galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> indice de artigos de ágora do orcellón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

AGORA DO ORCELLON: NÚMERO 8

PRESENTACIÓN

Avelino Muleiro García
Director

     Gracias ós avances científicos e ós desenvolvementos tecnolóxicos, o universo aparécenos día a día máis inmenso e complexo, pero tamén máis intelixible e comprensible. Inmensidade e complexidade non teñen por que ser conceptos irreconciliables coa intelixibilidade e co coñecemento, poden moi ben harmonizarse e xerar marcos de referencia dentro dunha sinerxia entre diversos procesos de avance. Nós estamos tocados pola cercanía esencial das cousas ocupando un recanto dese universo onde a complexidade se incrementa cualitativamente por mor da presencia e da acción humana no mundo. As persoas contribuímos á complexidade do universo introducindo conflictos, que son novos tipos de problemas para os que se precisan frescas e flamantes solucións das que se debe responsabilizar a cultura e a quen se lle deben dar plenos poderes.

     Por esa conflictiva intromisión humana no cosmos vivimos tempos de incerteza e de perplexidade respecto á seguridade mundial e experimentamos un teimoso desacougo no tocante ó futuro da nosa civilización. Existimos sosténdonos en vilo a nós mesmos, como dicía Ortega, levando en peso a nosa vida entre as esquinas do mundo. Os vellos fantasmas bélicos dos dous bloques enfrontados desde a segunda metade do século vinte transformáronse a comezos do século vinteún nun perigoso risco de choque de civilizacións aliñado por cosmovisións dificilmente agargalables. Os efectos destas irreconciliables actitudes culturais padecémolos dabondo, individual e colectivamente, sobre todo na economía e na seguridade. Sentímonos mergullados no multiculturalismo, ante o que se erguen múltiples formas de resposta, se ben o interculturalismo semella unha actitude razoablemente solidaria e tolerante. Todos os problemas creados entre culturas non só representan un desafío existencial do individuo, reproducen tamén un reto globalizado. Globalizouse a economía e a cultura, pero tamén os conflictos e os problemas.

     A pesar de todo propugnamos a identidade persoal e o ámbito do privado. Non queremos ser coma os yskálnari que describe Michael Ende na Historia interminable. Os yskálnari non tiñan nome para cada individuo e “tampouco o consideraban necesario. Eran, todos xuntos, os yskálnari, e iso chegáballes… Parecían non coñecer a palabra “eu”; en todo caso, non a utilizaban nunca, senón que sempre falaban unicamente de “nós”… Os yskálnari parecíanse tanto entre si que non lles custaba ningún esforzo sentirse comunidade. Ó contrario, non tiñan a posibilidade de discutir ou de non estaren de acordo entre si, porque ningún deles se sentía un individuo”.

     A nosa aposta pola identidade persoal implica un amplo abano de connotacións referenciais a dita identidade: familia, cultura, crenzas, territorio… por medio das cales podemos orientarnos e distinguirnos doutros no universo. Iso non presupón enquistarse en nós mesmos, senón que reivindicamos a apertura ós demais con todas as consecuencias. Como Adrián Solovio, personaxe central da novela de Otero Pedrayo Arredor de si, temos que ser europeos e planetarios. Coñecer o diverso supón enriquecernos na forma de ver o mundo e de facernos máis tolerantes.
Os colaboradores deste número de Ágora do Orcellón son un irrebatible argumento desta forma de pensar. Ignacio Morgado Bernal, da universidade autónoma de Barcelona, ilústranos cunha excelente lección sobre a memoria. Luis Miravalles participa de novo desde Valladolid cun estudio sobre a forxa e as súas amplas aplicacións. Igualmente regresa a estas páxinas Emilio Estévez Rodriguez para completar o seu traballo sobre Cachamuíña, do que publicou unha primeira parte no número seis desta revista.

     Sobre temas máis locais da comarca do Orcellón ofrecemos interesantes e rigorosos traballos. Así, o de Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez sobre as andoriñas das vilas na bisbarra do Orcellón; o de Xosé Benito Reza sobre a pena Corneira; o pregón da XXXVIII Festa da mimosa, celebrada no casino do Carballiño, de Gonzalo Navaza; o estudio de Pío Moa sobre os premios Antón Losada Diéguez; e a inauguración na praza da Alameda do monumento ós emigrantes (Muntem), co discurso de Roxelio González “Escaleira”, responsable da sección de Emigración do Instituto de Estudios Carballiñeses.

     A todos eles, así como a Ana Isabel Rodriguez, que se responsabilizou das seccións Na Lembranza e Entrevista, a nosa gratitude.

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador