran vitalidade. Estaba sempre traballando sen parar. E cando había que facer algo importante no pobo case sempre se consultaba con el. A xente queríalle moito.

-- ¿E sabes como empezou para facer a nova igrexa?

- Creo que o primeiro que fixo foi convencer á familia Pereira para que lle regalase un terreo nun lugar que se chamaba a Escada da Carpaceira. Era unha zona moi soleada, que estaba nas aforas da vila, entre o núcleo urbano e o lugar onde estaban facendo a Estación do Ferrocarril.

- Pensaría que a vila iría medrando de cara a estación.

- E así foi, pois hoxe a estación está xa dentro da vila.

-- E a Veracruz xa non está nas aforas ...

- Cando eu era mozo toda esa zona que hai entre a igrexa nova e a estación eran campos onde andaban as vacas e as ovellas.

-- ¡Que fermosa debía ser a nosa vila naqueles tempos en que había mais lameiros e menos rañaceos!. ¡Gústame moito cando me ensinas as fotos que gardas daquela época!.

- Sí. A min tamén me gusta moito mirar fotos vellas. É unha mágoa que non teña máis. Pero daquela non era coma hoxe. Só os fotógrafos tiñan máquinas para facer fotos. E custaban cartos. E os cartos escaseaban. Por iso só se facían fotos en ocasións moi importantes.

-- Volvendo ó asunto da igrexa, no libro que estou lendo tamén di que unha das primeiras cousas que fixo don Evaristo foi pór en marcha unha comisión presidida polo Sr. Alcalde don Julio Rasilla e da que formaban parte, ademais do alcalde e do párroco, outras persoas como Cesáreo Sobrino, Amancio Paradela, José Rodríguez, José Blanco -Maneiro-, Jaime Enríquez e Evaristo García. ¿Ti coñeciches a toda esta xente?

- Por suposto que si. Amancio Paradela, José Rodríguez e Evaristo García eran avogados. José Blanco, era procurador; chamábanlle de alcume O Maneiro. Jaime Enriquez era comerciante. E Cesáreo Sobrino era tamén un importante persoeiro na vila do Carballiño. Todos eles eran moi coñecidos. E algún deles aínda morreu hai poucos anos. A comisión foi moi importante para servir de enlace entre o párroco e a xente do pobo e para que a xente vise a igrexa como unha obra de todos. Aínda que tamén había xente que estaba en contra da obra, como ocorre sempre.

-- ¿Si? ¿E por que?

- Porque algúns pensaban que era unha tolada poñerse a facer unha obra tan grande naqueles tempos de fame e miseria. Había quen pensaba que era mellor dedicar eses cartos para darlles de comer ós pobres. E outros dicían que o Carballiño xa tiña dabondo coa igrexa que había e que non precisaba outra. Tamén había quen opinaba que o sitio onde querían facer a igrexa quedaba moi lonxe e que non estaba ben facela fóra do pobo, que sería moito mellor facer unha igrexa máis pequena e facela dentro da vila. E tamén estaban os que lles gusta dicir a todo que non, que sempre hai xente desta. Había opinións para tódolos gustos. Pero o que máis criticaba a xente era que a igrexa que se proxectaba fose tan grande. Eran moitos os que estaban convencidos de que nunca se ía chegar a facer, que todo ía quedar nun soño ou nun feixe de planos e papeis que non se ían plasmar na realidade.

-- Pero ó final fíxose.

- Si. Pero tamén é certo que non se fixo todo o que estaba no proxecto.

-- Xa o sei. No libro que estou lendo tamén fala do arquitecto que fixo o proxecto da Veracruz. Chamábase don Antonio Palacios Ramilo. Naceu no Porriño o día 8 de xaneiro de 1874, polo que era seis anos máis vello ca don Evaristo. Vivía en Madrid, onde fora o autor dos proxectos de edificios moi importantes da capital de España, como por exemplo o Palacio de Correos e Telégrafos, o edificio do Banco del Río de la Plata, o Hospital de Jornaleros de Cuatro Caminos, o Círculo de Bellas Artes, o edificio do Banco Mercantil e Industrial, e outros moitos. Todos eles edificios moi importantes que aínda se poden ver hoxe en Madrid. E en Galicia tamén fixera os proxectos de obras moi importantes como a da Virxe da Roca de Baiona, a Casa do Concello de Porriño, o teatro García Barbón de Vigo, os edificios do Balneario de Mondaríz e o Santuario da Virxe do Mar de Panxón. Todo isto aprendino no libro.

- Eu non sabía que fixera tantos edificios. Contigo sempre estou aprendendo cousas novas. Por iso me gusta tanto falar contigo.

-- A min tamén me gusta moito conversar contigo, avó. Tí sabes máis que unha enciclopedia.

- Gracias, meu neto querido. Canto máis estou contigo máis che quero ... Pero, volvendo ó asunto do que falabamos, eu o que sei de don Antonio Palacios é que se portou moi ben coa vila do Carballiño. Aceptou o encargo de don Evaristo con moita ilusión. E fixo os planos de balde, pois regaloullos á parroquia sen cobrarlle un peso. E veu moitas veces visitar a obra. E cando viña gustáballe falar con todo o mundo. Falaba con don Evaristo e co mestre das obras, pero tamén falaba cos canteiros e co resto da xente que traballaba na igrexa.

-- Segundo conta o libro, o arquitecto fixo os planos no ano 1942. E se temos en conta que nacera no 1874... entón cando fixo os planos andaría polos 68 anos.

- Si. Xa non era un rapaz. Debeu ser un dos seus derradeiros proxectos.

-- E parece ser que a primeira pedra da igrexa se colocou o día 20 de xuño de 1943. ¿Lémbraste?.

- Si. Eu non sei certo que día era. Pero acórdome de que era domingo. E debía de ser por san Xoán, pois xa andabamos na sega da herba. Aquel día, despois de asistir á cerimonia da bendición da primeira pedra, fomos revolver a herba do lameiro da Barxiña. Naqueles tempos estaba prohibido traballar ós domingos, pero había traballos máis lixeiros que si estaba permitido facer, como era este de revolver a herba. En cambio non se podía nin ir segar a herba, nin tampouco xunguir as vacas para carrexar a herba dos lameiros para a palleira. O domingo non se podía xunguir as vacas para facer cousa ningunha. Aínda se respectaba máis o descanso dos animais que o da mesma xente.

-- ¡Hai que ver como cambiou o mundo!.

- Eran tempos moi difíciles. A igrexa empezouse no ano 1943, como ti ben dixeches. Aquí xa rematara a guerra civil, pero en Europa andaban na Segunda Guerra Mundial. E aquí a comida andaba moi racionada. Eran os "anos da fame". No ano 44, nalgunhas aldeas, houbo familias que gastaron todo o que tiñan, que consumiron ata a última pataca, e que non foron capaces de gardar un só gran de centeo para sementar. E entón empezou a estenderse o medo á fame. Porque a fame empeza cando se come a semente. Nós fómonos apañando. E ata lle prestamos ós da Florinda unha tega de centeo para que fixesen a sementeira. ¡Quedáronnos agradecidos de por vida!... Parece imposible que en tempos de tanta penuria se puidese construír esta igrexa. Aínda que eu penso que a súa construción foi unha salvación para a comarca, pois foron moitos os que escaparon da fame por topar traballo na construcción da Veracruz.

-- ¡Canto me gusta escoitarte, avó!. E mira unha cousa, ¿ti sabes por que á igrexa nova lle puxeron o nome de Veracruz?.

- Mira, Pablo... Eu penso que cando se fai unha catedral ou unha igrexa sempre lle hai que buscar unha razón espiritual que anime á xente. Para facer unha obra tan grande fai falta moita fe. E fai falta unha razón espiritual. Non é dabondo con dicir que a igrexa vella se queda pequena e que non cabe a xente nela. Non. Fai falta unha razón que toque na alma e que enlace co máis alá. Moitos santuarios fixéronse en lugares nos que se apareceu a Virxe, como por exemplo o de Fátima ou o de Lourdes. E moitos conventos e catedrais levantáronse en sitios nos que se produciron milagres. Aquí no Carballiño non se sabe que a ninguén se lle aparecera a Virxe. E tampouco sei se tivo lugar algún milagre famoso. Pero o que si sei é que temos unha reliquia, un anaquiño de madeira que pertenceu á cruz na que mataron a Xesús. É o que lle chaman un linum crucis, que está gardado nun relicario, que se dá a beixar á xente o día de Venres Santo e máis o día do noso patrón san Cibrán. Esta reliquia tróuxoa un monxe franciscano que se chamaba frei Pedro Fernández. Creo que a trouxo de Xerusalén, alá polo ano 1901, pois naquel tempo os franciscanos eran os encargados de gardar os Santos Lugares.

-- Xa entendo. ¿E fíxose a Veracruz para gardar esa reliquia? Para gardar unha cousa tan pequeniña non facía falta facer unha igrexa tan grande...

- ¡Home, claro que non!. ¡A reliquia cabía ben na igrexa vella!. Pero o importante é que esa reliquia témola aquí. E como se quería facer unha igrexa nova ... xuntouse unha cousa coa outra e pensouse en facer unha igrexa de peregrinación á que viñese xente de todo o mundo para adorar esa reliquia. Como van a Santiago para abrazar ó Apóstolo. Era como poñerlle unha alma ó proxecto.

-- Xa. Cada vez estou máis convencido de que para facer unha igrexa tan grande facía falta xuntar moitas razóns. Normalmente todas as cousas se fan por moitas razóns.

- ¡Claro que si!.

-- Pero ... estou pensando ... que entón a igrexa deberíase chamar Igrexa da Vera-Cruz, ou incluso mellor "Santuario da Vera - Cruz", como di o título do libro que estou lendo.

- Tés razón. Pero unha vez que a igrexa estivo feita ... a xente empezou a fixarse na igrexa e a esquecerse da reliquia da cruz. E pouco a pouco o nome foise transformando, xuntándose as dúas palabras nunha soia. E hoxe cando a xente fala da igrexa da Veracruz case ninguén pensa na Cruz. A verdade é que ó final a igrexa quedou só como templo parroquial e a idea de igrexa de peregrinación foi caendo no esquecemento.

-- É unha cousa curiosa. Pero gústame moito saber por qué lle chaman "Vera-Cruz". Sempre me gustou saber o por que dos nomes das cousas. Seguro que isto tamén o conta o libro que estou lendo. Pero aínda hai moitas partes do libro que me faltan por ler.

- Tés que me prestar ese libro. Falando contigo doume conta de que hai moitas cousas relativas á Veracruz que non sei e que me gustaría saber.

-- ¿Sabes o que estou pensando?. Que mañá vou ir á librería Epi e vou mercar un exemplar do libro para regalarcho. Creo que é un libro que debería estar en todas as casas do Carballiño.

- Non poderías facerme un agasallo mellor.

-- Mira outra cousa, avó. Tí tamén coñeciches ó constructor que fixo a Veracruz, ¿non si?.

- ¿A don Adolfo Otero Landeiro? ¡Por suposto!. ¡Aínda tomamos catro viños xuntos!. Era un home marabilloso. Dos que hai poucos. Era de Brués. Pero viviu moitos anos no Carballiño. Recordo que primeiro lle daban o alcume de "Farrusqueiro", pero despóis chamábanlle "Adolfo o do Grupo Escolar" (porque foi o que fixo o edificio do Grupo Escolar), e ó final acabáronlle chamando "Adolfo o da Iglesia". Non creo que faga falla que che explique o por que. E creo que o alcume de Farrusqueiro lle viña por parte do sogro que se chamaba José Cerdeira, con quen empezou a traballar na construción. Creo que foron eles tamén os que fixeron a igrexa que hai na praza dos Irmáns Prieto e tamén o edificio do Asilo.

-- O que escribiu o libro é fillo del.

- ¡Claro que é!. Don Adolfo Otero Landeiro estaba casado cunha señora que se chamaba dona Rafaela Cerdeira López, e tiveron moitos fillos, uns homes e outras mulleres. E algúns deses fillos seguiron co oficio do pai e dedicáronse tamén á construcción. Son Adolfo, José Antonio e Rafael. Todos eles son moi coñecidos aquí no Carballiño. E Adolfo traballou co seu pai nas obras da Veracruz dende os quince anos... Agarda. Voulle botar algo de leña ó lume que xa se está apagando.

-- ¿Queres que che vaia buscar un cesto de rachas ó pendello?

- Non estaría mal.

-- Agora veño.

.................

- Gracias. Déixao nese recanto.

-- Xa se fixo de noite. ¡E segue chovendo!.

- Ben cómpre que chova. Facía moita falta a auga.

-- Botaría toda a noite falando contigo, avó. Pero teño que irme. Pero mañá cómproche o libro o véñocho traer. E pro domingo que vén, se podo, volvo e seguimos falando.

- Volve cando queiras.

 

     Despedíronse con cariño. O neto foise e o avó quedou sentado mirando cara o lume. E colleuno o sono. Pero pouco durmiu, pois logo o chamou a súa dona para que fose dar conta da cena.

     O luns Pablo mercou o libro e levoullo ó seu avó. Este botou a semana enteira lendo no libro. E canto máis lía máis lle gustaba. E cada vez tiña máis gañas de que chegase o domingo para falar co seu neto.

     E o domingo volveu amañecer chuvioso. Despois de comer, Pablo volveu para a casa do seu avó Luis, e puxéronse a falar de novo a carón do lume.

-- Boas tardes, avó. Hoxe tés bo lume.

- Boa falta fai, que está o día frío.

-- Estamos no tempo ...

- Si. E ¡máis vale que veña o frío agora e non que veña no mes de maio!.

-- ¿Liches o libro?

- Xa pouco me falta. ¿E ti? ¿Xa o remataches?

-- Xa. Xa rematei. E agora estouno lendo de novo.

- ¡Ten moito que ler!

-- Ten, por certo... Avó... segundo di o libro, as obras da Igrexa empezaron no mes de xullo de 1943, e o primeiro que se fixo foi construír unha caseta de madeira e ladrillo de 12 metros de longo por 8 metros de ancho para oficinas e para gardar as ferramentas e o cemento.

- Si. E logo empezouse polos cementos, como se empezan todas as obras.

-- A obra empezouse facendo polo sistema de administración. E os cartos para pagar as obras obtíñanse por subscrición popular. Había unha comisión que recollía cartos entre os veciños. E tamén mandaron cartos os emigrantes do Carballiño, principalmente os que andaban polas Américas.

- Iso é certo, Pablo. Pero, ademais, don Evaristo non paraba de visitar os organismos oficiais para pedirlles subvencións. Aínda que lle daban moito menos do que el quixera.

-- E, segundo conta o libro, outro problema moi importante que tiñan era o do racionamento dos materiais. Ás veces era moi difícil conseguir cemento, pois andaba moi escaso. Algunhas veces don Evaristo pedía que en vez de lles dar a esmola en cartos lla desen directamente en materiais de construcción.

- Sí. E tamén foi moi importante o feito de que parte da pedra lles saíu de balde, pois o concello do Carballiño puxo a disposición das obras unha canteira que tiña cerca do parque municipal, onde hoxe se atopa a vivenda do garda da Piscifactoría. Desta canteira foi de onde se empezou a sacar a pedra para facer a cimentación.

-- Se houbera que mercar toda a pedra que fixo falta seguramente que non tería sido posible facer a igrexa, ¿non che parece, avó?.

- Pode ser, meu neto, pode ser. Pero de todos modos, a pedra para a igrexa tróuxose de moitas canteiras: de Anllo, da Piteira, do Irixo, de Trasalba ... Pero sempre de canteiras desta comarca, pois a don Antonio Palacios sempre lle gustaba que se empregasen nas súas obras os materiais da zona. Nalgúns casos a pedra cedíana de balde, pero noutros houbo que pagala. Pero o feito de que o concello do Carballiño cedese de balde a pedra da canteira que había ó pasar o Parque Municipal foi un bo comezo.

-- E mira unha cousa, avó: ¿ti sabes se traballaba moita xente nas obras?

- Cando se empezaron as obras, na canteira que estaba á beira do Parque Municipal traballaba unha cuadrilla de 16 obreiros dirixidos por un capataz. E cada obreiro gañaba doce ou trece pesetas diarias, agás un pinche que se chamaba Bernardino que só cobraba catro pesetas por día.

-- ¿E na igrexa?

- Na igrexa traballaban outros 16 obreiros. Estes cobraban diferentes cantidades segundo a categoría que tiñan. Había quen cobraba nove pesetas por día. Pero tamén había quen cobraba dezaseis pesetas diarias. E creo que incluso había un que gañaba dezasete pesetas por día.

-- ¿E don Adolfo canto gañaba?

- A don Adolfo Otero Landeiro, como mestre das obras, pagábanlle 1500 pesetas cada mes. Pero o seu fillo Adolfo Otero Cerdeira tamén traballaba nas obras co seu pai sen cobrar un peso.

-- Di o libro que despois de facer os cementos empezaron as obras pola ábsida. O arquitecto tiña proxectado que se fixese unha cripta na ábsida, pero don Evaristo, para aforrar cartos, propuxo que non se construíse a cripta. E así se fixo.

- Si. Así foi. O arquitecto viña dende Madrid de cando en cando para ver como ían as obras, e botaba cinco ou seis días no Carballiño. Hospedábase no Hotel Carlos. A súa presencia sempre animaba a todos, tanto ós que traballaban na obra, como ós que formaban a comisión, como ós veciños que o escoitaban falar con entusiasmo do seu proxecto e do que significaría para O Carballiño. Aínda que xa andaba cerca dos 70 anos, tiña unha ilusión contaxiosa, coma se fora un mozo. Ademais tiña unha gran capacidade para ir resolvendo tódolos problemas que se ían presentando.

-- Avó: nótase que liches ben o libro. Case o sabes de memoria.

- Pois ti non te quedas atrás. Aínda que o meu ten máis mérito, pois eu xa vou vello e ademais só o lin unha vez, e ti es máis novo e xa andas na segunda lectura.

-- A verdade é que é un libro apaixonante.

- Tamén conta que primeiro se levantou a xirola e as capelas que hai arredor da ábsida. Estas capelas non son só para adorno, senón que tamén serven para absorber o empuxe das arquerías centrais e dos arcos secundarios da cúpula e do deambulatorio. As seis primeiras columnas da ábsida son monolíticas de 3.30 metros de alto por 38 cm. de diámetro, alternando as de granito da Piteira coas de granito de Anllo.

--Avó... a min ás veces o interior da Veracruz faime pensar nun bosque de pedra, formado por columnas e arcos de granito. Toda a igrexa está sementada de arcos parabólicos. E pode ser que nisto radique a súa principal orixinalidade, pois normalmente na arquitectura relixiosa úsanse arcos de medio punto (no románico), arcos apuntados (no gótico), ou arcos de ferradura (no mudéxar); pero moi poucas veces se usan os arcos parabólicos, que se ven con máis frecuencia en pontes ou en edificios tales como estacións ferroviarias, pero case que nunca en igrexas. Gaudi e Palacios son os que máis usan os arcos parabólicos na arquitectura relixiosa.

        

- E a cúpula é impresionante. Aséntase sobre 8 columnas hexagonais de 4.50 m de altura e 80 cm. de groso. O arquitecto quería que estas columnas fosen monolíticas, cada unha dunha soa pedra, pero non era doado atopar bloques de granito dese tamaño, polo que finalmente se fixeron de varias pezas, e cada columna consta de sete tambores. Palacios tiña proxectado que o peche da cúpula se fixese cunha gran bóveda de formigón armado. Pero o cemento e o ferro andaban escasos. E Adolfo Otero Landeiro propúxolle ó arquitecto outra solución, que o arquitecto aceptou e que foi a que finalmente se fixo: o peche da cúpula está feito con oito nervios de pedra de granito que se xuntan no anel central no que se asenta o lucernario, e logo o espacio entre os nervios está pechado con bóveda tabicada, igual que os cerramentos do resto da obra. A verdade é que a min a cúpula gústame moito tal como quedou.

-- No ano 1945, o arquitecto enfermou e xa deixou de vir ó Carballiño. O mestre da obra, don Adolfo Otero, ía de cando en cando a Madrid para falar con don Antonio Palacios para informarlle de cómo ían as obras e para consultarlle as dúbidas que se lle ían presentando. Don Antonio sempre o atendía con gusto e con ilusión; e gustáballe que lle levase fotos das obras que se ían facendo, para ver cómo quedaban; e gracias a isto consérvanse un feixe de fotos da construcción da Veracruz.

- E nese mesmo ano o arquitecto morreu.

-- Si. Así foi, avó. O 27 de outubro do ano 1945 morreu don Antonio Palacios. Tiña 71 anos. Foi unha perda moi grande.

- Si. Tal como di o libro, cando morreu don Antonio Palacios estaba construída a ábsida coa súa xirola, estábanse rematando as ábsidas secundarias do cruceiro, xa se levantaran as columnas da rotonda, e estaban en construción os estribos do arco dos apóstolos, o baptisterio e as cementacións para a sala de reunións e a nave.

-- Si. E todo o demais estaba por facer. A gran obra quedaba orfa. Era un momento moi difícil.

- Don Antonio Palacios non tivera fillos. E os seus herdeiros non quixeron entregar de balde a documentación que tiña o arquitecto relativa á Veracruz. Para entregala pedían un montón de cartos. E don Evaristo non tiña un peso e non podía pagar aquela cantidade de diñeiro que pedían.

-- E ¿que pasou, avó?

- Don Evaristo xuntouse co mestre de obras e con varios técnicos. Examinaron os documentos que tiñan no seu poder. E decidiron tirar para diante e arranxarse co que tiñan. As partes esenciais da obra estaban definidas nos planos que tiñan e na memoria. Faltaba definir algúns detalles, pero como o mestre de obras mantivera moitas conversas co arquitecto, sabía das intencións deste. E así púidose seguir coa obra intentando mantela fiel ó espírito do arquitecto que a proxectara.

-- E a obra seguiu para adiante.

- Seguiu. A finais do ano 1945 rematouse o arco dos apóstolos. Nel quedaron unhas grandes pedras en bruto nas que Xesús Saavedra ("o santeiro do Irixo") esculpiu despois, subido enriba dun andamio, as imaxes dos apóstolos.

   

-- E no ano 1946 rematouse a cúpula.

- Si. Foi moi emocionante ver como cando retiraron os andamios de madeira que lle servían de soporte ... a cúpula se mantivo en pé por si mesma, sostida polos nervios de pedra que confluían no lucernario. Foi un momento moi importante. A partir de aquí o soño empezaba a facerse realidade.

-- E no ano 1947 fíxose a nave e empezouse cos cementos da torre.

- Si. Para os cementos da torre fíxose un burato moi grande e no fondo del fundiuse unha prancha de formigón dun metro de gordo, tal como aconsellou don Marcelino Enríquez Parrondo. Logo os cementos completáronse con mampostería formigonada de grandes bloques de granito. Algún dos bloques era tan grande que chegou el só para cargar un camión.

-- Despois, no ano 1948, a falta de cartos e o desabastecemento de cemento case obrigaron a parar a obra.. Só traballaban nela uns poucos albaneis pechando bóvedas e colocando as lousas de cristal dos ventanais.

- Cando morreu don Antonio Palacios fíxose cargo da dirección da obra o arquitecto Alex y Barreiro. Pero no ano 1949 deixouna por non poder atendela; e a partir dese momento fíxose cargo da dirección da obra o arquitecto don Manuel Conde Fidalgo. E tamén se contou na dirección da obra coa impagable axuda do aparellador Rafael Jorreto Calpe.

-- No ano 1950 cerrouse a bóveda do pórtico da torre e rematouse a cuberta de lousa da nave. Don Evaristo tiña 70 anos.

(A cuberta inicial era de lousa do Paraño, e despois da morte de don Evaristo foi sustituída por esta de lousa do occidente ourensán)

- Aquel ano non foi fácil. Non había cartos. E houbo que parar as obras.

-- Si. Pero logo en canto foi posible volveuse traballar. E no ano 1952 colocouse o altar maior no centro da rotonda, tal como estaba previsto no proxecto de Palacios.

- Si. Alí é onde estaba ó principio, pero despois de morrer don Evaristo foi cambiado de sitio para poñelo onde se atopa agora.

-- Certo. E por fin chegou o gran día da inauguración. O 17 de setembro de 1952 tivo lugar a inauguración oficial da igrexa da Veracruz. Asistiron importantes persoeiros, como o director xeral de asuntos relixiosos e o Conde de Vallellano, que era Ministro de Obras Públicas. Por certo, ¿este Conde de Vallellano é o mesmo ó que se lle dedicou unha das rúas do Carballiño, a que pasa por diante do Pituxo?

- Si. Claro que ten que ser o mesmo.

-- E ti ¿acórdaste do día da inauguración, avó?

- Si que me lembro. Estiven alí. Se non recordo mal era mércores.

-- ¿Cómo? Sería domingo. ¡O lóxico é que a inauguración se fixese un domingo! Igual que era domingo o día da cerimonia da colocación da primeira pedra.

- Pois creo que estás equivocado. Eu penso que era mércores.

-- ¿E por que se fixo ese día?

- Supoño que para facela coincidir coas festas do setembro. O patrón do Carballiño é san Cibrao, e a súa festa celébrase por estas datas. ¿Cando é o día de san Cibrao?

-- ¿O día de San Cibrao?. O16 de setembro.

- Pois entón non sei moi ben por qué se inaugurou o 17. Haberá que informarse ben.

-- Será porque o 17 de setembro é festivo local no Carballiño.

- Será por eso.

-- Cando se inaugurou a Veracruz don Evaristo tiña 72 anos e levaba 22 anos atendendo a parroquia do Carballiño.

- Despois de case 10 anos de desvelos e traballos, don Evaristo e a xente que o apoiara empezaban a ver o froito do seu esforzo. A torre aínda estaba sen facer, pero a igrexa xa se podía usar.

-- A torre foise levantando pouco a pouco. A partir da metade da torre a obra deixou de facerse por administración e empezou a facerse por contrata, a razón de 25.000 pesetas por cada metro que se levantaba. E, cando aínda se estaba facendo a torre, púxose malo o mestre de obras.

- Si. Estivo varios meses enfermo. Entón púxose ó fronte da obra o seu fillo don Adolfo Otero Cerdeira.

-- E don Adolfo Otero Landeiro morreu o día 16 de setembro de 1956, día da festa de San Cibrao. Morreu moi novo, pois só contaba 55 anos.

- Despois veu o ano 1957 que foi moi significativo para a vila do Carballiño, pois neste ano, o día 2 de xullo, inaugurouse a estación do ferrocarril do Carballiño e o día seguinte, 3 de xullo de 1957, colocouse a derradeira pedra da torre da Veracruz.

-- A torre ten 52 metros de altura. No proxecto de Palacios debería estar coroada por unha gran cruz de ferro que levantaría 10 metros máis, pero finalmente esta cruz non se fixo.

- Non. Non se fixo. Pero o que si se fixo foi o coro, na entrada da nave. Fíxose no ano 1958.

-- Don Evaristo estaría contento, ¿non si?

- Estaba. E empezáronlle a chegar os recoñecementos ó seu traballo. Pero tivo pouco tempo para saborealos, pois a súa saúde empezou a resentirse.

(Estatua en bronce de don Evaristo, pagada por subscripción popular, e inaugurada o 17-9-2004)

-- E o 18 de abril de 1961 morreu. Tiña 81 anos. E levaba 30 anos de párroco no Carballiño. Foi soterrado o día 21 de abril na igrexa da Veracruz, onde a súa lápida reza:

"D.O.M.
AQUÍ REPOSAN LOS RESTOS MORTALES
DEL ILMO. Y REVDMO. MONS.
D. LUCIANO EVARISTO VAAMONDE DA CORTIÑA
PÁRROCO DE CARBALLINO
PROMOTOR DE LA ERECCIÓN DE ESTE TEMPLO
VIVIÓ EN SENCILLEZ Y POBREZA
FUE INSIGNE MENTOR DE LA JUVENTUD
PROTECTOR DE LOS POBRES
AMIGO DE LA NIÑEZ
LO LLAMÓ EL SEÑOR EL 17 DE ABRIL DE 1961
DESCANSE EN PAZ."

 

- Xa vin que en varios libros di don Evaristo morreu o martes día 18 de abril do ano 1961. Pero, se te fixas, na lápida pon que Deus o chamou o 17 de abril, que era luns. Estou seguro que un home tan Santo non ía desobedecer en nada a Deus, de xeito que se Éste o chamou o día 17 é seguro que se foi ó ceo o mesmo día 17.

-- Xa. Pero se cadra hai un erro na data que pon na lápida.

- Pode ser. Pero paréceme moi raro. Paréceme máis normal que o erro este nos libros e non na lápida. E tamén pode ser que os dous teñan razón...

-- ¡¿Cómo?!

- Estou pensando que como morreu contra a noite ... podería ser que no xulgado asentasen a morte na data do día 18 ... de tal xeito que a data real da morte sería a que día a lápida ... e a data oficial sería a do certificado de defunción. E de aquí pasaría ós libros. Ti tamén naciches o día 29 de decembro, pero estás asentado o 31, e por moito que eu che conte que viñeches ó mundo o día 29 ... non cabe dúbida de que a data oficial do teu nacemento a todos os efectos é a do 31.

-- Xa entendo.

- Como lle pasou a teu tío Pedro, que foi bautizado antes de nacer.

-- Eso parece aínda máis difícil, avó.

- Pois éche ben fácil. Naceu o 2 de febreiro e bautizárono o día 3, pero logo como había neve tardaron en ir ó xulgado e para evitar que lles puxesen multa pola tardanza tiveron que asentalo no rexistro civil como nacido o día 7 de febreiro. De tal xeito que na partida de bautismo consta que o bautizaron o 3 de febreiro e na partida de nacemento consta que naceu o día 7 de febreiro. ¡Cousas da vida!

-- Dende logo que son cousas ben curiosas.

- Pero... Agarda un pouco. Eu creo que tiña por algún lado unha fotocopia da partida de defunción de don Evaristo.

-- ¿Si?.

- Cólleme aquela carpeta azul que está alí na lacena.

-- Toma.

- Déixame ver... ¡Mira!. ¡Aquí está! ... E aquí pon "día diez y ocho de Abril".

-- ¡Non me digas!. Déixama ver... ¡Ah!.. Pero espera un pouco. Pon "diez y ocho de Abril" aquí no fondo... pero esta é a data na que se efectuou a inscripción. A data de falecemento ten que estar mais arriba. ¡Mira, aquí está!: "Falleció en su domicilio en esta Villa el día diez y siete de Abril de mil novecientos sesenta y uno a las veintidós horas treinta minutos".

- Entón o certificado de defunción e a lápida coinciden: morreu o día 17 de abril. A min xa mo parecía.

-- Está claro que é así. E os erros que hai en algúns libros explícanse moi fácil. ¡Seguramente que lles pasou o mesmo que a nós!: viron aquí no fondo 18 de abril e xa pensaron que esa era a data do falecemento. Todas as cousas teñen unha explicación.

- De todos modos o asunto non ten moita importancia... Volvendo ó tema da morte de don Evaristo... en calquera caso do que sí me lembro é de que morreu na casa do capelán do Asilo, e de que logo o velorio se fixo na Casa do Concello, onde o seu corpo estivo exposto durante varios días para que todos os carballiñeses se puideran despedir del. O día 21 de abril foi o seu enterro. Era venres, pero pecharon os comercios e todo o pobo quedou paralizado. O seu corpo, embalsamado e colocado nun cadaleito descuberto, foi levado en procesión polas rúas do pobo hasta a igrexa da Veracruz. Detrás del camiñaban, en respetuoso silencio, case todos os veciños do Carballiño. E os balcóns das casas por onde pasou a comitiva estaban cheos de bandeiras enlutadas. Foi algo impresionante.

- Si. No libro ven unha foto do enterro de don Evaristo na que se ve a comitiva fúnebre e as bandeiras nos balcóns das casas.

- E colorín, colorado ... este conto aínda non está rematado.

-- A min aínda me quedan moitas preguntas. Por exemplo esta: ¿Canto custou facer a Veracruz?.

- ¡Ai meu neto, ¡que sei eu!!. ¡Sabe Deus canto custou!.

-- Don Felipe Senén di que custou 50 millóns de pesetas.

- Pode ser.

-- E ¿traballou moita xente nas obras da Veracruz?

- A obra empezou con 32 canteiros, pero houbo momentos en que chegaron a traballar nela máis de 100. Era como unha gran familia. Había moita harmonía entre todos. Podíase dicir que andaban ó que máis fixese e ó que mellor o fixese. Os canteiros trataban as pedras con cariño. Eran conscientes de que non estaban facendo unha parede máis, senón que o que estaban facendo era unha obra de arte, destinada a perdurar durante séculos e a ser admirada por miles de persoas. E don Evaristo tamén contribuía moito a crear bo ambiente, pois por un lado puña moita fe e amor no seu proxecto e por outro lado valoraba moito o traballo de todos; e, ademais, cando podía gustáballe convidar a unha comida ou a unha merenda a toda a plantilla, e isto axudaba moito a que a xente estivese contenta no traballo. Naqueles tempos de fame unha comida era unha gran festa.

-- E ¿ti acórdaste de como se transportaban as pedras e os demais materiais que se empregaban na obra?

- Pois mira... No principio carrexábanse con carros tirados por vacas. E tamén había un carro arreado por unha mula para levar materiais máis lixeiros. E algunhas veces alugaban un camión para facer algúns transportes.

-- Si, pero di o libro que o aluguer dese camión lles custaba 350 pesetas diarias, que eran moitos cartos para aqueles tempos.

- Certo. E por iso acordaron de mercar un camión que lles custou 37.000 pesetas, segundo se di no libro. Este camión tiña un chofer que lle chamaban o Seisdedos, que cobraba 375 pesetas cada mes. O camión estaba tan xunguido ás obras da igrexa que parecía un máis da familia. Recordo que nun determinado momento en que se acabaran os cartos pensouse en vender o camión para sacar cartos para continuar as obras, e púxoselle un letreiro que dicía “se vende”; e, cando o viron, moitos nenos fóronlle levar os cartos das súas huchas a don Evaristo para que non tivese que vender o camión.

-- Esta é unha historia moi fermosa.

- A construcción da Veracruz está cheas de historias fermosas.

-- E, mira outra cousa, avó, ¿por que a Veracruz está orientada do nacente ó poniente e ten o altar cara o poniente e a entrada principal cara o nacente? Teño entendido que moitas igrexas teñen o altar ó nacente, a porta principal ó poniente e a porta pequena ó sur...

- Non che sei moi ben. Contan que nun principio don Antonio Palacios quería darlle á igrexa unha orientación norte-sur. Pero que despois para adaptala á forma do soar tivo que cambiala e optou por poñela na orientación este-oeste aproximadamente, porque tampouco está totalmente en orientación este-oeste. Tivo que adaptarse á forma do soar. E aínda así máis adiante don Evaristo tivo que mercar outro terreo colindante para que coubese ben a torre. Non che sei explicar moito máis. Terás que seguir investigando este asunto que me parece moi interesante.

-- ¿E ti sabes de que estilo é a Veracruz, avó?

- Eu desas cousas non che entendo moito...

-- Pois eu recordo unha tarde de primavera de fai tres anos na que eu estaba nos xardíns da Veracruz, e chegou un grupo de turistas que eran de Cáceres, e preguntáronme se sabía de qué século era a igrexa e de qué estilo era. Eu díxenlle que non sabía de que estilo era, pero que o que si sabía era que fora feita na segunda metade do século XX. E todos quedaron abraiados, pois parecíalles imposible que no século XX se fixese unha igrexa tan monumental. Eles pensaban que sería da época na que se fixeran as catedrais.

- Non me estraña.

-- E no tocante ó estilo, agora xa sei algo, aínda que pouco. Parece que se pode encadrar no que chaman arquitectura rexionalista galega.

- Pode ser. De todos modos teño entendido que nisto dos estilos o arquitecto Palacios ía un pouco por libre.

-- E mira outra cousa, avó, ¿ti sabes por que na Veracruz non hai ningún retábulo?

- Porque a don Antonio Palacios gustáballe que o que destacase fose o edificio en si mesmo, os seus volumes, as súas formas, o xogo da luz na rotonda, a forza de pedra espida ... Quería que a decoración non distraese ó espectador. E por iso non proxectou ningún retábulo.

-- E outra cousa; o proxecto de don Antonio Palacios incluía máis cousas, a parte da igrexa. ¿Por que non se fixo o resto?

- Non sei que che diga. Por moitas cousas: Por falta de cartos, por falta de fe... Se todos os do pobo tiveramos a mesma fe no proxecto de Palacios que tiña don Evaristo ... hoxe O Carballiño sería totalmente diferente. Se se tivera feito o Hospital de Peregrinos e o Claustro que o unía coa Veracruz, e a avenida dende a igrexa á estación de trens, e todas as rúas e prazas que don Antonio Palacios proxectou para esa zona; e se nesas rúas se construíran casas de tres ou catro alturas, con luz e sol; sen os rañaceos que tapan a igrexa; se se levara a cabo o proxecto completo de don Antonio Palacios ... todo sería diferente. E O Carballiño sería unha vila moi fermosa. E todos sairiamos gañando. Pero desgraciadamente non foi así. E, ¡Deus nos libre dun xa foi!.

-- Moitas gracias, avó, pola túa conversa. Agora téñome que ir. Pero, despois de pasar esta tarde contigo, quérolle moito máis a este meu pobo do Carballiño. E estou moi orgulloso desta gran igrexa que temos. Sempre me gustou sen saber por que. Pero agora estou empezando a entender por que me gusta tanto.

- Gracias a ti, meu neto querido, por conversar comigo. E non deixes de contarlle todas estas cousas ós teus netos, cando os teñas. E dilles que O Carballiño fixo a Veracruz e que a Veracruz fixo O Carballiño, pois esta vila non sería o que é se non fora pola Veracruz.


-- Así o farei.

- ¡Ah!. E segue lendo o libro.

-- Por suposto. Aínda me quedan moitas cousas por aprender. Este libro é un monumento da cultura do noso pobo.

- Eu tamén o vou seguir lendo. Moitas gracias por regalarmo.

-- Ata a próxima conversa, avó.

- Deica logo, Pabliño.

     Despedíronse. Seguía chovendo. A auga mansa baixaba do ceo e abrazaba a Veracruz. A Vera-Cruz.

     Nota: Mais do noventa por cento dos datos que preceden están sacados do marabilloso libro que escribiu don Adolfo Otero Cerdeira (en colaboración cos seus fillos) e que leva por título SANTUARIO DE LA VERA CRUZ DE SAN CIBRAN DE CARBALLINO DE ANTONIO PALACIOS. Este libro foi editado pola Xunta de Galicia. Os datos que preceden son só uns pouquiños relativos a aspectos sinxelos. Pero o libro ten unha fondura inmensa. Todo o que teña un pouco de interese por entender a Vera-Cruz ou por entender a arquitectura de don Antonio Palacios deberá mercar o libro e gozar coa lectura do mesmo as veces que queira, pois non é un libro para ler soamente unha vez, senón que é un libro para ler e reler, para saborear ... É unha xoia, un monumento literario, histórico e artístico para a nosa vila do Carballiño.

(Juan, abril de 2005, 44 anos despois da morte de don Evaristo)

          

 

 

 

HISTORIA MÁXICA DA VERACRUZ


"Falando do día que colocaron a primeira pedra da Veracruz, o avó de Pablito contoulle que aquel día se levantara moi contento, porque O Carballiño era unha festa... a xente pechaba os negocios para ir a inauguración e ademáis non houbo cole!! Aquel día o grupo escolar pechou para que os nenos poideran acudir á inauguración e alá foron todos...

 

Don Evaristo co seu traxe negro ata os pés, estaba no medio dirixindo o cotarro. Había moita xente, non quedara nin can nin gato nas casas, porque unha cousa así non pasa todos os días! Os rapaces enredaban por onde os deixaban, ata que alguén dixo que iban a proceder a facer unha cápsula do tempo... os nenos non sabían que era aquelo. Así que atenderon á explicación, e diante dos seus ollos viron como nunha caixiña procedían a meter as moedas correntes, e un xornal do día... pode que algunha cousa máis, pero o avó de pablito non chegaba aos 10 anos e non pode lembrar moi ben que foi todo o que meteron dentro... pero aquela parafernalia parecíalle marabillosa e permaneceu mirando fixamente cos seus cmpañeiros como aquel cofriño era colocado no chan e xusto encima del a que sería a primeira pedra da Veracruz!!! Nunca máis verían o contido daquela caixa... isto non sei se soprendeu a Pabliño pero a Rocío deixouna asombrada e empezou a preguntar para qué a deixaran alí... Quén podería ver aquela caixa? quizás no futuro cando o noso planeta fose tomado polos simios... Despóis dunha guerra? Quen sabe!!

Pero tanto lle gustou aquelo da cápsula do tempo que colleu unha peseta e un peso, e unha pulseira feita de fío, logo escribiu unha carta coa data exacta e dirixida os poboadores do futuro e enterrouno todo na finca, metido nunha botella, contando cinco pasos ao norte dende unha árbore que agora xa non existe..."

 

(Relato tomado do libro inédito "HISTORIA MÁXICA DA VERACRUZ", de Rocío Tizón)

 

 

 

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador