Galicias.com: unha casa para todos |
|||||
COMERCIOS DO CARBALLIÑO | INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES |
Viaauria polo
Courel.- Juan.- 15/10/2011 |
A DEVESA DA ROGUEIRA
Sol. Calor. Outono. ¿Outono? ¿Ulo o outono? Non cheira a choiva. Cheira a fume de incendio. Lonxe. A deus grazas non arde no Courel.
Camiñamos rumbo a Moreda. Alí empeza a festa. Monte arriba. E máis arriba. Subimos e subimos. Conforme imos subindo a montaña a paisaxe vaise amosando cada vez máis maxestuosa. Pero bótanse en falta as cores do outono. Está todo moi seco.
Pasamos por unha aldea sen xente. Comemos moras moi maduras e moi doces. Facémoslle fotos ó froito bermello da nouza negra. Tocamos as primeiras follas de acebro...
Cara a unha do mediodía chegamo ó tanque do Alto do Couto. Ángel mándanos parar alí para comer.
Despois de comer entramos no bosque da Devesa da Rogueira. O paraiso. Faias, texos, acibros, carballos, vidueiros e un sin fin de especies forestais. De cando en cando paramos e facemos silencio para escoitar a música das follas que caen... Bebemos nas fontes. Sentimos a caricia da sombra. Esquecémonos do sol. Respiramos o fresco. Cheira a ceo.
Serpenteamos polo edén, escribindo os nosos versos. Lémbrome da frase de Marcelo:
"A Devesa da Rogueira é un poema"
Logo ainda nos queda tempo para ir a un fermoso mirador dende o que contemplamos medio mundo. E baixamos cara a aldea de Parada, onde vemos a casa de Uxío Novoneira, e fronte a éla a de María Mariño. Sentámonos nun escano que está diante da casa do poeta, onde din que el se sentaba coa súa amiga e veciña para falar de poesía... No aire da tarde as volvoretas debuxan ainda versos de luz.
Un pouco máis adiante hai unha fonte de auga fresca. E despois empezan os soutos. Pingan as castañas. Duas mozas andan ó rebusco. No silencio da tarde pálpase un arrecendo de soños. Cheira a bicos vellos, eternos, e a miradas de mozos amasadas antes de que empezase a existir o tempo...
Cando volvemos ós autobuses aterrizamos de novo na realidade. A andaina foi fermosa, pero dura. Dóennos as pernas. Os autobuses desentonan coa paisaxe. E para remedialo pasa polo medio María, tanguendo unha vaca... ¡Vaia ubre que leva!... Non cabe dúbida de que esta da moito leite...
(Juan, 16-10-2011)
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)
Engadir galicias.com a Favoritos
Benvid@, estás na túa casa