galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> indice de artigos de ágora do orcellón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES

AGORA DO ORCELLON: NÚMERO 5

PRESENTACIÓN

Avelino Muleiro García
Director

     Cada vez que Ágora do Orcellón ameaza dende o prelo cun novo percorrido por Galicia, o equipo de redacción e o Comité Científico ó completo celebran o evento como se fose sentimentalmente unha victoria e un xesto de ascensión. Toda publicación é primeiro unha intención e logo unha realización, e non sempre o éxito coroa esa secuencia lóxica. Somos conscientes de que, coa mellor elegancia do espírito e exquisitez de talento, teñen naufragado os mellores propósitos, e as veces por unha simple cuestión de método frústranse grandes soños.
     Énchennos de ledicia os parabéns e as felicitacións recibidos dos nosos lectores dándonos azos para proseguir esta xeira coa mesma filosofía e entusiasmo. Pero, sabedores de que a vaidade se alimenta de detalles diverxentes, intentamos pactar coa razón, que, como é de todos, non nos permite fachendear por atronadora que sexa a tempestade de prácemes.
     Dende un principio propuxémonos axudar a pórIle rostro á historia desta terra para que sexa recoñecida na panóptica da mundialización, impedindo que acabe nos remuíños do devalo histórico que ameaza as idiosincrasias telúricas.
     Galicia vén de ser fisicamente agredida nas súas costas mariñas e moralmente golpeada na súa xente. Cando as follas outonizas voaban polas fragas galegas do interior anunciando o solpor da vida agreste, a luz dos faros mariñáns que alancean pola noite atraía ás costas a imaxe da morte na mortalla do alcatrán. Un espantoso monstro, fillo dunha voraz globalización, ía envelenando co seu letal chapapote os tecidos vivos do mar e da costa, mentres o leviatán agoniaba desangrándose nas tripas oceánicas.
     Quixeramos que este número de Ágora do Orcellón fose unha metáfora reivindicativa e solidaria das terras arenteirás coa Galicia do litoral. 0 contorno carballiñés sempre demostrou a súa estima pola costa e a súa xente, manifestándose este tradicional aprecio no intercambio turístico.
     Este turismo significou case sempre unha das maiores fontes de ingresos para a economía destas terras do interior. Mandámoslles, pois, dende aquí ás emboutadas augas atlánticas, e a beiramar que gorecen, agarimosos achegos e melidos abrazos a través das límpidas e rebuldeiras augas do noso Arenteiro, na esperanza dun renacer de excelsos horizontes que barruntan saír de lonxanas estrelas da mañá galega.
     Coa mirada posta nun futuro mellor, debemos apostar pola naturalidade dese íntimo orgullo de quen ten ideas de seu e comprometernos coa erudición a establecer un convenio intentando recuperar nas cousas e nas actitudes a dignidade, a nobreza e a finura, valores que están desaloxados (lo mundo actual por telos socialmente como ineficaces. Temos que estar en disposición de afrontar con dilixencia e esmero a realidade, conscientes de que as eternas preguntas volverán resoar tan pronto como violentemos a natureza das cousas. Debemos ser circunspectos e convencernos de que o horizonte da nosa percepción non é o horizonte da realidade; cando se pretende identificalos, pode resultar perigoso para a convivencia, pois non é bo esquecer que hai ideas derivadas desta interpretación que son como atentados.
     A enerxía esencial e íntima que permanece nas cousas que temos ó noso lado e a que estimula a Ágora do Orcellón a escudriñalas e desvelalas.
     Nesta ocasión os nosos achados céntranse na toponimia do Orcellón, nas augas termais da comarca -a súa orixe xeolóxica, a súa función terapéutica e a súa clasificación química-, no uso (la metáfora científica, na figura de Adolfo Otero -auténtico demiúrgo da igrexa da Veracruz- seleccionada na lembranza, e nas experiencias vitais de Camilo Rodríguez, que recollemos na entrevista. A nosa gratitude ós autores destes traballos.

 

pie index fotos Hola Amig@s...

"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador