Isto
foi o que Manolo Rivas leu no palco o día 1 de decembro no Obradoiro con ollos
chorosos, na manifestación máis grande da historia de Galiza
NUNCA MÁIS
Gracias irmáns:
Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo,
aquí está a honra de Galicia.
Si, gracias irmáns:
Nós tamén invocamos hoxe aquí a protección do Santiago Apóstolo, de Prisciliano,
de Santo André de Teixido, da Virxe do Carme, nai e señora da xente do mar,
pero invocamos sobre todo a forza do pobo, a capacidade cívica, democrática,
de nós mesmos para afrontar responsablemente e con coraxe esta situación de
emerxencia, sen que se nos oculte a realidade, sen que se secuestre información,
sen que falte á dignidade pretendendo acalar as verdades cun tintinar de moedas.
Si, gracias irmáns:
Gracias a todos os que viñestes do Eo ao Miño, gracias especialmente ás familias
do mar que están aquí, co peso da dor e destas noites de vixilia sobre os seus
ombros, e gracias tamén moi especiais a esa humanidade sensible, alerta ao sufrimento
da xente e da destrucción da natureza, que dende todo o mundo ten enviado o
seu abrazo solidario e amosa o seu noxo e horror polo que acontece no mar de
Galicia. Un mar fonte de vida, un excepcional ecosistema, o máis precioso horto
da creación, velaí o tedes, en permanente ameaza, convertido nun vertedoiro
de velenos, machacado pola cobiza duns e o desleixo, o abandono doutros.
Convocados aquí, dunha maneira libre e unitaria, en marea cívica fornte á marea
negra do Prestige e na crise e na emerxencia en que Galicia está asolagada:
Esiximos a declaración de Galicia como zona catastrófica. Trátase dun desastre
de dimensións nacionais. Cómpre, pois, a inmediata dotación de recursos de todo
tipo para reparar as graves consecuencias económicas, sociais, medio-ambientais
e para a saúde provocadas por este sinistro. O que precisa Galicia non son remendos
paliativos senón plans a longo prazo que contemplen o binomio tan estreitamente
relacionado de protección do medio ambiente e o emprego e benestar da poboación.
As institucións españolas, a Comunidade Europea e os organismos internacionais
deberían contemplar tamén a existencia do que poderiamos chamar unha Débeda
Histórica de Catástrofes, pois temos sufrido xa seis catástrofes deste tipo
e de gravísimas dimensións en trinta anos, e é unha responsabilidade a asumir
polas institucións galegas o demandar esas compensacións históricas. Non só
quen contamina debe pagar senón tamén quen obtivo e obtén beneficios, as petroleiras
deberían pagar.
Reclamamos para Galicia a inmediata posta en marcha de mecanismos de prevención
que impidan que a catástrofe vaia en aumento, coa posta a disposición dilixente
dos medios económicos e loxísticos para impedir a contaminación de novas zonas,
a intensificación nas xa contaminadas e a limpeza e a restauración medioambiental
da costa.
Reclamamos para Galicia a adopción de medidas determinantes, ben concretas,
por parte do Goberno central e da Xunta para que feitos como este non se volvan
a repetir nunca máis. Medidas para impedir xa, e é o momento agora, por respecto
ao loito do mar, o paso de buques que non reúnan as garantías de seguridade,
apartar o corredor marítimo e establecer un control estricto do tráfico e do
almacenamento de mercadorías perigosas.
Reclamamos para Galicia a dotación dun verdadeiro dispositivo de salvamento,
dun plan de emerxencia e dun operativo de reacción inmediata para loitar contra
a contaminación mariña, con remolcadores axeitados e con buques anti-contaminantes.
Aqueles que presumen de potencia mundial, ¿non lles cae a cara de vergoña ao
ver que aí, cunha nova marea negra nas nosas costas, non hai un só buque anti-contaminante
con pavillón español?
Reclamamos para Galicia a ubicación nesta costa da Axencia Europea para a Seguridade
Marítima.
Reclamamos que se impulse unha lexislación internacional que acabe con este
tipo de capitalismo delincuente, amparado na comenencia e nos paraísos fiscais,
que estraga a vida dos pobos e dos verdadeiros paraísos do mar e da terra.
E rematamos:
O sinistro do Prestige e o ocorrido despois, pón en evidencia dun xeito inapelable
a inexistencia de medidas de prevención axeitadas, a ausencia de plans de emerxencia
para facer fronte a este tipo de catástrofes, a improvisación e descoordenación
nas tarefas de salvamento e loita contra a contaminación e a total escaseza
de recursos técnicos e humanos para facer fronte a este tipo de situacións.
Denunciamos as responsabilidades derivadas destas deficiencias. Reclamamos a
demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade non souberon
impedir que o accidente tivese as peores consecuencias. Dicímolo no código do
mar: Delta India Mike India Serra India Oscar November: Dimisión. É nas situacións
críticas cando os gobernantes teñen que estar a carón do pobo, informando realmente,
nos medios e no Parlamento, e activando os recursos dun país.
Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo.... e agora
Prestige. Xa non queremos contar máis. Xa abonda. Xa estamos petroleados ata
as praias da alma. Galicia, mobilizada de exemplar, conseguiu nos anos oitenta
que se pechara o vertedoiro de residuos radioactivos, o cemiterio nuclear, fronte
á costa de Fisterra. Pois ben. Hoxe dicimos: NUNCA MÁIS. Que non se desprecie
máis este S.O.S dun pobo canso de aturar e sufrir. Que se escoite en Santiago,
Madrid e Bruxelas. Que se escoite onde se teña que escoitar.
Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’.
Manifesto final da marcha de Santiago. 01/11/2002.
pie index fotos
"O que converte
a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón
que nos guste o que facemos" (GOETHE)
"No
me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido"
(Pedro Arrupe)