galicias >> Revista Auria


Xaneiro de 2010: A neve e os lobos. Febreiro de 2010: Tolos polo entroido Marzo de 2010: A Semana Santa. ... ...

"O Domingo de Pascua cadra cada ano no primeiro domingo de primavera no que hai lúa chea. A festividade do Domingo de Pascua ten a súa orixe na Pascua Xudía. E os xudeus rexíanse polo calendario lunar, non polo solar, e celebraban a súa Pascua o primeiro sábado de primavera no que había lúa chea" (Juan)

A SEMANA SANTA

(Publicado na revista AURIA do mes de febreiro de 2010)

     Coresma. Corenta días de preparación. Deserto. Sacrificio. Conversión. Xaxún e abstinencia.

     Domingo de Ramos. Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. Entre aplausos e aclamacións. Palmas e ramos de oliveira. Festa.

     E ao final a Semana Santa.

     Xoves. Última Cea. Xesús xúntase cos seus amigos. Os seus discípulos. Os seus apóstolos. Lávalles os pés: símbolo de servizo e de humildade. “O Fillo do home non veu para ser servido, senón para servir”. E cea con eles. Compartir mesa, comida e compañía. Institución da Eucaristía: “Mentres estaban comendo, tomou Xesús o pan e bendiciuno, partiuno e, dándollo aos seus discípulos, dixo: “Tomade e comede, este é o meu corpo”. Tomou logo unha copa e, dando as grazas, déullela dicindo: “Bebede todos dela, porque este é o meu sangue da Alianza, que vai ser derramada por moitos para o perdón dos pecados”.

     Oración no Horto das Oliveiras: “Pai se é posible, aparta de min este Cáliz, pero que non se faga a miña vontade, senón a túa”. Tristeza e angustia. E Xudas traizóao. Véndeo “por trinta moedas de prata”. Cun bico entrégao aos seus inimigos. ¡Cun bico! ¡Que absurdo, que esperpento, que contradición! Veñen e lévano preso. E os seus dormen. E logo foxen.

     Venres. Sombras e dor. É a Paixón. Lévano ante o Sanedrín. Acúsano. Xúlgano. E condénano: “Blasfemou, é reo de morte”. Chúspenlle na cara. Danlle labazadas. Golpéano. Pedro négao tres veces: “non coñezo a ese home”.

     Lévano ante o procurador romano. Pilato ve que é inocente e quere liberalo. É costume en Pascua conceder ao pobo a liberdade dun preso. Pregúntalles: “A quen queredes que vos solte, a Xesús ou a Barrabás?” “¡A Barrabás!” “E que fago con Xesús?” “¡Crucifícao!”. A maior das inxustizas está a piques de consumarse. Pilato “lávase as mans”.

     Un home bo e xusto... acusado, detido, torturado, xulgado por un delito inexistente, condenado a morte, executado... É inocente. Pero estórballes ós que mandan. E deciden acabar con el.

     Azóutano. Íspeno. Ponlle unha coroa de espiñas. Búrlanse del. Torturado, menosprezado, vilipendiado... Xesús coa cruz ao lombo subindo o Calvario. Crávano na cruz. Cólgano. Insúltano e fan burla del: “Se es Fillo de Deus, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz!”. Crucifícano.

     «Desde a hora sexta houbo escuridade sobre toda a terra ata a hora nona. E ao redor da hora nona clamou Xesús con forte voz: “¡Elí, Elí! lemá sabactaní?”, isto é: “¡Meu Deus, meu Deus! por que me abandonaches?”».

     E morre. Expira. Entrega a súa alma ao Pai. Crucificado no medio dos ladróns. INRI. E alí, ao pé da cruz, María, a súa nai, cos ollos mollados e a alma rota, traspasada pola dor. Como todas as nais do mundo que viron morrer a un dos seus fillos. É a noite. A hora das tebras. Cheira a cinzas de nada. Escuridade total. Desolación. Os discípulos, desorientados, desaparecen. Desbandada. Abandono.

     Entérrano nun sartego prestado. O Fillo de Deus, que todo o pode, non ten nada, nin sequera un lugar para ser enterrado.

     Sábado. Terra de ninguén. Tempo baleiro. Silencio. Resaca. Espera...

     Domingo. Chega a madrugada do domingo. As mulleres van ao sepulcro e atópano baleiro. Escoitan unha voz: “non busquedes entre os mortos ao que está vivo. RESUCITOU”.

     É o triunfo definitivo. O que dá sentido a todo o anterior. Así a nada dunha morte aparentemente absurda e inxusta queda convertida nunha morte redentora. Salvación.

     Morre a noite. Volve a vida. Vida eterna. Alegría. Vixilia pascual: Festa da luz. A noite do Sábado condúcenos ao Domingo. Domingo de Resurrección. Xesús aparécese en primeiro lugar a María Magdalena. E logo a outros discípulos. Camiña cos de Emaús conversando con eles. queda a cear na súa casa. E recoñéceno “ao partir o pan”.


***

     Aquí, nesta historia, están enterradas as raíces de moitas cousas.

     O Domingo de Pascua é o eixo central. Preguntástesvos algunha vez por que o Entroido, a Coresma e a Semana Santa caen cada ano en datas diferentes? O Domingo de Pascua cadra cada ano no primeiro domingo de primavera no que hai lúa chea. A festividade do Domingo de Pascua ten a súa orixe na Pascua Xudía. E os xudeus rexíanse polo calendario lunar, non polo solar, e celebraban a súa Pascua o primeiro sábado de primavera no que había lúa chea. E nesa mesma data celébrase o Domingo de Pascua, a pesar de que nós non seguimos o calendario lunar senón o solar. Así pois o 20 de marzo de cada ano empeza a primavera. A partir dese día mírase cando chega a primeira lúa chea. E o primeiro domingo logo de entrar a lúa chea será o Domingo de Pascua. Unha semana antes será o domingo de ramos, e 40 días antes deste será o Mércores de Cinza que marca o fin do Entroido e o inicio da Coresma.

     Isto é o que explica que uns anos cheguen antes e outros máis tarde o Entroido, a Coresma, as vacacións de Semana Santa, o domingo de ramos e o domingo de Pascua de Resurrección.

***

     Por outra banda, hoxe adoitamos asociar a Semana Santa coa imaxe das Procesións. En Galicia as máis famosas son as do Ferrol, que se parecen ás andaluzas. Confrarías. Fermosos tronos. Solemnes procesións. A cidade ateigada de xente. Mestura de fe, tradición e festa. E no medio, como unha xoia, a “Procesión dos Caladiños”, como un oasis de silencio e recollemento no medio do barullo xeral.

     Outra Semana Santa que vale a pena coñecer é a de Viveiro. Máis pequena ca do Ferrol. Pero máis auténtica, máis “enxebre”, máis nosa.

     E logo están os miles de celebracións en toda Galicia. Cada cidade, cada vila, cada aldea ten a súa propia Semana Santa, que para os seus veciños é, case sempre, a mellor do mundo.

(Juan Rúa, sábado, 06 de marzo de 2010)

 

Hola Amig@... déixate acariciar pola maxia da palabra...


"O Entroido é tradición, é gastronomía, é danza, é representación, é festa, é arte... Todo adobado cun chisco de transgresión, que permite que cadaquén sexa por un momento iso que moitas veces non pode ser no resto do ano, cando está disfrazado de persoa normal..." (Juan)


TOP: Ir ao INICIO desta páxina

Benvid@, a Galicias.com

©Juan Rúa. emaile-mail

Ver o libro de Visitas Deixar unha mensaxe no Libro