Galicias.com: unha casa para todos |
|||||
COMERCIOS DO CARBALLIÑO | INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES |
Concello de Pontecaldelas.
Caritel. Sendeiro das almiñas e do foxo do lobo. Rillamillas. Juan 07/02/2010 |
SENDEIRO DAS ALMIÑAS E DO FOXO DO LOBO
07-02-2010. Domingo. 9:30 horas. Os rillamillas acuden puntualmente á súa cita na estación de autobuses de Carballiño. Non hai unha ruta totalmente definida e decidida. Sorpresa. Luciano propón ir a Caritel, concello de Pontecaldelas, a facer unha ruta que viu por internet e que din que é fermosa e que está ben sinalizada. ¿É moi lonxe?. Unha hora de camiño, máis ou menos.
Bernardo ten que estar na casa ás 14:OO para comer, porque ten convidados. Non lle da tempo. Pero é xeneroso. "Por min non deixedes de ir. Eu quedo e camiño por aquí. Pero vos ide...". Danos un pouco de mágoa deixalo, porque non é un rillamillas calquera. É un dos históricos, dos fundadores...
Pero pídenolo el... E ó final aceptamos. Tres coches e doce rillamillas collen a carretera de camiño para Pontecaldelas... Cando chegamos temos dúbidas de se estamos ou non en Caritel. Sabemos que o sendeiro empeza o pé dunha igrexa... Pero non vemos ningunha igrexa nin ningún indicador que nos diga o nome do lugar no que estamos... Pero ainda así, chéiranos que esto debe ser Caritel... Preguntamos. Efectivamente. É Caritel. E a igrexa está un pouco retirada. "Neste pobo quitan os letreiros e esconden as igrexas"...
Moi pronto atopamos a igrexa e alí mesmo un estupendo lugar para aparcar. E xusto na mesma carretera, nun coche que se vai, vemos ó mesmo Xesús Ferro en persona. Non é unha almiña, non. É el todo enteiro, en corpo e alma. Alédome un montón de velo e de saúdalo. Él tamén. "Se tivera aquí as chaves ensinábavos a igrexa por dentro", di. Convidámolo a camiñar con nos. Pero tense que ir. Despedímonos. E Luisa, que é profe de galego, pregúntame afirmando ó mesmo tempo: ¿¿Ese é Xesús Ferro, o da Academia!?". "Sí". "Fixo un programa moi bonito na TVG". "Ben falado". "Sí. Ese. A min gustoume moito". É unha estupenda maneira de escomenzar este día.
A igrexa, no medio dunha pequena lomba, sen casas arredor que compitan con ela, sen tumbas pegadas ás paredes... amósaxe grande e maxestuosa. Debe ter máis ou menos un século. E ten unhas formas pouco usuais. A todos nos chaman a atención poderosamente as súas catro campás de diferentes tamaños. Empezamos a andar. Un camiño fermoso, moi, pero que moi fermoso, lévanos de cara o río Verdugo. Entre muros de pedra, vestidos de musgo verde, moi verde... Parece coma se o olimpo fora por eiquí cerca, pois cheira a ceo... Terra de deuses sen dúbida... Todo isto lémbrame uns versos de Xesús Ferro:
"Este universo é
obra dun Deus;
pero os camiños son dos meus avós.
Meu camiñante, andar é sagrado:
pisas e bícate quen xa morreu".
Seguimos baixando, cruzamos un pequeno regato, e chegamos ó río Verdugo. Esta paraxe é magnífica. Cruzamos o río atravesamos polos pasos que eran usados antigamente para ir desde Ponte Caldelas ata a A Lama. A sensación de ledicia intensa invádenos por dentro e por fora. Está claro que ninguén se esqueceu de traer o bó humor. Os doce rillamillas sentímonos na gloria. Escoitase un cantar de arrecendos de edén. Esto parecen os tempos anteriores ó momento no que a cobra lle pediu a Eva que comera a mazá prohibida.
Logo subimos. Llaneamos. Nun momento collemos á dereita e seguimos subindo. Vemos un letreiro que nos dí que a 150 metros hai uns saltos no río Verdugo. Baixamos a velos. Volvemos subir. Seguimos camiñando. En algúns momentos o sendeiro xa se amosa como menos fermoso. Pero non nos importa moito. Nós xa levamos o ceo dentro, connosco.
Despois duns cantos kilómetros chegamos a Laxioso de Arriba. Aquí vive o meu amigo Xulio Gestal, o practicante. Chámoo ó móbil. Gustaríame darlle unha sorpresa e aparecer así de repente na súa casa. Pero non hai sorte. Contéstame: "Estou en Coruña". Vaia. Outro día será.
En Laxioso de Arriba hai un peto de ánimas imponente. !Nunca na vida vira eu ánimas tan grandes!. Hai tamén fermosos hórreos.
Un pouquiño despois paramos para comer un bocata. Sentados nunha parede, na beira do camiño. Vese a todo o mundo contento. De verdade que cheira a ceo. E perdoade se o repito moitas veces. Pero é unha sensación moi intensa.
Seguimos o sendeiro. Atopamos cachos con auga e con bulleiro. Ás veces intentamos camiñar polas paredes das beiras. Pero noutros lugares iso non é posible. O que mais e o que menos, case que todos acabamos mollando os pés. Hai anacos de camiño totalmente asulagados. Pero isto tampouco nos fai perder o bó humor. Hoxe levamos unha ledicia incombustible.
Nun momento volvemonos topar co camiño polo que andivemos á mañá. Volvemos a cruzar o río Verdugo polos mesmos pasos. E despois dunha boa subida chegamos de novo á igrexa de Caritel. Son case as catro da tarde. Charlamos un pouco. Comemos algo. Bebemos. E subimos ós coches, que nos traen de novo cara o Carballiño.
Foi un sendeiro circular e un día redondo.
Por certo o sendeiro está moi ben sinalizado. Pero iso sí, en tempo de inverno hai moita auga nos camiños, e hai que levar botas se non se quere mollar os pés. Polo demáis a ruta é moi fermosa, coa ventaxa engadida de ser circular.Creo que a podemos considerar de dificultade media. E forma parte dises sendeiros nos que sintes que estás pisando por onde outro pisaron durante centos e centos de anos, pousando os pés en camiños vellos, moi vellos... Un sendeiro dos que fan sentir dentro a unidade coa alma da terra de de todos os que en séculos pasados viviron nela... Un sendeiro no que se nota viva e fresca a forte presenza das almiñas...
(Juan, 07-02-2010)
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)
Engadir galicias.com a Favoritos
Benvid@, estás na túa casa