galicias >> Revista Auria


Xaneiro de 2010: A neve e os lobos. Febreiro de 2010: Tolos polo entroido Marzo de 2010: A Semana Santa. ... ...

"O Domingo de Pascua cadra cada ano no primeiro domingo de primavera no que hai lúa chea. A festividade do Domingo de Pascua ten a súa orixe na Pascua Xudía. E os xudeus rexíanse polo calendario lunar, non polo solar, e celebraban a súa Pascua o primeiro sábado de primavera no que había lúa chea" (Juan)

TOLOS POLO ENTROIDO

(Publicado na revista AURIA do mes de febreiro de 2010)

     Di a miña amiga Carme que a ela non lle gusta o Entroido. Que a súa nai lle conta que cando era nena choraba sempre que tiña que ir disfrazada ó colexio.
     Eu enténdoa, porque eu tamén cometín ese mesmo pecado durante máis de corenta anos. Pecado que é mais grave se temos en conta que nacín nunha aldea do concello de Laza, onde a prohibición de disfrazarse nunca foi de verdade imposta nin respectada. Pero eu antes dos corenta anos nunca me disfracei: nin de neno, nin de mozo.


     Cando xa viviamos no Carballiño, chegou un día no que as miñas fillas quixeron ir nunha comparsa. E para que non fosen elas soas, porque aínda eran pequenas, decidimos a miña muller e mais eu apuntarnos tamén. Fixemos os traxes. Chegou o día do desfile de Ourense. E alá fomos, sen saber moi ben de qué ía a cousa. Empezou a soar a música. Empezamos a andar e a bailar. Cada vez se vía máis xente na beira da rúa, mirando o desfile. E cada vez se vía menos, porque unha borracheira de ledicia nos cegaba os ollos... ¡Qué ben o pasamos!


     Aquilo gustounos tanto que nos anos seguintes repetimos. E agora, cando remata un Entroido, xa empezamos a falar de cómo nos vamos a disfrazar no seguinte ano. ¡As cousas so se entenden de verdade cando se viven dende dentro! Nesta festa, coma en todo o demais, o importante é ser e sentirse participante e non mero espectador.
     Agora entendo o Entroido. E gústame. E participo nel todo o que podo. Este ano fun a Verín, o domingo gordo pola mañá, a ver o desfile. E cando vin aquel grupo de mais de cen cigarróns, correndo pola rúa, coas súas caretas, cos seus látegos, e cos seus chocallos, abrindo o desfile, sentín como me fervía o sangue dentro...


     !Que fermosos son os traxes dos cigarróns de Verín, dos peliqueiros de Laza, dos boteiros de Viana e de Vilariño de Conso, dos felos de Maceda, das Pantallas de Xinzo de Limia, dos Vergalleiros de Sarreaus!... E ¡como estremecen as raíces mais fondas do corpo de un cando escoita o estrondo de máis de mil chocos e chocallos cortando co seu son de aceiro o aire de Verín nunha fresca e soleada mañá de febreiro!...


     ¡E xa non falemos de Laza, onde, ademais dos peliqueiros, topamos tamén a morena e o maragato, o testamento do burro, e as temidas formigas! Pechamos os ollos e cando os abrimos topámonos mergullados na noite dos tempos. Pálpase no aire un forte arrecendo a prehistoria...
     O Entroido é tradición, é gastronomía, é danza, é representación, é festa, é arte... Todo adobado cun chisco de transgresión, que permite que cadaquén sexa por un momento iso que moitas veces non pode ser no resto do ano, cando está disfrazado de persoa normal... O Entroido é tamén convivencia, altruísmo e solidariedade no traballo de grupo preparando as carrozas, os traxes e todo o demais...O Entroido non é un día, nin tres, nin sete... o Entroido é o ano enteiro vivindo a lembranza dunha festa e a preparación da seguinte...

 

     Conta o meu amigo Andrés que no mundo hai básicamente tres formas de vivir o carnaval:
     Unha é o entroido, propio das zonas rurais de Europa, e que ten na provincia de Ourense un dos seus mellores exponentes no triángulo formado por Xinzo de Limia, Laza e Viana do Bolo. Aquí o que manda é a tradición que se remonta a tempos prehistóricos. A máscara, o símbolo, a forza telúrica...
     Outro é o carnaval de orixe veneciano, que se plasma en vistosos traxes e grandes desfiles. Temos un exemplo del na cidade de Ourense e en varias vilas, como pode ser a do Carballiño.
     E o terceiro é o carnaval estilo brasileiro, cheo de festa, música e sensualidade. Aquí a esencia está no baile.
     O carnaval de Venecia lévase na roupa e nas carrozas, o de Brasil lévase no corpo e o entroido do Ourense rural lévase na alma.

 

     Estou convencido, Carme, de que algún día che vai gustar o Entroido, e que pode que chegues coma min a formar parte dunha comparsa, que, por certo, ¿sabedes como se chama?... ¡Tolos polo Entroido!. Así se chama a nosa comparsa, que mil anos viva.

(Juan Rúa, mércores, 17 de febreiro de 2010)

 

 

 

Hola Amig@... déixate acariciar pola maxia da palabra...


"O Entroido é tradición, é gastronomía, é danza, é representación, é festa, é arte... Todo adobado cun chisco de transgresión, que permite que cadaquén sexa por un momento iso que moitas veces non pode ser no resto do ano, cando está disfrazado de persoa normal..." (Juan)


TOP: Ir ao INICIO desta páxina

Benvid@, a Galicias.com

©Juan Rúa. emaile-mail

Ver o libro de Visitas Deixar unha mensaxe no Libro