Galicias.com: unha casa para todos |
|||||
COMERCIOS DO CARBALLIÑO | INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES |
No ano 2004 retomouse a tradición do Pregón nas festas de Cea. E a Comisión de Festas conseguiu que Don Avelino Muleiro se responsabilizase de botar o Pregón das Festas. Dende logo foi un acerto pleno. Aquí tedes o fermoso e interesante Pregón:
PREGÓN PARA AS FESTAS DA SALETA 2004.
AUTORIDADES, DONAS, CABALEIROS, AMIGOS TODOS:
Hoxe comezan as festas da Saleta; esquecede durante estes días as vosas
preocupacións e quefaceres cotiáns, as vosas faenas e traballos
habituais, e gozade destas festas con espírito dunha sa convivencia
e coa hospitalidade que vos caracteriza, porque ben vos merecedes unhas xornadas
de descanso e de lecer.
Quérovos pedir a vosa participación e solidariedade nos actos
que compoñen o programa de festexos deste ano dous mil catro. Coidade
as vosas festas e manténdeas, porque nelas hai unha pequena parte de
todos vós, e se vos faltasen, faltaríavos algo importante.
Unha festa é sempre un agasallo da vida: aumenta a imaxinación,
esperta a fantasía, produce intelixencia, serve de compensación
ó traballo diario, fai sociedade e crea país.
Vivimos anos de encollemento. Este concello vai perdendo habitantes porque cambian os tempos, cambian os costumes e melloran as vidas… Pero Cea segue aí imperturbable, coma testigo teimoso da tradición; Cea é como ambrosía en estado puro.
Unha festa coma da Saleta, con tanto arraigo e tradición,
está destinada á conservación da poboación para
un mellor futuro colectivo.
E quixera propoñervos un proxecto de futuro nestes días de ledicia
e bulicio, aínda que como diría Groucho Marx: ¿O futuro?
¿Traballar para o futuro? Pero ¿que leva feito o futuro por
min? A resposta dalla Woody Allen ó dicir: “O futuro é
onde vou vivir o resto dos meus días”. ¡Qué fermosa
filosofía! E pensade que se nós non facemos o futuro, outros
farano por nós e quizáis daquela non será o que nós
desexamos.
O desafío que ten Cea no presente non é só manter a súa
fonte de ingresos económicos e o seu fantástico pasado, senón
e, sobre todo, trasladarse e proxectarse con el ó futuro. O desafío
que vos propoño neste pregón é albiscar o futuro e outealo
cos ollos do enxeño, da imaxinación, da ilusión, da intelixencia
e, por qué non, do propio interese para poder sobrevivir como vila
fronte ós perigos chegados da mundialización cultural, da globalización
económica e do abandono en que están quedando tantas aldeas
e vilas do interior de Galicia. Tendes que loitar por conservar a vosa identidade,
tanto cultural como administrativa. Empezan a soprar ventos de seca e de exterminio.
Xa se empezan a escoitar propostas de supresión de pequenos concellos
como o voso para integrarse nunha entidade superior. Hai que estar atentos
e se, chegado o caso, desaparece o concello de Cea, ¡ogallá que
non!, que nunca perda os seus sinais de indentidade no concello que o abranga.
Que non vos quiten o voso patrimonio cultural nin a herdanza dos vosos ancestros.
Hai que falar de futuro para conformalo e respectalo, porque ¿que mellor
modelo de desenvolvemento para a xente deste concello que aquel que nos depare
unha zona na que os habitantes queiran que crezan, se eduquen, vivan e traballen
os seus fillos?
Amigos e veciños de Cea: Hai que conservar a historia dos nosos devanceiros,
unha historia centenaria e fabulosa. Pero tamén cómpre correxir
esa historia, e con urxencia, cando non se axusta á realidade. Por
exemplo, ¿non lembran vostedes aquela cantiga tradicional que di: “Panadeiriñas
de Cea, aprendede a traballar, pois non vos vai durar sempre, o voso panadeirar”?
Esa cantiga ten que ser reformada inmeditamente. ¿Acaso o panadeirar
non é traballo? Erguerse ás cinco da mañá para
peneirar, amasar, enfornar, cocer e sacar o pan do forno, ¿non é
traballar? ¡E iso de que non vai durar sempre o voso panadeirar….!
¡Menudo adiviño quen escribiu esa canción….! Máis
cá nunca, aí segue a panadeira e o pan de Cea. O voso pan, comas
vosas pandereteiras e a vosa banda de gaitas, será máis universal
cá nunca coa denominación de orixe que vai acadar. E o voso
pan ten que chegar a todo o mundo ¡en galego…! Como chega xa o
viño do Ribeiro, das Rías Baixas, de Valdeorras, da Ribeira
Sacra e de Monterrei. No pasado mes de xullo a asociación Álvaro
das Casas emitiu un manifesto asinado por cento vinte persoas de toda Galicia
na que se solicitaba dos adegueiros e colleiteiros de toda Galicia a etiquetaxe
das botellas en galego. O manifesto coñécese como: Colleita
2004 Máis galega.
Así ten que chegar o pan de Cea a todos os recantos do planeta.
Nestas festas da Saleta ides ter a oportunidade de subir a vosa autoestima como persoas e como veciños de Cea. E, abofé, que sodes merecentes de tela moi alta porque vivides nunha vila ideal, onde todos vos coñecedes e vos tratades, saudándovos todos os días do ano. Os antigos gregos dicían que o ideal dunha polis (dunha cidade) era coñecer os seus límites xeográficos e non superar un número de cidadáns (tres mil corenta, exactamente) que fixese imposible coñecelos. E esas características que esixían os gregos para unha cidade perfecta téndelas vós. ¡Non vos decatades da fortuna que tendes vivindo nunha vila destas características e do triste que é vivir nunha cidade grande, onde as persoas son anónimas e os individuos son meros números e simples contribuíntes municipais! As persoas nesas grandes cidades son coma aqueles yskálnari da Historia interminable de Michel Ende, que cando morre ou desaparece un deles ninguén o bota de menos. Iso non ocorre aquí en Cea onde cada individuo ten a súa propia personalidade. Gozade da vosa vila e dos vosos veciños, xa que todos vos coñecedes e sabedes quen é quen. A xente deste municipio coñece perfectamente toda a xenealoxía dos veciños e sempre se identificou ás persoas de Cea polas familias ás que pertencen; familias tan singulares como os Badelos, os Bana, os Bertoliños, os Blanquita, os Cachorros, os da Carceleira, os da Catrollos, os da Chocolateira, os Figueira, os Funeraria, as Greñas, os da Lebre, os Morca, os Parrondo, os Pintarolo, as Poias, as Quirichas, os Rigueireses, os Valladares, os do Ventura…
Cea ten historia…e moita, está ateigada dela.
Na súa demarcación houbo asentamentos prerromanos. É
a primeira vila do contorno que tivo feira, pois foi alá polo século
XIII cando o rei Sancho IV, O Bravo, lle concedeu ese privilexio ó
mosteiro de Oseira, ubicándoa os frades no coto de Cea, no lugar da
Grela.
Cea é tema recorrente na literatura universal, pois de Cea escribe
Camilo Xosé Cela no seu libro Mazurca para dos muertos; Graham Green,
escritor que pasou longas tempadas no mosteiro de Oseira, no seu libro Monseñor
Quijote; Otero Pedrayo… e tantos outros escritores de renome.
Cea ten encanto e fantasía, amigas e amigos; aí está
lanzal e desafiante ó naufraxio do tempo, constituíndo unha
metáfora ineludible de instalación na vida sen quitarlle calquera
pretensión de solemnidade. Érguese donda e teimosa sobre esta
chaira lourida dun outono recén chegado, protexida polos fríos
secos da Martiñá e retando os rigores do inverno que chegan
húmidos da Madanela. A fin de que non lle falte nada, aí están
o Arenteiro e o Marañao cinguíndoa e coutándoa, mentres
a agasallan co enfeitizo das súas rebuldeiras augas para que reúna
todas as vantaxes na que calquera se poida sentir feliz. Disfrutádea,
sentídea como parte de vós. E amosade o voso orgullo saíndo
ás rúas nestes días de festa, onde o rebumbio, a ledicia
e a farra substitúan ó duro traballo de todo o ano.
E AGORA,
Se teño a complicidade
de todos os asistentes,
paso a versar ós presentes
e n concordia e amizade,
p edindo ó verso que fale
e a prosa ceda o seu ritmo,
q ue eu irei con agarimo
recordando vellos tempos
q ue debullarei nos ventos
p ara todos vós, amigos.
Miñas donas, meus señores,
mozas e mozos de Cea,
quero ver a vila chea,
coma en anos anteriores,
con xente dos arredores.
Hoxe empeza a diversión;
comeza co meu pregón
e rematará cos fogos
que poderemos ver todos
no primeiro folión.
Se a Cea e ós seus veciños
eu pregono hoxe, ó final
o culpable é Xan Pinal
da Cope do Carballiño;
el achanzoume o camiño
para ser o pregoeiro,
ó achar un persoeiro
por orde de Óscar Garriga
que quixo poñer intriga
con este acto primeiro.
E, pois eu nacín en Lamas
en Lamas de San Martiño,
aínda que veña de Vigo,
quero proclamar louvanzas
con ledicia e con lembranzas
á xente desta bisbarra,
xente rexa, xente brava,
xente solidaria e nobre,
que sempre axudou ó pobre
e sempre guía ó que pasa.
E non sei se ámbolos dous
a tinarían conmigo…
Vostedes serán testigos
d o perfil que eu lles dou;
i gnoro se lles gustou,
pero deberan lembrar
que hai un destino fatal:
Que ninguén na súa terra
poida exercer de profeta,
como di a voz popular.
Ás parroquias do concello,
que suman trece en total,
doulle un saúdo cordial
asinando o meu vencello:
San Fagundo e Castrelo,
Lamas, Mandrás e Pereda,
Santa María de Osera,
Vilaseco, Covas, Vales,
Souto, Longos, Viña e, antes,
o san Cristovo de Cea.
Parabéns á comisión
responsable dos fetexos
pois pondo tan bos desexos
en propiciar diversión
ben merece unha ovación
e o noso agradecemento.
E será xuíz o tempo
do éxito conseguido,
do agradable e divertido
que nos deixou o evento.
E xa remato o pregón,
Alcalde e autoridades;
¡ogallá vos divirtades,
se non, non tendes perdón.
Alegrade o corazón,
non perdades a chapleta
e a festa sexa completa.
Nunha idílica harmonía
d igamos en sintonía:
VIVA CEA E A SALETA.
¡A GOZAR DAS FESTAS!
FINAL
"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)
"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)
Engadir galicias.com a Favoritos
Benvid@, estás na túa casa