galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> indice de artigos de ágora do orcellón
INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES |
|||||||
AGORA DO ORCELLON: NÚMERO 7
PRESENTACIÓN
Avelino Muleiro García
Director
Ó dirixirme de novo ós
lectores de Ágora do Orcellón, pretendo contar con eles na súa
complicidade tratando de precisar a puntería ó escribir, aínda
que iso poida ter o inconveniente de reducir o campo ó que disparo. Pero
non quero que as miñas ideas carezan de axuste cos lectores.
Os pobos son comas persoas: teñen vida,
soños, ilusións... Hai grandes soños e ideais que se comparten
solidariamente. Hai soños pequenos, que soen esconderse nos lugares ocultos
da nosa cabeza e do noso corazón. Cada persoa, seguramente, ten un resumo
da vida do lugar onde naceu --ou onde vive desde hai certo tempo-- nalgún
prego do seu cerebro, integrándoo emocional e socialmente, e facilítalle
o camiño a seguir para percorrer detrás do tempo. Cada pobo ten
o seu soño e a súa historia. A historia dos pobos técese
decote coa filigrana da cultura e envólvese co tafetán recamado
das pegadas que deixan neles persoas ilustres, solidarias e benfeitoras. A historia
do Carballiño non é unha excepción a estas premisas.
A mediados do século vinte a figura de Marcelino
Enríquez Parrondo sobrancea categórica e sublime sobre a vila
do Arenteiro, engaiolando ós seus paisanos co frenético degoiro
de facer grande e competitivo O Carballiño. Como home que levaba dentro
de si a paisaxe idealizada da súa vila, remou cara á costa imaxinaria
de amañeceres futuros, onde a intelixencia do seu corazón se cruzaba
cómplice coa esperanza dun ditoso porvir para a comarca. A súa
determinación era convincente sobre unha dignidade persoal intacta e
os seus desexos pronto se fixeron realidade. Sen el, nin o ferrocarril pasaría
polo Carballiño (concedéndose un merecido descanso na súa
espléndida estación) nin o proxecto deseñado por Antonio
Palacios da igrexa para esta vila chegaría a ser ese prodixio arquitectónico
chamado Veracruz.
Ágora do Orcellón quere render neste
número unha digna homenaxe a este fillo ilustre do Carballiño,
que sempre levou a súa vila no corazón e a quen todos os carballiñeses
teñen que lle estar inmensamente agradecidos. Os fillos de don Marcelino
e os seus amigos Xosé Fariña Jamardo e Adolfo Otero Cerdeira evócano
aquí nunha emotiva e fermosísima lembranza.
Dese Carballiño de onte, ó que Marcelino
Enríquez Parrondo axudou a ser grande hoxe, recupéranos na entrevista
Pepe Barrancos as súas entrañables vivencias persoais a través
de inéditas historias impregnadas de tenrura e de remarcada emotividade.
É a testemuña viva dun home que participou no desenvolvemento
do Carballiño do século vinte e dun espectador que observou con
atención os avatares desa vila durante máis de oitenta anos. Manuel
Torres Campos desvélanos unha apaixonante historia das orixes das medidas
e unha complexa diversidade destas na nosa comarca.
Pero neste número de Ágora do Orcellón
non só colaboran persoas da comarca carballiñesa e galega; aquí
teñen tamén o seu recanto persoas doutros lugares. Desde Valladolid
chéganos un estudio sobre o cruceiro da Ponterriza do catedrático
de Lingua e Literatura Luis Miravalles, admirable escritor e excelente debuxante.
Da universidade autónoma de Barcelona recibimos un magnífico estudio
sobre a aprendizaxe e a memoria elaborado polo catedrático de psicobioloxía
Ignacio Morgado Bernal. Luz Marina Barreto envíanos desde a Universidade
Central de Venezuela unha excelente reflexión ética sobre a clonación.
Iso demostra a harmonía e o equilibrio entre
o particular e o universal, entre o idiosincrásico e o global, filosofía
na que se instalou esta revista desde un principio. Somos sabedores de que a
civilización na que estamos mergullados se vertebra no diálogo
de culturas nacionais, ou do contrario non haberá civilización.
Xa o dicía Octavio Paz: “Se a uniformidade reinase, todos teriamos
a mesma cara, máscara da morte. Mais eu acredito no contrario: acredito
na diversidade que é pluralidade, que é vida”.
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
©Instituto de Estudios Carballiñeses.