Fotos de Galicia. Termalismo.
Hotel-Balneario Isla de la Toja. Juan 09/07/2009 |
HOTEL BALNEARIO ISLA DE LA TOJA
Por terceiro día consecutivo os alumnos do curso de termalismo erguéronse cedo para poder estar no Carballiño ás 9:00. A esta hora saíron os autobuses do Centro Comarcal do Carballiño. A mañá estaba fresca e soleada. A esa hora os corpos das persoas proxectaban no chan sombras alongadas.
A chegada á Illa da Toxa foi en certo modo sorprendente: facía un sol marabilloso. Fixemos un par de fotos diante dunha das portas de entrada ó Hotel Balneario Isla de la Toja. Entramos. Percorremos un longo corredor. E chegamos a un salón estupendo no que os alumnos se sentaron e quedaron admirados ó ver como cada un tiña o seu vaso e a súa botella de auga mineral para poder beber. Foi todo un detalle que fixo que a mañá empezase con bo humor...
Fóra, na Illa, a vida discorría con normalidade. A min chamoume a atención a gran cantidade de xente que estaba metida na auga, mariscando. No campo de golf os xogadores tiraban dos seus carros. A capela das Conchas estaba chea de turistas véndoa e facéndose fotos. E os postos de venda de "pulseras, collares e outros inventos" queixábanse da crise...
Dentro do Hotel Balneario Isla de la Toja a actividade discorría tamén con normalidade... e dentro desta normalidade estaba o grupo de alumnos de cursos que escoitaban atentos as ensinanzas dos conferenciantes. A mañá rematou cunha mesa redonda. E a tarde volveu a ser de prácticas... e os alumnos puideron gozar amplamente das estupendas instalacións das piscinas do balneario.
A atención do director do Hotel Balneario e do persoal do mesmo foi fantástica, tanto para os alumnos do curso coma para os organizadores do mesmo. Unha boa maneira de fomentar o amor ó termalismo...
O venres, os alumnos do curso pasaron a mañá no Carballiño e a tarde no Talaso Atlántico de Baiona... pero nesta páxina non atoparedes nin fotos nin crónica... porque a quen isto escribe tocoulle traballar ese día... e, por desgraza, non puido acompañar ós "cursillistas"... ¡unha mágoa!
Pero, con crónica ou sen ela, o que está claro é que foi un magnífico día... e que os alumnos remataron o curso contentos, coa ledicia de ter descuberto este novo e marabilloso mundo do termalismo, e coa satisfacción de ter pasado uns días de aprendizaxe, goce e convivencia.
Nota: Contoume un paxariño,
un paxariño do que me fío, que o acto de clausura estivo redondo.
Clausurou a secretaria Xeral de Turismo, que deu a última conferencia.
Estivo o delegado de Ourense (agora denominado "superdelegado"),
Rogelio Martínez. Tamén estiveron dous concelleiros do PP e
dous do PSOE. Despois da clausura entregáronse os diplomas ós
asistentes. A televisión do Carballiño gravou todo.
E colorín colorado... este conto seguirá, se Deus quere, dentro
dun ano...
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
©Instituto de Estudios Carballiñeses.