galicias>> instituto de estudios carballiñeses 

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

ESTATUTOS DO INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

Capítulo I

DENOMINACIÓN E PERSONALIDADE XURÍDICA

Artigo 1.

A Asociación que se constitúe e rexe polos presentes Estatutos e, no necesario, pola Lei de Asociacións vixente (Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións. BOE 26 de marzo de 2002) e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, denomínase INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES. A asociación ten personalidade xurídica plena para adquirir, posuír, allear ou gravar toda clase de bens que constitúan o seu patrimonio, podendo actuar con plenitude en todas as ordes da vida xurídica. É unha asociación apolítica, non confesional e sen ánimo de lucro.

Artigo 2.

Os fins principias do INSTITUTO serán fomentar, orientar e coordinar o labor investigador nas diferentes ciencias, técnicas, artes, etc., así como en tódalas manifestacións que se relacionen co Carballiño e coa súa comarca.

Artigo 3.

Para levar a cabo os seus fins, o INSTITUTO poderá organizar conferencias, mesas redondas, exposicións, programar estudios de investigación, realizar publicacións, etc. Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase ós devanditos fins polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto, exceptuándose as aportacións efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os membros do INSTITUTO e os seus familiares non serán os principais destinatarios das actividades realizadas polo INSTITUTO.

Artigo 4.

A sede queda establecida na Casa da Cultura do concello do Carballiño. Praza de Antón Losada, nº 1. CP 32500. Poderánse utilizar outros locais adicionais noutras cidades, mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó Organismo encargado do Rexistro de Asociacións.

Artigo 5.

O ámbito territorial do INSTITUTO é a comarca do Carballiño. Así mesmo poderá realizar actividades en toda Galicia, e mesmo fóra dela, por si mesma, ou en colaboración con outras asociacións.

Artigo 6.

A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos seus membros expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente. Asemade, o INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES rexerase segundo os principios contados no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

CAPÍTULO II

DOS SOCIOS

Artigo 7.

Poderán ser integrantes do INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES todas aquelas persoas físicas –fundamentalmente relacionadas coa comarca do Carballiño-- con plena capacidade para obrar e que gocen de notable relevo intelectual e cultural.

Artigo 8.

Dentro do INSTITUTO poderán existir as seguintes clases de membros:

a) Membros natos Numerarios do INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES, que son todos os que subscribiron a Acta Fundacional e firmaron os Estatutos.

b) Membros socios Numerarios, cos mesmos dereitos cós anteriores, que son todas as persoas que estando capacitadas legalmente e gozando de relevo intelectual e cultural, ou destacando no coñecemento dalgunha materia relacionada co INSTITUTO, obteñan o refrendo da Asemblea Xeral para integrarse como membros. Neste caso, os candidatos terán que ser avalados por, alomenos, tres membros do INSTITUTO.

c) Membros de honra, que son aquelas persoas que gozando de prestixio intelectual e cultural e colaborando asiduamente co INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES sexan propostos pola Xunta Directiva do Instituto. Estes membros poderán proceder de calquera Estado ou nación.

Artigo 9.

Os membros do INSTITUTO teñen os seguintes dereitos:

a) Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.

b) Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.

c) Tomar parte en cantas actividades organice o INSTITUTO en cumprimento dos seus fins.

d) Disfrutar de todas as ventaxes e beneficios que o INSTITUTO poida obter.

e) Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.

f) Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos do INSTITUTO.

g) Facer suxerencias ós membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins do INSTITUTO.

h) Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos do INSTITUTO todos os anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 10.

Son obrigas dos membros:

1º. Prestar cantos servicios determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.

2º. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.

3º. Asistir ás Asembleas Xerais.

4º. Satisfacer as cuotas que se establezan.

5º. Cumprir os acordos da Xunta Directiva, da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.

Artigo 11.

Os membros de honra do INSTITUTO non intervirán na dirección do mesmo nin nos seus órganos de representación, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.

Artigo 12.

Os acordos de admisión de membros tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida, avalada por, alomenos, tres membros numerarios do INSTITUTO.

Artigo 13.

A condición de membro do INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES pérdese :

a) Por vontade propia.

b) Por falta de pago das cuotas.

c) Por realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses do INSTITUTO.

Artigo 14.

A expulsión dos membros do INSTITUTO será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria.

Cando a baixa se produza por vontade dun membro, este deberá realizar unha petición escrita e procederá ó aboamento previo de todas as cuotas pendentes.

Artigo 15.

Os membros do INSTITUTO poderán pedir a separación temporal por escrito.

A Xunta Directiva poderá acordar a separación temporal dun membro cando estea tramitando un expediente sancionador, ou concurran causas xustificadas que o aconsellen, tales como o retraso no pago dalgunha cuota, ou comportamentos que afecten á boa marcha dalgún dos fins do INSTITUTO. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de réxime interno, pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

CAPITULO III

DOS ÓRGANOS DO INSTITUTO

Artigo 16.

A dirección e administración do INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES serán exercidas polo Director, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 17.

O Director do INSTITUTO asume a representación legal do mesmo e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

O Director será designado pola Asemblea Xeral entre os membros que teñan polo menos dous anos de antigüidade e o seu mandato durará catro anos.

Artigo 18.

A Xunta Directiva estará formada polo Director, o Vicedirector, o Secretario, o Vicesecretario, o Tesoureiro, o Vicetesoureiro e tres vocais, cargos que deberán recaer en membros do INSTITUTO que leven alomenos dous anos no INSTITUTO.

Artigo 19.

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.

Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán un período de catro anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

Artigo 20.

É función da Xunta Directiva:

a) Programar e dirixir as actividades do INSTITUTO.

b) Levar a xestión administrativa e económica do INSTITUTO.

c) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

d) Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.

e) Fixar as cuotas ordinarias e extraordinarias que se aproben.

f) Designar as Comisións de traballo ou Seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento do INSTITUTO.

g) Dictar normas interiores de organización.

h) Exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral e todas aquelas outras actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.

Artigo 21.

A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Director a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo Director e, na súa ausencia, polo Vicedirector ou o Secretario, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta Directiva que teña máis idade.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concurrencia, polo menos, de seis dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto do Director.

O Secretario, ou no seu defecto o Vicesecretario, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

Artigo 22.

O INSTITUTO estructurarase en Seccións que han comprender as diferentes materias que poidan ser obxecto de estudio. O seu número e as actividades que cada unha delas vai desenvolver, formando parte dos plans de traballo, será acordado pola Asemblea Xeral.

Inicialmente as Seccións han de ser as seguintes:

Etnografía e Arqueoloxía.

Toponimia, Filoloxía, Literatura e Arte.

Antropoloxía, Ciencias Xurídicas e Sociais.

Economía, Arquitectura e Urbanismo.

Turismo e Deportes.

Emigración.

Medio ambiente

Artigo 23.

Ó fronte de cada Sección haberá un Presidente, encargado de dirixir e coordinar os traballos. O Presidente será elixido polos membros adscritos a cada Sección e estará en contacto permanente co Director para a mellor marcha do INSTITUTO. A duración do cargo de Presidente será de catro anos, renovables. O Presidente poderá nomear dous vocais en cada Sección.

Artigo 24.

A Asemblea Xeral é o órgano de expresión da vontade do INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES e estará formada por todos os membros do mesmo. O Director e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

Artigo 25.

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo dúas veces ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos seus membros numerarios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Director, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 26.

A Asemblea Xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada ano. Tanto a Asemblea Xeral ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con quince días de antelación polo Director da Xunta Directiva. A notificación farase a cada membro do INSTITUTO por correo.

Artigo 27.

Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

a) Aprobar a acta da reunión anterior.

b) Aprobar o plan de actividades.

c) Examinar e aprobar a memoria de actividades

d) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.

e) Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.

f) Examinar e aprobar as cuotas.

Artigo 28.

Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

1) Modificar os Estatutos do INSTITUTO.

2) Elixir os integrantes da Xunta Directiva.

3) Aprobar a federación con outras asociacións.

4) Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.

5) Acordar a disolución do INSTITUTO.

6) Designar os liquidadores

7) Ratificar a expulsión de membros a proposta da Xunta Directiva.

8) Solicitar a declaración de utilidade pública do INSTITUTO.

9) Aprobar o regulamento de réxime interno do INSTITUTO.

10) As que sendo de competencia da Asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan esperar a súa convocatoria, sen grave prexuizo para o INSTITUTO.

11) Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou á Xunta Directiva.

Artigo 29.

Para que as asembleas poidan tomar acordos, é necesario que concorran ás mesmas a metade máis un do total dos membros, sempre na primeira convocatoria, ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.

Artigo 30.

Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos ós apartados 1 ó 7 do artigo 28, que requerirán maioría de dous tercios. A continuación levaranse os acordos ó libro de Actas na que asinará o Director e o Secretario da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría. As votacións realizaranse a man alzada, agás no caso de que algún membro solicite votación nominal, directa e secreta.

Artigo 31.

Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a todos os membros do INSTITUTO, incluso ós non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o Director. Seguidamente, procederase por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.

Posteriormente, o Secretario procederá a plantexar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta directiva que lle corresponda, procedéndose á aprobación nos termos contados nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate. Tódos os asistentes poderán facer uso da palabra, solicitándoa previamente do Director, quen a concederá seguindo unha rigorosa quenda de petición, agás a intervención por alusións.

Unha vez rematados todos os asuntos da orde do día, procederase, se a presidencia o considera oportuno ou o solicita o 10% dos membros, a facer turno de rogos e preguntas e adopción de acordos. Unha vez concluído, levantarase a sesión por parte do Director.

Artigo 32.

Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins do INSTITUTO poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

Artigo 33.

O Director da Xunta Directiva terá, ademais das facultades consignadas no artigo 17, as seguintes atribucións:

a) Presidir e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade en caso de empate.

b) Propoñer o plan de actividades do INSTITUTO á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c) Ordenar os pagamentos acordados validamente.

d) Representar ó INSTITUTO perante calquera organismo público ou privado.

e) Firmar as actas, certificados, pagos e outros documentos do INSTITUTO xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

O Director será asistido nas súas funcións por un Vicedirector, que, ademais, substituiralle nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 34.

O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de membros e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos do INSTITUTO. Correspódelle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace do DIRECTOR.

Ó Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens do INSTITUTO nun libro establecido ó efecto.

Artigo 35.

O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes ó INSTITUTO, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Director, dirixirá a contabilidade do INSTITUTO, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos do INSTITUTO, participando en todas as operacións de orde economíca.

O Tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio presupostario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros do INSTITUTO nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Artigo 36.

Os vocais, que serán tres, ou, no seu caso, o número que determine a Asemblea Xeral, terán as seguintes atribucións:

1.- Realizar programas e propostas na súa área de actuación.

2.- Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

Artigo 37.

O INSTITUTO funcionará en réxime de presuposto anual. O borrador de presuposto será elaborado polo Tesoureiro, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 38.

O INSTITUTO manterase dos seguintes recursos:

a) As cuotas periódicas dos membros.

b) As cuotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.

c) Os donativos, legados, axudas ou subvencións de todo tipo que o INSTITUTO poida conseguir dos órganos públicos, entidades privadas ou particulares.

d) O producto ou recadación que se obteña por servicios prestados ou polo desenvolvemento das actividades do INSTITUTO.

e) Calquera outra fonte de ingresos ou medios de finanzamento que no futuro poida conseguirse ou establecerse para o cumprimento dos fins que o INSTITUTO se propón.

f) O patrimonio fundacional é nulo.

Artigo 39.

As cuotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, non sendo reintegrables en caso algún e adicándose a atender as necesidades do INSTITUTO.

Artigo 40.

Anualmente, con referencia ó último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos membros durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo

Artigo 41.

Anualmente, no tempo que establece o artigo 25, será aprobado o orzamento pola Asemblea Xeral ordinaria.

Artigo 42.

Para a disposición de fondos de entidades bancarias onde o INSTITUTO teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o Director e o Tesoureiro, para a utilización conxunta deles.

Artigo 43.

Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os membros do INSTITUTO os recursos obtidos polo mesmo.

CAPÍTULO V

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 44.

O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso, o funcionamento interno do INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES estará sometido ó ordenamento xurisdiccional civil.

CAPÍTULO VI

MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

Artigo 45.

Os presentes estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou dun cuarto dos membros do INSTITUTO. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de sete dias para que calquera membro poida dirixir ó Director ou ó Secretario as propostas e enmendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de tres días á realización da mesma.

Artigo 46.

Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos 2/3 dos membros da Asemblea Xeral de membros.

Artigo 47.

O INSTITUTO disolverase polas seguintes causas:

1. Pola vontade dos membros acordada polas 2/3 partes dos mesmos.

2. Por outras causas determinadas legalmente.

3. Por sentencia xudicial.

Artigo 48.

Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres membros liquidadores que xunto ó Director e ó Tesoureiro procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 49.

O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins ós do INSTITUTO. O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución do INSTITUTO.

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador