galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> indice de artigos de ágora do orcellón
INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES |
|||||||
A Comarca de Caballiño a luz da Toponomastica
GERARDO SACAU RODRÍGUEZ , Vicedirector do Instituto
de Estudios Vigueses
Señor Presidente do Casino,
Señor Director do Instituto de Estudios Carballiñeses, señoras
e señores:
Principiar unha conferencia cunha cita autorizada,
nada menos que dun paisano voso, VICENTE RISCO, pode interpretarse como un signo
de procura de protección ou respaldo. Sen dúbida que é
correcta a interpretación. Se se me permite a frivolidade case que irreverente,
estas verbas do grande mestre das letras galegas son para min como o sinal da
cruz para calquera cristiano que inicia unha actividade seria, pero tamén
uns dos núcleos de pensamento ó redor do que vai xirar esta exposición.
VICENTE RISCO en "DA MEDIDA DAS COUSAS, LERIA
sentencia:
"Galicia é un mundo ... Cada terra é como se fora un
mundo enteiro ... Pode ser ela pequena en extensión. En fondura, en entidade,
é tan grande como queiras, e desde logo, moito meirande de como ti a
ves... Se o teu pensar se detén nas codias das cousas, non digas tampouco:
Galicia é ben pequena; pequeno es ti que endexamais poderás concebir
nada grande"
Cando unha Institución cultural, como e
o Instituto de Estudios Carballiñeses, vén á vida, non
pensen que o xuízo das xentes vai ser unívoco.Teño a experiencia.
Uns van dicir que os seus membros fundadores son unha agrupación de toliños
entusiastas que traballan sen cobrar e perden por riba diñeiro coa súa
tolemia colectiva. Outros rosmarán polo baixo que non teñen outra
cousa que facer. Outros que o neno cultural recén nacido terá
unha vida efémera ... Pero haberá moitos, eu incluído,
que lle recoñecerán a súa valentía ós signíferos
da causa por tentar acadar que O CARBALLINO, como di Vicente Risco, non quede
na simple codia do superficial e globalizante, mergullando para elo no silencio
dun pasado que por ser pretérito parece como se tivese que ser esquecido
para sempre, un mal este -aproveito para decilomalcheirante que invade unha
gran parte da sociedade actual.
Os oráculos son propicios, e se á
manifestación divina lle sumamo-los bos desexos de todos nós,
o Instituto de Estudios Carballiñeses disfrutará de longa e vigorosa
vida.
Polo que a min respecta, a persoal participación
sinxela pero fervente neste ciclo de conferencias que inicio, vai encamiñada
- este é o meu deber como home da cultura- a clarexar se cabe aqueles
aspectos de interese histórico, xeográfico, social etc... que
se cadra permanecen pechados no interior dalgúns topónimos do
CARBALLIÑO ou da súa veciñanza.
Ben se sabe que hoxe na investigación lingüística
advírtese un interese crecente pola onomástica en xeral e pola
toponimia en particular: Propáganse monografías, nacen revistas
especializadas, celébranse congresos internacionais de antropoloxía
e de toponimia. ¿Por que ese interese? Polo de pronto, a toponimia interesa
ó lingüista como a paleontoloxía ó biólogo;
ou mellor dito, como a arqueoloxía ou a documentación doutras
épocas interesan o historiador. Coñecido é o valor auxiliar
da toponimia para a Historia en xeral e máis aínda para a historia
lingüística. En consecuencia, na toponimia non hai que ver -como
alguén pensa- un depósito de fósiles protexidos no interior
dunha vitrina ad hoc.
A meirande parte dos topónimos falan, teñen significado pleno
axeitado á realidade xeográfica do momento ou a unha realidade
de outrora que nos descoñecemos por ficar desaparecida xa. Eles conteñen
a visión da pegada da xeografía, a presencia de tódala
historia, non só da grande, a dos feitos sonados, a dos persoeiros ilustres,
senón tamén a pequena, a que Unamuno chamou a INTRAHISTORIA: a
fonte, o río, os caneos dos camiños, o souto, a árbore
das grandes pólas á que de cativos subiamos para sentirnos máis
altos e importantes, a poza do río na que nos chafullabamos, a leira,
o moiño, o outeiro, a pedra xigante chea de buratos, as puntas de terra
que o mar desafían, as aldeas, os casais, todos co seu nome propio libremente
asignado polo campesiño ou o mariñeiro en función dalgún
elemento particular, mesmo construído por nós.Todo isto é
ir debuxando, conformando unha paisaxe que xa definitivamente se alonxa da mera
consideración de marco xeográfico, trascendente da propia descrición
topográfica de cada un deles. Este conxunto toponímico de apariencia
heteroxénea, os nomes propios dos montes, vales, picoutos, casais, fontes
e un longo etc... son os que configuran a PAISAXE HUMANIZADA da que falaba outro
fillo ilustre nado nas vosas terras, Otero Pedrayo e que Bouza Brey denominou
como PAISAXE MÍTICA dun pobo. Cada comarca ten a súa PAISAXE HUMANIZADA
que hai que tratar de buscar facendo prospeccións na fondura da súa
microhistoria presente na toponomástica, un sustrato, este vivo do pasado
que subxace na epiderme ou codia.
Outros topónimos que non teñen vixencia
no vocabulario actual ou que perderon o seu orixinario significado, posúen
o poder de provocar fondas resonancias afectivas de evocacións enigmáticas.
Desde Unamuno a Blas Otero, escritores en lingua castelá, gustaron de
enumerar topónimos sentindo a forza das raíces que ligan ó
home coa súa terra. Lémbrense daquel poema, rosario toponímico,
de Unamuno que escomenzaba: Arlanzón, Carrión, Pisuerga, Tormes,
Águeda, mi Duero. Este enraizamento fai que os nomes de lugar sobrevivan
moitas veces a lingua e a civilización que os crearon. No caso da toponimia
india nos Estados Unidos, da toponimia nahua nalgunhas zonas de México
totalmente castelanizadas ou das linguas prerromanas e do árabe na toponimia
do noso solar. Nin sequera en tales casos perden os topónimos a súa
eficacia afectiva: contribúen a encadrar ó home nun ambiente de
recordos, xa ben se refiran estes a pobos cos que o falante non se sente historicamente
unido, sexa os vexa como devanceiros seus. En Galicia, onde o home agasalla
e mima á súa terra - calquera recuncho por moi pequeno que sexa,
ten asignado un nome-, podemos falar deste tipo de onomástica con máis
coñecemento se cabe que outros pobos. Baste para elo nomear BASTABALES:
"Campanas de Bastabales / cando vos oio tocar / mórrome de soídades
" Ou ADINA: "Como cbove miudiño, como míudiño
cbove,Ipola banda de Laiño l pola banda de Lestrove” / : Para Caldas
tod´ é escuro / ceo azul lose n´- ADINA / transparente, límpo
e puro / D´-Arretén no monte duro / nube corre pelegrinal, inseparables
os dous da figura de Rosalía ou ANLLÓNS de Eduardo Pombal. ¿Estamos
cecais no umbral da filosofía da saudade?
Presentes na mina memoria están como non
podía ser menos o Padre Sarmiento, fundador da ONOMÁSTICA moderna:
" se ven Portonovo / e xunto San Xenxo / Marin e Combarro / Lourido e Campelo
/ e Valle Inclán, mestres xunto cos dous anteriores na utilización
evocadora dos topónimos. Tamén esta toponimia evocadora, de saudade,
de significado ás veces perdido nas lonxanías das linguas antigas
que quedaron deitadas moribundas no solo da nosa rexión ou de impacto
máis sonoro que de significado, ten intervención directa na configuración
da PAISAXE HUMANIZADA.
Non debo sobrepasa-los lindeiros marcados para
esta conferencia cunhas limitacións lóxicas de tempo e de contido,
pero asegúrolles que por este camiño chegaríamos a terreos
de verdadeiro interese no eido da sociolingüística ou se queren
da socionomástica.
A miña encomenda é falar da COMARCA
DO CARBALLIÑO. E para tratalo como un espacio que integre culturalmente
e dea identidade colectiva ós seus habitantes, faise necesario acometer
aqueles traballos - perfora-la codia da que fala Vicente Risco- que teñan
como obxectivo primeiro contactar coa súa particular microhistoria -sexa
por vía arqueolóxica, histórica, etnolóxica, toponímica
ou calquera outra vía de saber. Esta última vía, a toponomástica,
é a que na medida do tempo disponible tratarei de afrontar. Como obxectivo
segundo, poñe-los resultados obtidos á disposición da sociedade
para que unha vez sedimentados - como o bo VIÑO DO RIBEIRO repousados
debidamente - discutidos deriven na MARCA ou SINAL IDENTIFICADOR que lle dea
sentido como COMARCA DIFERENCIADORA dentro dun conxunto de comarcas. Velaí
a dimensión de grandeza á que antes me refería. Quero dicir,
insisto, que todo este conxunto (le aportes, resultados das diferentes investigacións
concretas, debe callar e redundar nun SINAL DE IDENTIDADE para que teñan
valor como tales. A tal fin faise necesaria unha participación de vontades
activas como a do Instituto de Estudios Carballiñeses - onde sei de certo
que hai xente cualificada para que esta misión cristalice - e outras
Institucións xa existentes ou que poidan surxir no futuro.
Pero vai sendo hora xa de que baixemos ó
campo das operacións, non bélicas por suposto.
Pídolles disculpas anticipadas se a vena
do que lles fala sufre unha hipertensión filolóxica e abusa da
paciencia de vostedes. Un simple gargarexo e doume por aludido. Estamos na capital
da comarca do CARBALLIÑO de Ourense, nunca de CARBALLINO - non o permitan
que resposta a unha hibridación vergoñenta e insoportable, mitade
galego, mitade castelán na sufixación -INO, amén de que
resulta moi afectado e cursi.
¿Qué me din de PUENTEAREAS, un topónimo
castrado e defendido como tal polo actual alcalde da vila? Aquí nesta
terra de Galicia, que é un grandioso obradoiro no que se labran topónimos
fermosísimos e entrañables, non queremos Minotauros: cabeza de
touro e corpo de home. ¡Ou somos ou non somos!. E digo "de Ourense"
como complemento determinante, porque todos vostedes saben que hai outros CARBALLIÑO
espallados pola xeografia galega. Preto de Vigo, por nomear un que me colle
na veciñanza, no concello de Redondela, na parroquia de OSTRÁS
ou CESANTES, como lles pete chamarlle, hai un CARBALLIÑO, a máis
doutros na provincia da Coruña: en Touro, Frades, Montero e O Pino e
en Lugo: no Saviñao e Ribas do Sil etc... Pero tamén temos un
gran rexistro de topónimos coa mesma raíz en toda Galicia e na
provincia de Ourense en particular, portadores onomásticos todos eles
dunha simboloxía da humanización da paisaxe galega: CARBALLO en
Castro Caldelas, na Verea, en Río; CARBALLAL en Padrenda e Petín,
CARBALLEIRA na Merca, Maside, Nogueira de Ramuín, Punxín, San
Amaro e San Cibrán das Viñas, CARBALLEDA de Avia, CARBALLEDA DE
ABAIXO e DE ARRIBA en Cenlle, en Cortegada; CARBALLEIRAS en Ramirás,
Castro Caldelas e Gomesende... E repítese de cheo na onomástica
persoal como se o CARBALLO agradecido co seu nome quixese devolvelo ó
home que así o bautizou. Nace desta maneira un circuíto activo
entre a terra e o home que a humanizou. A propia terra - a árbore neste
caso - é quen de influír no máis definidor de nos mesmos,
o noso propio nome. Coido que foi Otero Pedrayo - o patriarca de Trasalba que
vivíu entre carballos- quen dixo textualmente: “Un roble sólo
puede ser orgullo de una aldea o de una finca señorial". Díxo
ben Otero Pedrayo, un carballo nunha cidade sería un refén, unha
árbore prisioneira deshumanizada polo artificio do asfalto e do cemento.
Non se esquezan que esta árbore, o carballo “o quercus robur”
máis xenuíno, símbolo de forza - teñan en conta
que do latín ROBUS ven ROBUSTO que xunto co loureiro cristianizado nalgúns
casos formou parte dos cultos dendolátricos dos nosos ancestros, segue
a ter unha especialísima consideración como nobre vexetal máis
representativo da nosa terra, malia a terrible decapitación a que foi
sometida desde fai case un século.
Conta o profesor Taboada Chivite, outro ourensán
de pro, que na AMEIXOADA de Moaña, Pontevedra, celébrase en Maio
a FESTAS DOS CARBALLOS e que hasta fai pouco bendicíanse nela os carballos
cun moneco ou santo de madeira tamén de carballo. Di así mesmo
que na Magdalena de Vilamartín de Valdeorras "hai ruínas
dunha capela derruída a sombra dun vellísimo carballo de especial
veneración e ó que non se lle pode tocar".
O profesor Mandianes Castro, natural da parroquia
de LOURESES, enclavada no sur da Limia, fala do CARBALLO como dunha árbore
cósmica, como a idea do centro na concepción do mundo e di entre
outras cousas "que en case tódalas encrucilladas de Loureses hai
unha ou varias árbores grandes, sempre carballos... substituída
coa cristianizacion pola fuste dun cruceiro”. E segue a dicir: “A
case totalidade dos ritos de mediciña popular teñen lugar preto
dun carballo e os autores clásicos de Galicia fálannos del como
a ÁRBORE SAGRADA”
En Reboreda de Redondela, (noticia aparecida no
FARO DE VIGO no inverno do 99) a seca recente dun carballo de máis de
500 anos puxo en pé os veciños, converténdose en motivo
de preocupación para a parroquia. So a súa sombra reuníronse
CASTELAO, CASTELAR e OTERO PEDRAIO.Tamén O CARBALLO DA PORTELA - unha
das mil Portelas de Galicia - pasou a engrosa-las Coplas populares: "0
carballo da Portela ten as.follas reviradas / que llas revirou o vento/ nunba
noite de xiada / ... O da MERTEIRA, os das AUGAS SANTAS e outros moitos. Quen
non cantaruxou aquel ALALÁ de SAN XUSTO que escomenza “Carballeira
de San Xusto / Carballeira derramada / naquela carballeiríña perdín
amiña navalla /.
E quen non botou algunha vez aquél aturuxo
que proclama ¡“Ardelle o eixo, carballeira"! Lémbrolles
que por moi cativo que sexa, por moi "carballiño" que sexa,
sempre o CARBALLO fará alusión etimolóxica a “cousa
dura”, "a fortaleza", “a nobreza”, segundo se desprende
da súa raíz preindoeuropea KAR "pedra". Este é
o radical que allimenta unha toponimia que se caracteriza pola dureza, pola
consistencia. E de ahí nacen topónimos como O CARBALLIÑO
e tódolos nomeados fai un chisco, amén de CARRASCO; CARRASQUEIRA;
CARNEIRAS e CARNOTA entre outros, irmanados todos por esta antiga e prolífica
raíz. Coñezo unha palabra con función de comodín
- axéitase a calquera conversación- que din que e de malfalados,
coñecémola todos. É expresiva e sorpresiva a mais non poder,
aturuxo espontáneo as veces, de maldición e reprobación
outras, sen significado concreto caseque sempre nestes usos ... A súa
eufónica en correspondencia sería "CARAMBA", xa que
CÁSPITA que tivo o seu momento á1xido, deixou de usarse.Tan só
lla escoitei hai uns anos a unha muller de gran pulcritude de alma e de corpo
que se chama Dona Inesita de Sípero y Perosí con reminiscencias
aristocráticas. Eu son ben falado e non a vou a pronunciar. Tamén
ela, que din pecadenta, pero que non o é, forma parte desta familia de
palabras. Outro nome propio que conforma o SINAL DE IDENTIDADE do CARBALLIÑO
ten que ser por forza O RIO ARENTEIRO. A simple pronunciación do hidrónimo
provoca unhas fondas resonancias afectivas, amén do seu significado etimolóxico,
non sempre coñecido, do que despois falarei un pouco. Se agora rachara
o monólogo propio dunha conferencia, e me dirixise a vostedes para preguntarlles
qué é o que senten expresado en palabras, cando lonxe da comarca
- ou se queren nela mesmo - escoitan pronunciar por boca allea nomes propios
familiares como O CARBALLINO, O ARENTEIRO, LEIRO, LAMAS, CEA ou PARTOVIA, estou
por apostar que non atoparían as palabras axeitadas. Emocionaríanse,
eso desde logo. ¿Que lles di o nome do lugar en que vostedes naceron
e se criaron, moi a pesar de que haxa outros en Galicia exactamente escritos,
homónimos? Porque non é o mesmo o significado do CARBALLIÑO
de Ourense que o do CARBALLIÑO de Touro poño por exemplo. Entre
outras cousas porque entre os nomes propios dunha e outra comarca hai unha interrelación
co conxunto de distinto signo. Fíxense ben, ARENTEIRO e ARANTEI preto
de Tui en Pontevedra, separados por uns cento vinte quilómetros máis
ou menos, son da mesma camada toponímica cunha semellanza morfolóxica
moi semellante: Os dous son ríos, os dous da mesma formación e
orixe, os dous galegos, pero os dous dan nome a unha xeografía humanizada
diferente, por xentes galegas si, pero diferentes na súa particular visión
das cousas. Cambian poucas letras, e sen embargo as evocacións son distintas
porque o conxunto de topónimos dun lugar concreto como os da comarca
do CARBALLINO, forman entre eles unha rede de simpatía e de interrelación
da que está excluído o río e lugar pontevedrés de
ARANTEI. O significado completo de ARENTEIRO será a suma do significado
etimolóxico común a tódolos hidrónimos máis
tódalas connotacións que emanan da presencia deste río
na comarca pola que discorre. Eu que nacín en Arbo, na comarca da Paradanta
- antes fora do Condado cando a política non era tan caprichuda - por
máis cariño que lle dispense á vosa, endexamáis
poderei recibir esas mesmas vibracións de simpatía, co seu valor
etimolóxico de "comunicación", esas palabras que non
se poden pronunciar porque non teñen consistencia física ó
ser a súa quintaesencia, que tódolos carballiñeses sentides
pola vosa contorna.
Se riscamos nas fonduras da xénese deste
nome de río, que nace bendecido e fertilizador nas proximidades do Mosteiro
de Oseira e cruza O CARBALLIÑO coa fachenda de saberse semente líquida
de riqueza antes de verter no AVIA “¡se vas ó Ribeiro ó
Ribeiro de Avia..!." (¡cantas connotacións -¿non si?-
emanan do verso condicional da copla!) caeremos na conta da súa internacionalidade
lingüística, como imos ver logo. O hidrónimo, o nome do río
ARENTEIRO, pódese ler na Idade Media escrito como ARGENTARIO, unha voz
semiculta relacionada por etimoloxía popular coa prata, pero que de feito
significa "AUGA corrente limpa e brillante". ¡Que o ouro e a
prata non confundan cos seus lampexos a raíz profunda doutros topónimos
vecinos! Coido que a etimoloxía de OURENSE - que din fala de OURO - non
é quen para facerse extensiva como metal precioso a outras etimoloxías
como ARENTEIRO.
Son moitas as designacións de ríos
que escomenzan coa vella raíz AR-: ARANDA, ARANDILLA que é o irmán
máis pequerrecho, ARANTEI, ARAÑO, o río leonés ARADUEY.
En Ourense temos o río ARGAS; en Lugo ARGÁ de ARRIBA. O río
ARGANZA repítese en Ortigueira, Salamanca, Asturias, Oporto. ARNOIA -
a ¡ARNOIA, ARNOIA! de Méndez Ferrín - tamén presente
en Portugal; o río ARNEGO, río afluente da Ulla, ARNADO unha freguesía
situada á beira do Sil en Vilamartín de Valdeorras, NAVIA DE SUARNA
... cun prefixo SU- indicador locativo de "debaixo de".
Este nome azumega auga polos catro costados. A
auga, cecais “o principio das cousas” que o filósofo de Mileto
TALES defendeu. O tema AR- fosilizado na onomástica hídrica e
internacional e amosa un espallamento prodixioso en Europa por culpa dos *ides.que
o propagaron. Por iso faláballes antes da internacionalidade lingüística
do RÍO ARENTEIRO. En Francia ARN, ARNE, ARNAS, ARNÓN. Río
ARNO e ARNARO en Italia. En Alemania río ARNE e ERNBACH, en Irlanda ARNEY
e ERNE etc... Pero coido que xa abonda.
Unha simple visión panorámica da
toponomástica da COMARCA DO CARBALLIÑO mostra unha abundancia
salientable de nomes de lugar procedentes de nomes de terratenentes posesores
de terras, os coñecidos ANTROPÓNIMOS posuidores que viñeron
a facer "turismo" e negocio atraídos polas bondades do N.O.
da península Ibérica. Deso que non lle caiba a menor dúbida.
Nin que dicir ten, que estes significados dos ANTROPÓNIMOS son irrelevantes
para o obxecto nomeado por alleos á simple función. Non hai entre
o nome e a terra ningún vencellamento mais que o puramente nominal de
posuidor e cousa posuída. Agora ben, este proceso de traspaso onomástico
supón un importantísimo factor de HUMANIZACIÓN, un dos
aspectos que me interesa subliñar dos topónimos.
* Hai un nutrido grupo de antropónimos
XERMÁNICOS SUEVOS que lle deron o seu nome as terras das que foron donos,
nomes que se conservan durante a IDADE MEDIA e que aínda perduran nos
nosos días. Foi a moda sueva na onomástica. O caso é que
os nomes xermánicos en poucos séculos chegaron a substituir a
tódolos anteriores (gregos, hebreos e latinos) non de xeito inmediato
ás invasións dos S. V e VI senón máis serodio, nos
S.IX-X
Pasado o tempo cede a moda, pero os nomes xermánicos quedan xa definitivamente
enxertados no noso tecido cultural. ¿Cal foi a causa? ¿Imitación
da clase dominante? ¿Un renacemento dos gustos onomásticos? Todos
posúen como nota común semántica a de ter significado aristocrático,
que ó dicir do profesor Piel era "o que os pais esperan ver realizado
no futuro dos seus fillos" Na súa formación entran polo xeral
nomes de animais fortes e nobres como EBOR "o xabarín" en EBERARDO
= xabarín forte; BERA "o oso" presente en BERNARDO =oso forte,
WULF "o lobo" como ARNULFO =forte como un lobo; RODOLFO= lobo glorioso;
AR " aguia" e valores guerreiros entre outros, máis uns aditamentos
ou sufixos formativos moi característicos como RIZ "rico",
MIL "célebre", GILDO, "válido", RED "consello",
SENDE "camiño", 'WULF "lobo", MIND " protección".
A súa particular morfoloxía delátaos
de maneira inconfundible: ESPOSENDE en Cenlle e en Ribadavia, que evolucionou
a partir de ISPANUSINDUS, significa "camiño de España".
ESPOSENDE e ESPOSENDES hai nos tamén no Portugal do norte, solar xunto
con Galicia destes exóticos nomes.
LEBOSENDE, repetido en Ponteareas e en Carballo,
Lugo e da mesma camada léxica que LEBOSANDAUS en Bande non doado de traducir
por mor das interferencias na morfoloxía do topónimo.Cecais "Camiño
desexado"? Non o sei de certo.
CASANDULFE en Loeda, Piñor de Cea.Trátase
dun antergo CASA DE ANDULFI que leva na estructura onomástica nome de
LOBO como o leva o actual nome propio ADOLFO e RODOLFO por exemplo, na terminación
-OLFO.
GOMARÍZ , "home rico".Témolo
en Baltar, Esgos e en moitos puntos de Portugal. Coa mesma raíz GOMESENDE
"a senda ou camiño do home" que tamén está rexistrado
na vosa provincia.
MOURIZ que vén do gótico MOPS "valor"
e o sufixo -RICI con interferencia probable da raiz MAUR- presente no nome propio
Mauricio. “Importante polo seu valor”.
ARIZ reducción do coñecido nome
ALLARIZ do gótico ALL "todo" e -RICI "poderoso" coa
equivalencia de "TODOPODEROSO" ou omnipotente. Repítense ademáis
do ourensá de San Cristobo de Cea, en Láncara, Lugo.
* Hai ontros rematados en -IN, e en E- de nomes
de posesores latino-cristiáns os máis numerosos na provincia de
Ourense xunto cos en -E. Que sirvan como paradigmas deste colectivo: SEÑORÍN
e PUNXÍN por unha banda e CENLLE pola outra.
Tanto os dous primeiros como o último supoñen
a reducción dunha fórmula TERRA máis o nome do dono. Así
SEÑORÍN quere dicir "A TERRA dun tal SENIOR ou SEÑOR",
PUNXÍN a dunha persona co alcume: "o que está sempre a punxir,
pinchar, molestar, ferir”
Para os amantes da filoloxía clásica,
derivado do verbo latino PUNGERE. Punta vén de aquí. Este último
nome de lugar dáse moito en Ourense como apelido.
CENLLE, ó igual cos anteriores, sintetiza
con esta terminación en -E o complemento determinante ou titular da posesión.
Así CENLLE supón "terra dun tal CELIO", xentilicio de
orixe etrusca recollido pola onomástica romana, como CARTELLE en Ourense
e CARTELLÁ en Girona son oriúndos de CARITELLO ou CARTELIO e éste
a súa vez de CARITUS de onde nace CARIDE.
* Tendes nomes en -OR e en OL- tamén de
persoas : PIÑOR con orixe respectivamente en VILLA PINIOLLI ou de PENIOLUS,
e POL que procede do sintagma VILLA PAULI ou de PAULUS, que máis tarde
remataría en PABLO, como FERROL orixínase no conxunto VILLA ou
TERRA dun tal FERRIOLI (nome de santo) e que, tempos pasados, aparecía
nos mapas como O Ferrol do Caudillo. ¡Que maneira de confundir!
* En fin antropónimos en AS como GODÁS
de CIMA e GODÁS do Río que ten vinculación cos "GODOS"
xermánicos. GODÁS vén de GODASIUS en base a GUT "bo",
como ASTÁS de ATANASIO e probablemente XURENZÁS que procedería
dun hipotético Iurentianis como RAMIRAS e RAMIRÁNS de Ramiranís,
LOURENZÁ de Laurentiani ou como GAUDILANIS remata en GOIÁNS, GOIÁS,
GOIÁN. FREÁS é un diminutivo con orixe en FREDILANIS: Haino
tamén en Celanova: FREÁS de DEVA e de EIRAS
* En -ON como VARÓN e VARÓN PEQUENO
< de Varus "o patitorto" que é alcume, e DACÓN de
DACUS "natural da Dacia" en MASIDE, outro nome posesor de persoa que
deriva de MASSITUS. Estes topónimos en -ON semellan aumentativos.
* En -ÁN como GAVIAN en San Cristobo de
Cea e BARRAN en Piñor e Vilar do Barrio.
* En -Á como MARTIÑÁ, pertencente
a San Cristobo de Cea, derivado do nome persoal latino MARTINUS e este entroncado
co nome do deus MARTE.
Outro apartado toponímico, pode formarse
con nomes de repoboacións medievais do tipo ASTURESES, xentes que viñeron
de ASTURIAS como os CUMBRAOS ou TOLDAOS proveñen de mozárabes
de COIMBRA e DE TOLEDO respectivamente con asentamento na Coruña, Lugo
e Pontevedra. ESTURÁOS é tamén un topónimo portugués
que se repite en BRAGA e VILAREAL.O topónimo ASTURIANOS de PUEBLA DE
SANABRIA xa mencionado no século X, asegura que alí houbo colonias
de Asturias, e un pobiño de SANABRIA, SAN CIPRIÁN presenta aínda
hoxe un trazo característico do asturiano central (as terminacións
-AS, -AN etc ... co A pechada en E). Outros topónimos son resultado de
migracións internas; é dicir, no seo da propia provincia, como
BANGUESES en Ourense (Verea) que semellan xentes saídas da carballiñesa
BANGA. En Vigo ó pé do artificial Polígono de Coia, construído
de xeito deshumanizador como unha gran parte da cidade, conservamos polo momento
un camiño-rúa chamado dos ESTURÁNS; é dicir dos
ASTURIANOS, probablemente atraídos polas industrias navais ubicadas na
Coia de beiramar. En relación coa repoboación medieval dos lugares
chamados ASTURESES, ASTURIANOS e ESTURÁOS, a principal razón está
en que ASTURIAS, rexión menos afectada polas guerras da Reconquista,
e por elo menos suxeita a despoboación, constituía unha reserva
natural de emigrantes.
Un nome de lugar derivado dunha planta un tanto
opaco, pero ben coñecido na comarca é o de BOBORÁS que
vén do colectivo plural BOBORALES da voz hispanolatina APOPERIS "especie
de calabaza grande e panza alongada", a ABOBRA en galego. Non teño
noticia de se neste pobo do Carballiño dáse hoxe esta clase de
cabazas coa abundancia que o topónimo sinala, pero o feito e que tivo
que ser en tempos máis ou menos lonxanos un lugar de gran producción.
Se BOBORÁS e un abundancial plural orixinado
de BOBORALES, o TRIGÁS carballinés tamén o é de
TRIGALES, por máis que se deixase de cultivar o trigo na medida da abundancia
de antes.
Neste mosaico de nomes propios tendes topónimos
que falan da orografía: A PENA DA CORNA, que polo nome debe ser unha
inxente rocha enriba do cumio dun monte chamado A PENACORNEIRA; e A CORNA ou
"rochal" que máis que feminino de CORNO debe ser abundancial
como COIA o é de COIO ou AGRA o é de AGRO; OUTEIRO sen mais adornos
que a súa orixe no latín ALTARIUM, que pola vía culta remata
tamén en ALTAR; PITEIRA con dous valores "o de parte do galiñeiro
onde se crían os pitos" e o oronímico propiamente en base
a raíz PETT- / PITT "rocha puntiaguda", valor este que coido
ten o voso topónimo. Velaí en moitos sitios: PITELOS en Verea
(Ourense), PETELOS en Mós (Pontevedra), PETÓN en Vinianzo, A Coruña,
PITEIROS, PETEIRA etc.. en moitas partes de Galicia con valor oronímico.
A CANDA, homónimo dunha das montañas pedregosas que fai de pedrafita
coa do PADORNELO, nunca mellor chamadas pedrafitas, xa que constitúen
a extrema entre as provincias de Zamora e de Ourense. CANDA ten o radical preindoeuropeo
CANT- / GAND "rocha", presente nunha chea de topónimos: A serra
rochosa do concello de Forcarei (Pontevedra) chámase O CANDÁN.
En Asturias hai CANDAL, CANDAS,CANDÁS, CANDÓN, CANDOAS. En Galicia
os topónimos GÁNDARA, GANDARELA, GRANDA, GANDARÓN repítense
por tódalas provincias. A GRÁNDOLA portuguesa, cuna da revolución
dos caraveis. Si a "GRÁNDOLA vila morena..." do inesquecible
Afonso.
Nomes cheos de relixiosidade: como IRIXO ou IRIGO
nacidos da base grecolatina ECCLESIA "eirexa" e SEOANE, espallado
pola nosa xeografía como SAN XOÁN, SEÁN, SEIVANE, SEVANE,
SAIÁN, SAIÁNS etc ... tamén en funcións de nome
propio de persoa. MOSTEIRO, o "monasterio" que do MONO formativo lle
vén o significado de "vida en solitario".
Punto de enlace de montes, de comunicación
de vales ou incluso de confluencia de ríos reciben nas vosas terras os
nomes de FURCO e CONFURCO tomados da verba latina FURCA "a forca"
que pola súa peculiar estructura pode usarse para moitos mesteres incluso
para "AFORCAR". Pero co sentido topográfico que é o
que lle corresponde os dous topónimos, alude a "camiños que
se bifurcan" Desta voz latina deriva tamén "a forcada",
instrumento agrícola - ben coñecido por todos- consistente nun
pau de madeira que remata en varias gallas". A propósito de "GALLAS",
hai sitios nos que ós FURCOS e CONFURCOS denomínanos GALLOS.
Por ter, teñen incluso a pegada manifesta
dos mozárabes da España musulmana no exótico termo onomástico
ALMUZARA, un dos poucos que callaron en Galicia xunto con, ALMUÍÑA,
ATAFONA, ATALAIA, ALFOZ e A MEZQUITA tamén ourensá pola banda
do BOLO.
Posúe o voso particular nomenclator un
topónimo de artística feitura e consonancias que trasladan a Grecia
Clásica do PARTENÓN: Estoume a referir a PARTOVIA. ¡Cantas
veces me preguntou pola etimoloxía de PARTOVIA o profesor e amigo Avelino
Muleiro, natural de LAMAS pola gracia de Deus, o Deus que foi capaz de facer
o home de barro dunha lameira ... ! Sexa pois LAMAS por sempre ennobrecido.
Nunca puiden darlle satisfacción en resposta. Tampouco nestes intres
estou en condicións de darlles a vostedes unha noticia etimolóxica
definitiva verbo deste nome propio tan ben composto, pero non hai que rexeitar
a proposta etimolóxica do profesor nado en Lugo Xoaquín Caridad
Arias que o deriva da voz grega PARCÉNOS "a virxe". Se así
fose, habería que seccionalo topónimo en PÁRCENOS e VIA,
este último elemento procedente de VINA, (compárese "venéreo"=
o relativo a deusa Venus) e estariamos na presencia dun lugar no que se faría
culto en tempos lonxanos a antiga VIRXE VENUS que como saben naceu das augas,
vaian vostedes a saber se das AUGAS DE PARTOVIA. Tan so unha pequena dificultade
ou se queren unha condición: para que esta etimoloxía poida aceptarse:
compre indagar se existe algún documento no que o acento do nome do lugar
recaia sobre o -I ; é dicir PARTOVÍA, porque entón a hipótese
podería converterse en definitiva solución. Como noticia recollida
a micrófono pechado, parece que o profesor César Varela defende
o significado de "abundante en cereais", sen que eu coñeza
as razóns que o levan a este resultado.
Con PARTOVIA poden estar relacionados PARTEME
en Lugo, PARTAGÁS e PARTEGAZ en Asturias e PARZÁN en Huesca, sempre
segundo Xoaquín Caridad no seu libro "Toponimia y Mito".
Sexa como fose, PARTOVIA sempre producirá
ese efecto elegante e diferenciador no rosario da toponomástica da comarca
do CARBALLIÑO.
Que me desculpen polo silencio onomástico nesta conferencia os veciños
de: CEA, de
LEIRO, da VEIGA e de OSEIRA / de LAMAS, BRUÉS
e CABANELAS/ de XUVENCOS, de COSTOIA e de UCEIRA/ de MESEGO, PACIÑOS
e BAGARELAS/. Os de REÁDIGOS, SANTRÓS e LOBÁS / VALEIRAS,
CAZARRANCAS e MARAÑAO / ARCOS, ASPEROLO, LOEDA e CARRÁS/.A GRANXA,
PONTERRIZA e FONTAO/
Gustariame que desfilase por esta pasarela do
Casino do Carballiño tódalas vosas estrelas toponomásticas,
porque cada unha delas individualmente ten a suficiente entidade e elegancia
como para exhibirse e recibi-los aplausos de todos. Ben é verdade que
non é posible porque o tempo non da para máis - e non e unha excusa
-, pero que lles quede a satisfacción de que tódolos que foron
silenciados - por riba do individual - cumpren a misión de conformar
ese corpus homoxéneo, xunto cos demáis, coa capacidade de crear
un ambente evocador e artellador nos seus habitantes, ou se queren coa capacidade
de estructurar un CARBALLIÑO IDENTIFICADOR, DIFERENCIADOR e moito máis
grande.
E como escomencei con VICENTE RISCO, así
remato: "Se o ten pensar se detén na codia das cousas, non digas
tampouco CARBALLIÑO é ben pequeno, es ti que endexamais poderás
concebir nada grande. "
Quédolles moi agradecido pola atención. Deica logo.
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
©Instituto de Estudios Carballiñeses.