O Gran Balneario: un conto e un soño.
Carballiño é terra termal. Gran Balneario. Bañiño de Arcos. Balneario das Caldas de Partovia. Fonte termal de Brués ... Orcellón: comarca rica en augas termais.
A comezos do século XXI o Gran Balneario do Carballiño é un balneario marabilloso. Algúns critícano dicindo que ten un aire un pouco decadente. Comparado con outros balnearios que se modernizaron e que amosan impresionantes medios e instalacións de deseño vangardista ... comparado con Arnoia, Lobios, Laias, Mondaríz, Talaso Atlántico ... o Gran Balneario do Carballiño parece un pouco como se tivera quedado durmindo nos tempos de fai cen anos.
Estas son as críticas que se lle fan. Aínda que eu tamén teño que dicir que para min o Gran Balneario do Carballiño ten un encanto especial: os marabillosos xardíns, con carballos e castiñeiros centenarios e outras árbores fermosas, e con flores, moitas flores (hortensias, rosas, e margaritas...); o fermoso edificio, perfectamente integrado no lugar e na paisaxe, coa súa forma, coa súa torre, coas súas fiestras de cristal, coa súa personalidade, e coa súa alma, porque ten... ten alma claramente; e o Arenteiro, deitado o pé do Balneario, ruxindo suavemente, formando co seu canto, en combinación coa música dos paxariños que hai no lugar, unha fermosa melodía. Sí, o Gran Balneario do Carballiño ten natureza, ten musa, ten misterio, ten poesía, ten algo... ten ... ¡ten alma!. Para min o do Carballiño é o mais fermoso de tódolos balnearios que coñezo.
E vouvos contar un conto: Comezos do século XXI. Os balnearios volven a estar de moda. O Instituto de Estudios Carballiñeses e a Universidade de Vigo organizan un curso de termalismo no Carballiño. Conferencias. Clases prácticas. Tempo para comer, conversar, e pasear... Un puco de todo.
Paula, Pau para os amigos íntimos, é unha rapaza alegre e xovial. Está disfrutando moito no curso de termalismo. A ela gústanlle os balnearios. Gústanlle as flores, as árbores, os sendeiros e a sombra fresca do bosque. Gústalle a natureza. Por iso, despois de comer, vai a dar un paseo polo Gan Balneario ... Está feliz. Disfrutando como se estivera no ceo. Paraíso. Edén. Síntese moi agusto. Plena. Feliz. Sen saber por qué. Pasea. Mira. Respira lentamente sendo consciente de que está viva e de que o aire limpo está entrando e saíndo do seu corpo. Está soia. Pero non se sinte para nada soia. Nota á súa beira un montón de presenzas amigas. Nun momento séntase nun banco e queda mirando para unha fermosa flor. Parece diferente ás outras. Como se tivera unha alma máis fina. Míraa e tócaa con cariño. Está tan concentrada que case se sobresalta cando escoita unha voz ó seu carón. "Ola, boas tardes. ¿gústache esa flor?". "Sí. A verdade é que sí. Boas tardes...". "Se queres podes collela. Hai moitas... Non hai problema. Eu son o home que coida o xardín". "Grazas. Pero chégame con mirala. Gústame moito esta flor ... e por iso quero que ela siga vivindo aquí ... de todos modos ... é vostede moi amable". "Como queiras". "¿Vostede leva moitos anos traballando aquí?". "Toda a vida. Dende que era neno". "Entón saberá moitas historias deste balneario". "Sei...". "¿E quéreme contar algunha?". "Por suposto que sí..."
O home que coida as flores chámase Pedro. Ten un longo cabelo louro e uns transparentes ollos azuis. Unha mirada clara e limpa como a auga da montaña. Un corpo robusto, forte, atlético. Parece un príncipe azul, ou un home saído dun conto.
Séntanse á sombra, nun banco de pedra, e o home empézalle a contar. Unha historia. E logo outras. Fálalle das augas, da xente, dar árbores e dos paxaros. Fálalle da musa, do misterio e da alma segreda do balneario. Paula entra dentro dos contos. Todo é como un soño. Pasan as horas voando. Están tan agusto.
Fanse moi amigos. Pau cóntalle tamén historias e segredos do seu corazón. Ata chega a contarlle algunhas cousas que nunca lle dixera a ninguén.
E finalmente o home míralle ós ollos á moza. E quedan mirándose un anaco longo. Infinito. Pleno. Eterno. Mentres se miran, a moza cóllelle a man ó seu amigo ... cerran os ollos ... e están así, coas mans collidas e cos ollos pechados, mirándose coas almas, durante un tempo incontable de ledicia, plenitude e ceo redondo.
Cando abren os ollos Pedro dille a Paula. "Agora ... agora vouche contar o segredo máis fondo que teño. Agora vouche contar un soño".
Paula apreta a man sen dicir nada. E Pedro empeza a contar: "Moitas noites teño o mesmo soño. Estou no xardín. Falando coas flores. E chega unha rapaza moi fermosa. Ela tamén se pon a falar coas flores. E fala tamén comigo. E pídeme que lle conte historias do Balneario. E despois de mil historias pasadas ... nun momento mirámonos ós ollos ... collémonos da man ... empezamos a voar ... e todo empeza a ser diferente pouco a pouco. Ela di que quere quedarse a vivir no balneario ... comigo ... e para sempre. Eu véxoa tan fermosa que non son capaz de dicirlle que non pode ser ... Ela di que o imposible non existe. Ela ten uns poucos aforros. Eu tamén teño algo. Ela ten unha tía solteira que tamén lle pode prestar algúns cartos. Tamén podemos xogar á lotería. Se temos fe nada é imposible. Se queremos algo intensamente ... lograrémolo. E falamos co administrador do balneario. Os donos non ten pensado vendelo. Pero se llo pide Pedro ... pode que llo arrenden. Falamos cos donos. Chegamos inmediatamente a un acordo. E o noso soño empeza a camiñar. E arrendamos o balneario, co seu xardín, coa súa maxia e coa súa alma. E facemos xuntos e para sempre con amor e felicidade o noso Gran Balneario. O froito do noso amor e do noso traballo... o balneario dos nosos soños. Fermoso, moderno, funcional... pero tamén vello, eterno, con encanto. Un balneario con auga, con musa e con alma. Novo. Antigo. Eterno. Diferente. Un balneario froito dun soño de amor".
Pedro calou. Dos ollos de Paula caeron dúas bágoas. Eran salgadas e levaban un traxe de luz. Nese momento Paula e Pedro volveron cerrar os ollos ... e ¡volveu falar o silencio!.
Naquel intre chegaron Sandra e Rita. Viron a Paula sentada no banco, durmindo. "¿Pau, estás durmindo?". Paula espertou e dixo: "Non, non. Non estou durmindo. Estou soñando".
(Juan, 07-07-2009)
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
©Instituto de Estudios Carballiñeses.