galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> indice de artigos de ágora do orcellón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

AGORA DO ORCELLON: NÚMERO 6

PRESENTACIÓN

Avelino Muleiro García
Director

     No ámbito da ciencia abundan tanto as propostas contra o sentido común que parece inexplicable a elevada consideración epistemolóxica que dela adoita ter a sociedade. Hai exemplos dabondo por todas partes: na física cuántica, na cosmoloxía, na astronomía, na bioloxía,… Parece como se “na realidade non existise nada que respondese estrictamente á lóxica”, dicía Nietzsche. O dilema do gato de Schrödinger representa un paradoxo dentro da teoría cuántica –teoría capaz de proporcionar unha soberbia descrición da realidade física nunha escala pequena, pero que contén moitos misterios—demostrando que un gato (que representa un obxecto a gran escala) pode estar ó mesmo tempo vivo e morto (como consecuencia do contorno formado por un número enorme de partículas que se moven aleatoriamente e nas que inflúe a presencia do observador).

     O principio de indeterminación de Heisenberg rexeita toda previsibilidade no mundo corpuscular, mentres no mundo macroscópico --soportado naquel—todo parece determinado e previsible. A teoría heliocéntrica, albiscada por Aristarco de Samos e confirmada por Copérnico e Galileo, arremete contra as crenzas empíricas do coñecemento máis concorde co xeocentrismo. Os sistemas caóticos, primordialmente deterministas, practicamente se comportan como se non fosen tales. O afastamento das galaxias nun universo en expansión, observado por Edwin Hubble e confirmado polas teorías que fundamentan o big-bang, rebaten o modelo aristotélico dese remanso de estrelas fixas e desa crenza tradicional nun universo inmóvil.
     
     Pero non só a ciencia depara ese salterio de dilemas cangados, ocorre tamén na vida mesma. Esta, obstinada nos seus desdéns incorrexibles de fanar todo o que atopa por diante, degoira logo achar pausas de emerxencia para poder disfrutar cada obxecto baixo unha revelación de fragancia viciosa. Amenceres instantáneos e crepúsculos rasgados quedan ó final do día coma restos dunha gloria desbaratada. É o paradoxo prometeico da realidade. É a fascinación sorprendente que se agocha no tecer penelópeo dese veo da realidade que non se esgota nin acaba nunca. ¿Quen ía pensar que Ágora do Orcellón choutaría ós dous anos de nacer cos azos e co predicamento que ten actualmente? ¿Podía cavilar alguén cando saíu o seu primeiro número que podería atopar un pequeno recanto nas bibliotecas universitarias e nas librerías das grandes cidades galegas? ¿Non é este outro enigma coma os que acabamos de considerar na ciencia? Calculo que nin os máis optimistas poderían crer no éxito que está conquistando Ágora do Orcellón en Galicia e fóra dela. As razóns do logro parécenme sinxelas: rigor na elaboración dos estudios e acerto nos asuntos tratados. Os nosos colaboradores gozan de prestixio intelectual e solvencia metodolóxica. Os temas investigados amosan un equilibrio harmónico entre o local e o global permitindo por unha parte a especialización no singular --o que promove a profundidade—e a integración do universal --o que impide a estreiteza--.

     Ofrecémoslles neste número ós nosos lectores un excelente menú co que poden degustar unha ampla gama de sabores estéticos, históricos e intelectuais. Observen se non. Unha entrevista a José Luis Cuerda –prestixioso director e productor de cine, albaceteño de berce e carballiñés por libre albedrío-, realizada por Carlos Rodríguez e Miguel Anxo Fernández, persoas destacadas no mundo da comunicación e da imaxe.

     Na lembranza acércanos a Emilio Nogueira, inspector de educación primaria nado no concello do Irixo, da man da súa filla Isabel. Quedan para os dous seguintes números deste apartado as lembranzas de don Marcelino Enriquez Parrondo –elaborada polos seus fillos-- e de don Enrique de los Arcos – preparada pola súa familia e coordenada por Ana Isabel Rodríguez Bernárdez.

     Nos artigos de investigación atopámonos cuns magníficos estudios de moi diversa temática. Un deles, A presencia de Cachamuíña nas terras do Orcellón, imbrícase na historia da independencia española fronte ós franceses. O seu autor, Emilio Estévez Rodríguez, é un especialista neste heróe galego sobre o que ten publicados libros e artigos. Outro estudio histórico céntrase no castelo do Orcellón; é un traballo do catedrático da universidade de Vigo Xosé Barreiro Somoza. Alexandre Hermida Mondelo, un xove doutorando na Sociedade da información e o coñecemento, descendente de familia da serra da Martiñá, na parroquia de Vales, agasállanos cun estudio sobre Tecnoloxía e sanidade: un binomio en auxe. Tamén Antoni Domènech, catedrático de Filosofía das ciencias sociais e morais e director do departamento de Teoría social, filosofía do dereito e metodoloxía das ciencias sociais na universidad de Barcelona quixo colaborar connosco neste número a través dun estudio titulado Individuo, comunidade, cidadanía.

     Quédame expresar, coma de costume, a nosa gratitude ás institucións que subvencionan esta publicación: a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de educación e O.U. da Xunta de Galicia e a Excma. Deputación provincial de Ourense. Neste apartado quero facer constar tamén que, a pesar de aparecer no anterior número de Ágora do Orcellón a entidade Caixanova como subvencionadora, esta entidade negouse a colaborar. Por iso agora, sen pretender escudarme en licencias literarias para dicir das cousas o que penso, tampouco pretendo adoptar imposturas onde a verdade poida despuntar sobre dúbidas e opinións. Tal vez a deferencia e a boa predisposición dos representantes locais da entidade fixera, inxenuamente, crear falsas expectativas na dirección desta revista para incluír o seu logotipo entre as entidades colaboradoras….


pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador