galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> indice de artigos de ágora do orcellón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

Presentación

AVELINO MULEIRO GARCÍA, Director

     Coincidindo co primeiro aniversario da aprobación dos Estatutos e da asemblea constituínte do Instituto de Estudios Carballiñeses, nace hoxe a revista Ágora do Orcellón, órgano divulgativo de tódalas actividades que se desenvolvan dentro do Instituto. Nela aparecerán reseñas dos traballos de investigación que se realicen dentro dos diferentes Departamentos, informarase das diversas actividades culturais que se programen por parte do Instituto e facilitaranse tódalas noticias que se relacionen coa Comarca do Carballiño, dentro ou fóra do seu ámbito xeográfico, e que, de conformidade cos fins estatutarios do Instituto de Estudios Carballíñeses, sexan valorados de máximo interese. Pero o cerne da revista estará formado por artigos de investigación que irán publicando periodicamente os distintos integrantes de cada Sección ou Departamento do Instituto, deixando sempre a porta aberta a outras persoas que, aínda sen seren membros desta Asociación, pero gozando de recoñecido prestixio intelectual ou creto social, desexen utilizar esta revista para expoñer as súas ideas e manifestar publicamente as súas opinións.
     Ágora do Orcellón pretende ser un foro aberto a todos, tal como era a ágora da Grecia clásica onde se debatían os problemas relacionados coa polis. Tamén aquí se poderán expoñer e discutir asuntos relacionados coa comarca do Orcellón, fermoso recuncho galego agargalado con luzadas de historia e cultura popular, tendo no Carballiño o seu centro gravitatorio natural desde onde toda noticia se modula, se amplifica e alanca en ás dunha ben merecida fama que resoa por toda a xeografía galega.
     Con esta vocación de apertura tolerante, nace hoxe Ágora do Orcellón. Na súa filosofia non caben os sectarismos intempestivos nin os dogmatismos apriorísticos. Tampouco terán acubillo nela a falta de respecto ás persoas nin as desavinzas ideolóxicas. Queremos empezar esta xeira coa aspiración de implicar ó maior número posible de persoas, estando totalmente abertos á colaboración plural e ós criterios diverxentes. Se o tempo chega a premiar co éxito o noso traballo e a nosa ilusión, queremos facer partícipes del a tódolos que adoitan afoutarnos a cotío, sabedores de que non hai gozo verdadeiro se non é compartido.
     Neste primeiro número incluimos as conferencias que, co gallo da XXXIV FESTA DA MIMOSA, se ofreceron no Casino do Carballiño. Agradecémoslles desde aquí ós seus autores, D. José Mª. R. Iglesias Veiga, D. Gerardo Sacau Rodríguez e D. Bernardo Miguel Vázquez Gil, a súa desinteresada e inestimable colaboración co INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES.
     De aquí adiante, cada vez que Ágora esperte nos berces irtos do prelo para alancar un novo chanzo na superación da súa propia réplica, abriremos, de par en par, as contra ventás dunha ampla fiestra desde onde se poderá contemplar un abrente prometedor, pintado quizáis maxicamente polos míticos cantos do cisne de Vilamorta, símbolo pardobazano dun agora vivo Carballiño. O aire fresco que entre por esa fiestra vai convocar nun espacio común as lembranzas dun extraordinario pasado histórico cos azos dun pletórico presente desde o que se catapultará un infindo potencial de futuro.
     Quero apostar forte polo futuro de Ágora do Orcellón, porque deste xeito disporemos doutra posibilidade máis de nos reencontrar co noso pasado, peiteando, se cómpre, con suavidade, anaco a anaco, toda a Comarca ata tela segmentada completamente para, logo, darlle unidade sintética, estructural e cultural. Así, pois, voto polo éxito desta publicación, desexándolle unha fructífera e longa vida.

(Número 1. Novembro de 2000)

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador