galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES
ÁGORA DO ORCELLÓN

Inicio
Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón
 

En castellano

PRESENCIA DE “CACHAMUIÑA” EN TERRAS DE ORCELLÓN

 

     A fin de poder concretar a relación –directa ou indirecta-- de Bernardo González del Valle, Cachamuiña (alcume procedente do lugar do seu nacemento), coa comarca de Orcellón, é notorio que debemos establecela dentro do marco de tres etapas, totalmente distintas e diferenciadas, tanto polo tempo como polas circunstancias que nas mesmas transcorreron:

- A). Antes da Guerra da Independencia contra as tropas invasoras napoleónicas.
- B). Durante a contenda, en canto afectou a Galicia pola presencia do inimigo no país.
- C). Despois da retirada francesa de terras galegas.


A


ANTES DA GUERRA DA INDEPENDENCIA


I

     Bernardo era neto, por liña materna, de.don Juan Cayetano del Valle, quen, do seu matrimonio con Bernarda Antonia López de Sorribas (ou Surribas), veciños ambos da freguesía de Santa María de Lamela, na xurisdicción de Pereiro de Aguiar, tiveron sete fillos, nacidos os seis primeiros en Lamela:

     1. Don Xosé Benito, que chegou a ser sacerdote e párroco da freguesía de San Tomé de Madarnás.

     2. Frei Santiago, que foi monxe bernardo e do que, máis adiante, resaltaremos algúns aspectos particulares.

     3. Don Antonio Bernardo (ou Bernardo Antonio), que casou con dona. María Ventura Taboada, viúva das súas primeiras nupcias con don Pedro Munín (veciño de Prado de Xurenzás e propietario do pazo, que aínda hoxe en gran parte se conserva, e familiar que fora do Santo Oficio, quen faleceu o 12 de maio de 1780, deixando de tal enlace un só fillo, chamado Xosé (ou Xosé Benito) Munín, nacido o 16 de septembro de 1772).

     4. María, falecida sendo nena e enterrada na freguesía de Lamela o 18 de novembro de 1769.

     5. Dona Xoana, que contraeu matrimonio co Oficial do Rexemento provincial de milicias de Ourense don Ignacio González Cid, de cuxo enlace tivo dez fillos (un deles foi precisamente o noso Bernardo).

     6. Dona Tareixa, que chegaría a contraer matrimonio na freguesía de Lamela, o l7 de maio de 1782, con don Pedro Losada.

     7. E dona María Rosa, a menor de todos os irmáns, que naceu na freguesía de Trasariz o 6 de febreiro de 1764, bautizada dous días despois na mesma parroquia, situada no actual municipio de Cenlle e bañada, cara ó Sur, polo río Miño, onde as súas augas baixan hoxe mansas como consecuencia do encoro hidroeléctrico construído en Castrelo de Miño.

     Dona María Rosa del Valle contraeu nupcias, tamén en Trasariz, onde precisamente residía en compañía de seus pais, o 11 de xaneiro de 1790 con Xosé ou Xosé Benito Munín, xove de case 18 anos de idade, é dicir, sobriño político seu, toda vez que era o indicado fillo habido do relacionado primeiro matrimonio que a cuñada da desposada dona María Ventura Taboada celebrara con don Pedro Munín.

II

     En consecuencia, Xosé Benito Munín tiña un dobre parentesco con Bernardo González del Valle:

     - En primeiro lugar, eran primos, con carácter político, xa que dona María Ventura Taboada, a nai de Xosé Benito, resultaba ser tía política de Bernardo, ó ter contraído ela segundas nupcias con don Antonio Bernardo (ou Bernardo Antonio) del Valle, irmán este de dona Juana, nai de Cachamuiña e, por conseguinte, tío seu.

     - E, en segundo lugar, Xosé Benito resultou ser tamén tío seu, así mesmo político, por contraer nupcias con María Rosa del Valle, a tía de Bernardo, dado que era a irmá menor da súa nai, dona Juana.

     Esa dobre relación de parentesco fixo que, ademais da expresada familiaridade que entre Bernardo e Xosé Benito existía, non tardase en devir, pouco tempo despois, en suma amizade, máxime cando a diferencia de idade entre ambos era de pouco máis dun ano (Bernardo naceu o 23 de marzo de 1771), por canto non é aventurado aseverar que, en máis dalgunha ocasión, Cachamuiña, --que ó contraer Munín as súas nupcias en Trasariz aquel contaba 19 anos de idade--, estivese no pazo de Xuranzás, tanto para saudar á súa tía dona Rosa del Valle como para ver ó xove marido da mesma.

     Aseveración que non dubidamos en confirmar cando ambos chegaron a ser Oficiais no mesmo Rexemento provincial de Ourense, e igualmente combatentes durante a Guerra dos Pirineos contra a Francia da Revolución, de cuxa contenda logrou saír Munín unha vez enfermo, ostentando a graduación de tenente facendo uso do real permiso outorgado en San Lourenzo o 16 de outubro de 1793, unha vez obtida a pertinente licencia para retirarse do servicio militar, comunicada e autorizada en Irún, con data de 15 de novembro seguinte, polo xeral. Cano, baixo cuxo mando superior se exercitaba a contenda nos Pirineos occidentais.

     E outra circunstancia como para considerar moi en particular é que Bernardo logrou enamorar a una prima carnal de Munín, chamada Xosefa (filla de don Pedro Rodríguez de Prado Miranda e de dona Antonia, ou María Antonia, Munín Piñeiro, tíos, xa que logo, de Xosé Benito, porque dona Antonia era irmá de don Pedro Munín), de cuxa relación sentimental naceu a única filla --non matrimonial, por certo-- que chegou a ter Bernardo.

     Por se todo iso fose pouco, debemos engadir, ademais, a concorrencia determinante de que a nai de Bernardo, dona. Xoana, se consideraba lexitimada para ostentar a titularidade do vínculo e morgado de Trasariz que, coa súa agregación de Cima de Vila, lle proviña pola sucesión de seu pai, don Xoan Cayetano del Valle, pois, á súa morte, recaera en primeiro lugar no seu primoxénito, o expresado párroco de Mardarnás, don Xosé Benito del Valle e, morto este, en don Antonio Bernardo (ou Bernardo Antonio) é dicir, o padrasto de Munín, a pesar de que fre Santiago, irmán tamén dos indicados fillos de don Xoan Cayetano, pretendese a súa lexitimación --que se lle negaba por ser monxe profeso e ausente no mosterio de Valbuena--, polo que entre dona Xoana e o seu irmán frade non tardou en xurdir litispendencia, designando fei Santiago como encargado da regulación dos froitos, entre tanto non se resolvese a cuestión, precisamente a Xosé Benito Munín.

     Por conseguinte, é lóxico comprender que Cachamuiña, por calquera das expresadas circunstancias, houbo de acercarse a Xurenzás e estar non unha senón varias veces no pazo de Munín, onde aínda hoxe se aprecia a fábrica da súa planta poligonal, cuxas diversas alturas se deben ás diferencias de uso respecto ás súas edificacións principais --entre as que sobresae un corpo rectangular-- e as de servicio. Distribúense os distintos corpos do conxunto edificado ó redor dun patio pentagonal irregular, destacándose a correspondente capela nas inmediacións da casa, cuxo acceso principal ó conxunto se fai a través dun portalón que presenta sobre o seu dintel un escudo cuartelado no que figuran representadas as armas de Castela, León, Galicia e o Santo Oficio resaltándose exteriormente o colar da orde do Toisón de Ouro, a coroa real cerrada e os sinais da Inquisición (palma, cruz e espada).

     Xosé Benito e Bernardo non tardarían en chegar a enraizarse con sinceros lazos de confianza e amizade, en base ós cales se produciría a coordinación das circunstancias que, tempo despois, ambos estableceron durante a invasión napoleónica en terras galegas, tanto en canto á defensa de toda a comarca de Orcellón e os seus arredores, como as incursións polo val do Avia, a zona de gran parte de O Ribeiro, a liberación de Pontevedra, a reconquista de Vigo, o avituallamento desta praza reconquistada e a posterior constitución e organización da “Legión del Ribero”.


B


DURANTE A INVASIÓN DE GALICIA POLAS TROPAS NAPOLEÓNICAS.


I

     Cando entraron os franceses en Galicia, a principios de 1809, ocupando paulatinamente o seu territorio, xurdiron en varias partes do noso país unha serie de agrupacións comarcais que se encargaron da defensa nos seus respectivos distritos.

     A caída da organización militar e política do Goberno Central de España e, logo, o da rexional galega, ó seren ocupadas A Coruña e as demais cidades importantes da rexión, non desalentou ós patriotas galegos, que non tardaron en apresurarse para organizar xuntas locais de carácter máis ou menos militar --máis ben paramilitar--, anque tamén nalgunha parte tiveran carácter “case” político.

     Fidalgos, párrocos, funcionarios municipais ou comarcais, comerciantes e, sobre todo, campesiños acudiron con entusiasmo ós chamamentos. A irritación popular chegou ó grao máximo ante o perigo inimigo, polo que clérigos e legos, homes e mulleres, xoves e anciáns, rebosantes todos de sentimento relixioso, patrio e do honor, alzáronse en masa e estiveron dispostos a perder a súa vida fronte ós invasores.

     Nalgúns lugares non só se contentaron con formar improvisadas milicias, senón que organizaron verdadeiras xuntas de carácter comarcal, encargadas da defensa militar do ámbito correspondente a toda a súa zona. Tales xuntas foron, fundamentalmente, civís, anque non faltaron nelas militares hábiles dispostos para o seu adestramento e organización. As xuntas viñeron a ser, xa que logo, as que en realidade organizaron o alzamento galego, que foi o máis popular e extenso de cantos houbo en España.

     E esas agrupacións comarcais de defensa encauzaron a resistencia, tanto no rural como nas pequenas vilas galegas, posto que as cidades e principais enclaves urbanísticos amurallados estratexicamente fortificados xa estaban, na súa maior parte, ocupados polo invasor.

     Unha das súas primeiras labores de ditas agrupacións rurais foi a de cortar as principais vías de comunicación interiores de Galicia, así como as que enlazaban a nosa rexión coas de León e Madrid para, deste modo, incomunicar totalmente ós franceses das cidades nas que tiñan as súas guarnicións.

     Desa forma, o alzamento, por unha parte, de todo o pobo contra o inemigo, así como a destrucción dos enlaces e comunicacións que os franceses intentaron ter entre as súas divisións e centros de concentración militar, fixeron posible lograr a desorientación e, con posterioridade, a desorganización dos seus plans de invasión, hábil e eficazmente promovidos, non só polos representantes das distintas xuntas locais creadas a tal efecto, senón tamén polo movemento guerrilleiro impulsado por elas.

     Como eficaz complemento para o desenvolvemento de tales fins, cómpre recoñecer que unha das principais actividades a que se entregou o Marqués de la Romana durante o tempo en que, –cos minguados restos do heteroxéneo Exército que, meses atrás, partira desde terras galegas para enfrontarse ó invasor francés--, estivo acampado no val de Monterrei, a partir da segunda metade de xaneiro de 1.809 ata os primeiros días do seguinte marzo, foi a de enviar cara a todas as partes de Galicia emisarios con instruccións precisas, tanto para tratar de engrosar o seu enfraquecido Exército como lograr facer unha guerra de “guerrillas” contra os franceses, xa que esta era a única forma de poder desgastar ó inimigo invasor e conseguir así destruilo, exterminándoo.

     Ese movemento guerrilleiro xurdiu, certamente, como unha forma popular de resistencia armada contra os invasores, que prolongu ou supliu a acción dos exércitos regulares cando estes non estiveron presentes ou se mostraron incapaces para levala a cabo. Incapaces de liberar a Patria nunha gran batalla contra o inimigo concentrado, a “guerrilla” emprendeu miles de pequenos combates –constituíndo un fenómeno de paixón colectiva-- contra o inemigo disperso para chegar a resultados semellantes.

     Aínda, certamente, existe unha liña argumental que arranca desde a resistencia fronte ós cartaxineses e romanos, discorre a través dos oito séculos da Reconquista contra os musulmáns e desembarca no movemento guerrilleiro da nosa guerra contra as tropas napoleónicas; o antecedente próximo das “guerrillas” está no Rosellón, durante a “Guerra dos Pirineos”, tamén contra os franceses, toda vez que ambos bandos houberon de recorrer a elas cando a situación lles era desfavorable.

     A “guerrilla” representou, sen lugar a dúbidas, ó pobo e á Nación en armas contra o inimigo incapaz de ser batido en campo aberto. E tal importancia se lle considerou polas nosas autoridades que a Xunta Central Suprema, xa desde o seu asentamento no Alcázar de Sevilla, o 28 de decembro de 1.808, dictou un regulamento –constituído por 34 regras ou artigos-- polo que, considerando a abundancia de “sugetos dotados de un valor extraordinario que, aprovechándose de las grandes ventajas” que lles proporcionaba “el conocimiento del país, y el odio implacable de toda nación contra el tirano”, eran capaces de “introducir el terror y la consternación en sus ejércitos”, dispuxo crear unha “milicia de nueva especie” baixo a denominación de “Partidas y Cuadrillas”.

     En Galicia, La Romana encomendou este labor, ademais de a varios oficiais do seu propio Exército, algúns dos dispersados compoñentes do disolto Batallón Literario compostelano, decidindo que uns e outros regresasen ós seus pobos de orixe para alzar á poboación galega e colaborar xunto ós abades e curas rurais, así como coas demais persoas que, máis no campo que nas cidades, iniciaran xa, como temos indicado, o gran alzamento popular galego contra o invasor francés e cuxa insurrección viña notándose en algunhas partes da rexión desde mediados do expresado mes de xaneiro.

     É moi posible que o xenio creador das “guerrillas” galegas, que influiu no ánimo do Marqués para enviar algúns dos seus oficiais –sobre todo galegos, coñecedores do terreo e das xentes-- ó levantar ó pobo de Galicia, e cuxa base quizais estivera no citado Regulamento, fora Juan Moscoso, que estivera como o seu axudante xeral e coronel do Estado Maior do seu corpo de Exército.

     Moscoso, que sempre insistiu en que o Exército Galego se mantivese ó abrigo das montañas do Noroeste da península para poder actuar particularmente en terras galegas, foi o encargado de “atizar o lume” do alzamento. Compuxo as proclamas e decidiu repartilas por varios pobos do interior da provincia de Ourense, onde nese momento se encontraban as tropas de Soult, distribuíndo con éxito exemplares manuscritos dunha instrucción que redactou para a guerra de guerrillas (“partidas”) e, con tales proclamas, deu así en realidade ós futuros guerrilleiros as debidas instruccións sobre o modo e forma de lograr enfrontarse mellor ós franceses.

II

     E ben porque unha de tales proclamas chegase á comarca de Orcellón, onde na fegresía de Xurenzás residía Xosé Benito Munín, ou ben porque este se enterara, con anterioridade, da presencia do exército do Marqués de la Romana no val de Monterrei e, sobre todo, de que entre ese continxente militar se atopaba o noso Capitán Bernardo, o certo foi que Munín solicitou que lle facilitase dito Oficial, como bo coñecedor daquela comarca e das súas inmediacións, a fin de que procedese con acerto á organización do paisanaxe en dita zona, para poder así facer mellor fronte contra as fustigacións dos franceses.

     En realidade, Orcellón, xa dende o principio da invasión das tropas napoleónicas en España, chegou a cualificarse polo seu verdadeiro patriotismo e publicamente tiña exteriorizado a súa declaración contraria ós designios do Emperador francés.

     En efecto, tan pronto como chegou ós seus habitantes a noticia da invasión e que, con perfidia e engano, lograran depoñer a nosa Familia Real, xuntáronse os seus paisanos o 6 de xuño de 1.808 e, despois de xurar e dar testemuño de fidelidade ó noso Rei e á Nación enteira, queimaron en público as ordes que Murat expidiu dende Madrid, ofrecéndose, todos en masa, abandonar as súas casas, defender os seus patrimonios e conseguir así a liberdade da Patria.

     Consecuentemente, elixiron como o seu primeiro xefe e comandante a Munín, --dada a súa cualidade de fidalgo e Tenente do Reximento Provincial de Ourense, agora retirado do servicio activo das armas como indicamos antes--, quen, acatando a decisión dos seus paisanos, dende o primeiro momento no que resultou ser elixido polo seu comandante, alarmou, conseguiu armas, aconsellou e instruiu os seus conveciños e, logo, máis tarde, cando as hostes francesas invadiron Galicia, dispuxo a fabricación de armamento, municións, picas e lanzas, sendo a súa casa o punto de reunión onde se trataron os planos de defensa, chegando a franquear, aínda con suma xenerosidade, os seus pingües graneiros, adegas e peto, conseguindo levantar o contorno en masa, no só na xurisdicción de Orcellón, senón tamén nas inmediacións do Ribeiro do Avia.

Asi mesmo colaborou na reunión e organización dos dispersos do exército, que fuxiran dos desastres da guerra nas pasadas campañas de León, Castela e o país vasco, axudando e facilitando desa maneira a comisión encomendada ó Capitán Bernardo polo Marqués de la Romana, --pois non dubidamos que tiveran os seus correspondentes contactos--, remitindo ó mesmo tempo a Monterrei diversos auxilios, tales como cabalerías e municións, das que tan necesitadas se atopaba o “desfraquecido” Exército Galego alí acantonado.

Pero como queira que o inimigo francés axexou, e o temor de que a comarca de Orcellón e os seus contornos se viran aplastados polo invasor comprobábase cada día que pasaba con máis intensidade, insistiu Munín a La Romana para solicitarlle o noso indicado Capitán; non tan só por serlle suficientemente coñecido, dados os lazos de familiaridade e sincera amizade que os unía, senón tamén por considerarlo como o oficial máis idóneo que puidese animar e instruir os seus paisanos en toda aquela comarca que Bernardo coñecía á perfección e, con algunha tropa que lle acompañase, poder organizar e fortalecer, baixo o maior acerto, bo coñecemento e orde, as milicias que xa se constituíran a fin de poder así facer fronte mellor ós franceses.

     Enterado o Marqués dos desexos de Xosé Benito Munín, e non podendo negarse aquel ás súas pretensións pola decidida colaboración que este lle viña prestando --por escrito do 6 de febreiro de 1.809, dende Oimbra-- á vez de agradecerlle o envío que chegou a recibir de cabalería e armamento (46 cabalos cos seus correspondentes monturas, 40 pares de pistolas e 60 sables), desexando darlle unha proba de canto tiña apreciado a súa decidida adhesión á causa común, participoulle que estaba disposto a franquearlle o oficial e a tropa solicitada, a pesar de atoparse o seu exército en “Esquileto”. Sen embargo, tendo en conta que Munín lle anunció a súa chegada para dentro de “breves días”, comunicoulle que o esperaría e, logo, “a su regreso”, acompañaríano tales reforzos “pª. su satisfaccion”.

     Persoado, días máis tarde, Munín en Monterrei, o Marqués de la Romana, despois de coñecer persoalmente do seu interlocutor o estado de excitación que presentaba toda a zona de O Ribeiro --tanto do Miño coma do Avia-- a consecuencia da invasión xa padecida polos franceses, das zonas e puntos onde o inimigo atacara e os lugares de expansión por onde se atopaba situado, accedeu facilitarlle ó capitán Bernardo. E así, baixo o seu mando, puxo 100 voluntarios do reximento de Cataluña, para que saíran inmediatamente e lles auxiliasen nas súas operacións, coas máis amplas facultades para ordenar os dous –é dicir Bernardo e Munín-- e practicar canto mellor considerasen para o ben e defensa da Patria.

     Abofé, eran sobradamente coñecidos o talento e pericia militar que albergaban no Capitán Bernardo, circunstancias que o Marqués non descoñecía. Non tan só por terse destacado notablemente nas recentes comisións que lle foran encomendadas no tocante á observación dos movementos das tropas inimigas e ó gran número de dispersos que, poucos días antes, logrou facer chegar ó val de Verín a fin de engrosar así o enfranquecido Exército que alí se atopaba acantonado, senón tamén polo seu pundonor e competencia militar que eficazmente soubo demostrar durante os últimos meses nas campañas que as nosas forzas galegas sostiveran, fóra da rexión, en terras de León, Castela e Vascongadas contra o inemigo francés.

     E boa proba diso está na comunicación que o día 20 daquel mesmo mes de febreiro se dirixiu, dende Baltar a Mandín, ó mariscal Mahy, na súa calidade de xefe da Primeira División das tres en que últimamente distribuíra as súas tropas La Romana, onde figuraba precisamente o Capitán de granadeiros “don Bernardo González” na lista de Oficiais recomendados para “proveer las vacantes”, recordándosello a aquel para que así tivese ocasión de “premiar el verdadero merito” de quen chegaron a resaltar en “quantas acciones y fatigas ha sufrido el Extº.” e nas que “constantemte.” se destacara na “División deReserva” que tivo “el honor de mandar” dende o pasado 15 de setembro de 1808 en todas as “funciones deguerra” nas que se tiña “encontrado”.

     Comunicación que, por outra parte, non facía máis que lembrar outra, de data 9 de decembro anterior, suscrita en León, na que xa tamén o Capitán Bernardo figuraba incluído nunha relación dos oficiais destacados e merecedores de recompensa.

     É de supoñer, pois, que o Marqués de la Romana se mostrara, nun principio, reacio a desprenderse dun oficial de tales características e máxime cando o seu depauperado exército necesitaba de homes desa condición para a súa reorganización. Por iso, cando a principios de dito mes Munín llo solicitou, tendo en conta que proxectaba acercarse ó cuartel do val de Monterrei, esperou a súa chegada, quizais co ánimo de poder disuadilo de tales pretensións.

     Sen embargo, personado posteriormente Munín en terras de Verín, de novo insistiou nos desexos de poderse levar consigo ó seu primo e sobriño, non só porque soubese das súas magníficas dotes militares que, unidas ó perfecto coñecemento que Bernardo tiña das terras que ía organizar, o facían a persoa máis idónea para instruir ós seus paisanos e milicia, senón tamén por telo cerca dos seus familiares que, sen dúbida, debían esperalo entrañablemente.

III

     Recoñecendo, xa que logo, o Marqués os grandes servicios que Munín lle tiña prestado, accedeu a desprenderse do Capitán Bernardo e deixalo ir. Incluso cos expresados cen soldados procedentes do reximento de Voluntarios de Cataluña e coas máís amplas atribucións para ordenar e practicar canto mellor estimase oportuno, promovendo a insurrección popular, para o ben e defensa dos intereses da rexión, que non eran outros cos da Patria.

O seu nomeamento para o cargo e comisión designados, que –pola súa relevancia e importancia-- reproduciron textualmente diversos historiadores, é ben significativo e, como tal, facémolo destacar:

     “Tengan entendido todas las Justicias y Corregidores de este Fidelisimo Reyno de Galicia como he venido en nombrar á Dn. Bernardo Gonzalez Capitan de Granaderos de la columna de Galicia, por su notorio merito y ardiente Patriotismo, Comandante de los Paysanos Armados que concurran á la defensa de sus Domicilios de su Patria y Religión, afin de que en virtud de este nombramiento le faciliten todos los medios de desempeñar tan importante comisión.
Quartel General, 19 de Febrero de 1.809”.

     Unha vez expedido dito “nomeamento”, Francisco Taboada, coronel de infantería e do Reximento provincial de Santiago, en calidade de comandante xeral. de armas “en Birin y Subinspector de Milicias”, librou ó capitán Bernardo o correspondente pasaporte nos termos seguintes:

     “Concedo libre y seguro Pasaporte á Dn. Bernardo Gonzl., Capitán de Granaderos Provinciales que pr. Orden del Excmo. Sor. General en Xefe Marques de la Romana pasa ala Provincia de Orense y mas del Reyno de Galicia, Confacultades pa. qe. todas las justicias le obedezcan cumplan sus ordenes y le entreguen toda la Gente que pida como las Armas y Municiones quese puedan reunir vajo la responsabilidad de las personas que presten asu Cumplimiento y facultad depoderlos conducir arrestados a esta.
Portanto mando, y pido en cargo álas justicias den los alojamientos, Bagajes Raciones de Pan y mas viberes y asistencia, que necesite, pagandolos alos precios reglados por S.M., por ser asi su Real voluntad. Dado en el Quartel General de Birin a 19 de Febrero de 1.809”.

     Así, con tales nomeamento e pasaporte, o Marqués de la Romana desprendeuse dun dos seus mellores oficiais, no que destacara os seus “notorio merito y ardiente Patriotismo”, e designouno para a importante comisión de comandar ós decididos paisanos armados que concurrisen para lograr a defensa dos seus domicilios, da súa patria e da súa relixión.

     Obtidos ditos salvoconductos, sen perda de tempo puxéronse en camiño, con dirección a Orcellón, Bernardo, Munín e os cen indicados soldados. Pero, na costa de Taboadela, atopáronse cunha das unidades avanzadas do exército inimigo, --que Soult enviara precisamente para limpar o traxecto do seu proxectado avance cara Portugal--, coa que se bateron gloriosamente, a pesar de ser os adversarios uns setecentos, incluso causando varios mortos ós franceses.

     Pero, despois de sosterse na loita durante algún tempo, ó recoñecer a superioridade das forzas inimigas, decidiron repregarse coa partida expedicionaria ata Xinzo, quizais en compañía do grupo que mandaba o Marqués de Valladares, --onde estiveron acantonados e en estado de alerta parte das nosas tropas--, co fin de abrigarse ó amparo destas.

     Pero como as posicións adoptadas polas forzas napoleónicas facían de todo imposible continuar no seu empeño de conseguir chegar coa supradita expedición militar ata Orcellón, tanto Bernardo coma Munín adoptaron a decisión de abandonar o reforzo que o Marqués de la Romana lles confiara; e incluso deixaron as súas propias cabalerías. Transitando logo, co maior risco, moitas leguas de camiño a pé para poder sortear o inimigo --después de sufrir traballos imponderables e trepar por terras inaccesibles, que só eles coñecían-- lograron chegar o día 25 a Boborás.

     Non só descoñecemos a ruta por onde transcurriron para seguir a súa arriscada viaxe dende Xinzo de Limia a Boborás, senón tampouco as persoas que puideron acompañalos. Respecto a estes, o máis probable é que non foran sós; cónstanos que Munín, cando chegou a entrevistarse con La Romana, veu acompañado de Xosé Fernández, boticario de O Carballiño, --conforme o aseveran diversos comentaristas--, e quizais algunha persoa máis, co fin de se poder protexer de calquera eventualidade. Parece case seguro que, tras renunciar á partida dos cen voluntarios de Cataluña, adoptasen a lóxica medida de non ir absolutamente desamparados ou en solitario, considerando que, ademais do expresado boticario, foron con algunhas outras persoas co fin de adoptarse lóxica protección no caso de que así o necesitaren.

     Respecto á ruta seguida, unicamente nos consta que tomaron os bosques e grutas por protección de día e de noite, para tratar de sortear e fuxir do inemigo francés, polos sitios que tan só eles coñecían perfectamente, por serlles a orografía do terreo totalmente familiar e, dando os rodeos máis apropiados, tal vez lograsen cruzar o Miño -- probablemente cara á zona de Pereiro de Aguiar-- non sen antes abrigarse cos amigos e familiares, tanto de Bernardo como de Munín, en Lamela, Cachamuiña e os seus contornos.

     Aproveitando esta circunstancia, non dubidamos que o noso Capitán, --xa convertido en comandante dos paisanos armados en defensa dos seus domicilios, patria e relixión--, tivera visitado a súa nai, confortándoa na súa casa e dándolle suficientes ánimos para que non vacilase de que a nova empresa guerrilleira, agora iniciada por el, produciría os conseguientes resultados de lograr expulsar ós franceses, que tanto temor lles causaba.

     E despois de abrazala e animala, pasando o Miño, con toda probabilidade polo punto que Bernardo considerou máis idóneo, dirixíronse cara á xurisdicción de Partovia, colindante coa de Orcellón para, en pouco tempo xa, chegar así felizmente --anque naturalmente extenuados-- a Prado de Xurenzás.

IV

     Cando os paisanos de Orcellón tiveron coñecemento da chegada de Bernardo, tanto Munín coma os seus probables acompañantes abrazaron co maior agrado, complacencia e entusiasmo o comando militar e a dirección por parte daquel quen, case de inmediato, se dispuxo non só á organización da defensa da comarca, senón tamén estudiar as probabilidades das súas incursións ofensivas cara ó bando inimigo.

     Adoptou a decisión de colocar o seu punto de partida ou especie de cuartel xeral precisamente en Boborás, lugar aberto a todas partes, pero que xulgou ser o máis apropiado para o desenvolvemento das súas actividades. En pouco tempo, e cunha actividade sorprendente, reclutou homes, reuniu dispersos e organizou as forzas campesinas das que puido dispoñer, distribuíndoas en diversos grupos, conforme á súa aptitude e armamento, logrando ademais o maior acopio de municións e armas, tanto de fogo como tamén todas aquelas que a gente do contorno puideron ofrecerlle e el estimou adecuadas para conseguir facer dano ós invasores, plantexando un sinxelo sistema de guerra contra as hostes napoleónicas.

     Comisionou ó relacionado boticario do Carballiño, Fernández, para que conseguira dende Portugal armas e, sobre todo, municións, das que coñecía a súa escasez. E finalmente determinou, sen tregua, as pertinentes ordes dirixidas ós xustizas da rexión e ós seus arredores, así como ós seus amigos e coñecidos de cuxo patriotismo non puidera dubidar a fin de poñelos en estado de alarma contra os previsibles ataques franceses.

     Informados estes da presencia de “Cachamuiña” –conforme non tardou en ser así vulgarmente coñecido-- e dos propósitos que estaba levando a cabo, decidiu o mariscal Soult, que se atopaba instalado en Ourense, enviarlle unha carta, ofrecéndolle, tanto a el coma ós seus, toda clase de recompensas no suposto de que desistise da proxectada “alarmación”, temida claro está polo mando francés e, sobre todo, porque se encontraba habilmente dirixida polo capitán Bernardo, de quen o Duque de Dalmacia debía ter sobradas e alarmantes noticias, entre outras causas, por ter promovido e conseguido, semanas antes, a reunión dunha gran cantidade de soldados dispersos que, burlando as vixilancias inimigas, logrou facer chegar ó val de Monterrei para engrosar o tan necesitado exército do Marqués de la Romana.

     Tamén por dita carta ameazouno severamente acabar con el se, desoíndo os ofrecementos propostos polo mariscal francés, seguía o noso Capitán insistindo nos seus propósitos provocadores. Vese que esta era unha das tácticas ofensivas que adoitaban empregar os franceses contra os caudillos inimigos e que, quizais, nalgunha ocasión, lles tivera dado o resultado apetecido, xa que Soult tiña utilizado semellantes procedementos –aínda cando con efectos negativos-- co bispo de Ourense don Pedro Quevedo e co mesmo Marqués de la Romana.

     Descoñecemos a forma de cómo puido chegar ás mans de “Cachamuiña” a relacionada carta. Presumiblemente debeu ser portada por algún comisionado do propio exército francés, anque tampouco descartamos a posibilidade de que se utilizara algún intermediario para a súa colocación nalgún punto visible ou calquera outro procedemento seguro para que cegase o seu texto ó coñecmento do destinatario.

     É unha pena que non lograsemos coñecer o contido da expresada carta, a fin de coñecer os termos nos que se atopaba escrita e poder así enxuizar detidamente hoxe o seu contido. O que si aseveran varios historiadores é que, cando Bernardo recibiu o seductor escrito, leuno en presencia dos seus colaboradores compatriotas e, tachándoo de infame, rachouno con indignación. E inmediatamente, non facendo caso ás ameazas, decididamente dispuxo defenderse, tratando de perseguir e acabar con canto francés caera nas súas mans.

     Ante ese resultado negativo, e a decisión adoptada por “Cachamuiña”, o xeneral francés, probablemente enfurecido, ordenou enviar un pequeno corpo expedicionario que, saíndo dende Ribadavia, se dirixiu por San Clodio en busca das forzas do Capitán Bernardo. Dita expedición partiu pois o 27 daquel mesmo mes de febreiro dende a capital de O Ribeiro e, seguindo a dirección contraria ás augas do río Avia, foise adentrando, por terras arriba de San Clodio, Leiro e Lebosende, ata chegar a encontrarse, nas partes altas do val, co paisanaxe instruído e dirixido polo noso Capitán.

Ese mesmo día produciuse o encontro e tanto empeño puxeron os bravos campesinos milicianos na loita que, --contan as crónicas--, despois do conseguinte escarceo, conseguiron ó final fustigar e derrotar ós invasores.

     Como é lóxico, esta primeira victoria envalentonou ós nosos paisanos enchéndoos de confianza. Sen embargo, a derrota deste primeiro encontro non puido, claro está, satisfacer ós franceses, polo que estes, ó seguinte día --28-- volveron á carga, reforzados con maior número de forzas, chegando incluso ata a ponte de Pazos de Arenteiro, onde lograron, non só deter as milicias mandadas por Bernardo, senón que tamén as fixeron retroceder.

     A pesar diso, “Cachamuiña” soubo repoñerse, fortalecer posteriormente as súas posicións e, amparándose nas rochas, conseguiu enviar ó inimigo un granizado de balas que choveron por todas partes. Os franceses respondéronlles con fogo ben sostido, pero sen saber cara onde dirixir a súa puntería;e, ó perder varios soldados e algúns cabalos, decidiron retirarse en precipitada fuga, perseguidos durante máis de legua e media polos valerosos paisanos do capitán Bernardo.

     Non desistindo nas súas tentativas para destruír ese importante foco de resistencia galega no val alto do Avia, ó seguinte día, é dicir o 1º de Marzo, volveron os franceses, moi de madrugada, aínda máis reforzados, incluso precedidos e apoiados por un grupo de cabalería, composto de oitenta xinetes. No primeiro momento, os campesinos guerrilleiros pareceron verse perdidos, non tanto polo gran continxente inimigo, que os atacou fortemente en Pazos de Arenteiro, senón porque non tardaron en darse conta de que as municións se lles ían esgotando.

     Sen embargo, a chegada providencial de dúas caixas delas permitiulles lanzar un furioso contraataque ós invasores, logrando desaloxalos das súas posicións obtidas, conseguindo así mesmo facelos retroceder a Varón, Gomaríz e San Clodio, causándolles numerosas baixas e facéndolles bastantes prisioneiros, varios dos cales lograron salvar as súas vidas gracias á intervención do propio “Cachamuiña”, quen a duras penas puido liberalos do furor dos seus paisanos. Decidiu posteriormente remitilos ós ingleses e os cabalos arrebatados, en número de corenta e dous, dispuxo que fosen enviados para o noso exército de Portugal.

     Resentidos os franceses por esta nova derrota, na madrugada do día 2, volveron formar e enviar outra expedición, moito máis superior, contra os nosos bravos campesinos. En efecto, un numeroso destacamento, composto nesta ocasión xa dunhas mil unidades de cabaleria e infantería, presentouse no lugar de Cabanelas e xunto á ponte de Pazos. Os paisanos, alertados, pois xa tiñan previsto esa acometida, deron inmediatamente parte a “Cachamuiña” e, provistos de novo de armas e municións, reforzados ademais con algúns dispersos, adoptaron as posiciónes que o noso Capitán lles sinalou.

     As forzas inimigas duplicaban, abofé, ás nosas, tendo en conta sobre todo a cantidade e calidade das súas armas, xa que os nosos paisanos lograran reunir tan só tres centos fusís e escopetas. A loita empezou, o fogo durou toda a mañá e, anque a escasez de municións fixo presaxiar en máis dunha vez o mal resultado da acción entablada, cansado o inimigo de facer descargas pechadas contra as rochas e as viñas --sobre todo contra os muros que sostiñan os “sucalcos” destas-- correspondéuselles cun fogo lento e graneado. Tal estratexia causou tan terrible estrago que, á fin, adoptaron a súa única alternativa de retirarse, pola tarde, precipitadamente.

     Ó anoitecer regresaron os franceses a Ribadavia e, aínda cando derrotados --aseguran así mesmo as crónicas-- entraron na vila con todo o aparato dunha música asombrosa a fin de disimular a confusión e vergonza que traían consigo.

     As perdas sufridas polo inimigo eran xa considerables e, para colmo, nos seguintes días tiveron que padecer algunha baixa máis. Ó recoñecer que lles era difícil sometela comarca que defendía “Cachamuiña” --tanto na zona montañosa de Boborás como na ribeireña do Avia e os seus contornos-- o día 4 do mesmo mes de marzo, moi de mañá, fóronse os franceses cara a Ourense en pos do mariscal Soult, deixando así ós campesinos de O Ribeiro libres, pois tan só estaban preocupados en reparar as ruínas e estragos que a invasión e as incursións das tropas napoleónicas lles causaran.

V

     Animado o capitán Bernardo polos relacionados éxitos obtidos, decidiu complementar a organización paramilitar dos seus paisanos, máxime ó comprender que, cada día, se lle incorporaban máis patriotas, atraídos estes polas recentes victorias conseguidas contra o inimigo francés, chegando tamén a incrementar o seu “exército” con gran número de soldados dispersos, polo que en poucochempo llegou alcanzar, entre todo o heteroxéneo número de xente concentrada, a cifra que algúns autores --quizais un pouco esaxeradamente -- estiman ata de seis mil, dispostos a entrar en guerra se fose necesario.

     Anque, certamente, tan só uns seiscentos tiveran verdadeiro coñecemento no uso e manexo das armas de fogo, é cando por esas datas Bernardo, posiblemente, chegou albergar a idea de poder organizar, no futuro, con toda ou parte dese continxente, un corpo militar que denominaría os “Voluntarios del Ribero”.

     Así pois o noso Capitán non vacilou, nin un só momento, en tratar de conseguir o maior acopio de soldados dispersos, polo que –con datas 5, 7 e 10 do mesmo mes de marzo-- remitiu oficios ás correspondentes autoridades locais para que apremiasen “pr. todo rigòr, hasta qe. se presenten delante mi en este Quartel”, posto que a súa presencia e experiencia valorounas como base fundamental para lograr un “exército” capaz de lograr facer fronte ós franceses.

     Igualmente suscribiu a pertinente orde facendo saber que consideraba derogada “toda Lizencia concedida” a calquera dos “Estudiantes y literarios” compostelanos, xa que, ó seu xuízo, “no hai exaucion alguna à qe. atender”.

     Polo tanto, e seleccionando entre toda esa xente quen podería estar mellor capacitados para selo, complementou a organización dunha especie de compañía ou unidade, máis ou menos militar, que denominou como “Tiradores del Avia”, coa que proxectou as súas próximas incursións contra o inimigo.

     Alonxados os franceses de toda aquela zona, organizou así mesmo, dende o punto de vista económico, o seu cuartel xeral de Boborás --que se nos antoxa fose na casa de Munín--, designando a este coma o seu tesoureiro, “pa. hausilio delas tropas y paisanage puestos â mi cargo pr. el Exmº. Sr. General engefe del Ejercito de Galicia pa. defensa de la Patria y Religión”, dispondo que os distintos xustizas do contorno remitisen e entregasen a Munín “todos los efectos rreales dtodos ramos y clases qe. sean”.

     Finalmente, complementando días máis tarde a recruta do seu “exército”, e facendo uso das facultades que lle conferira o Marqués de la Romana, expediu unha importante circular –o 10 do expresado mes de marzo-- dirixida, tamén dende Boborás, a todos os titulares das xurisdicións e parroquias rurais próximas ó indicado cuartel, --cuxas demarcacións lle eran sobradamente coñecidas--, facendo presentar a todos os soldados dispersos que se atoparan nos seus respectivos términos, baixo “la pena de responsabilidad de ser castigados con todo rrigòr”, incluso coa “pena de la vida” se llo esixen as circunstancias.

     Aconsellounos que procedesen de acordo e coa colaboración dos “curas Parrocos”, que estes lles desen “parte semanál” de todo “conscripto” que se abrigase nas súas “parroquias” e que, do mesmo xeito, obrasen contra calquera persoa que os ocultara nas súas casas, “sequestrando sus viénes, y aplicando su producto alos fondos publicos”. A tal cumplimento, para dar maior autoridade ás esixencias desa orden, pasarían inmediatamente oficios ós párrocos, insertándolles “copia” de dita circular co fin de que lle desen conta de todo procedemento na mesma forma e baixo a propia responsabilidade.

     Como vemos, pola indicada orde, “Cachamuiña”impoñía toda a súa autoridade e severidade para lograr así o obxectivo que, con toda decisión, se propuxera, determinando incluso os maáis mínimos detalles para o seu cumprimento e eficacia, posto que tamén dispuxo, que fixeran circular a citada “horden” de xustiza en xustiza, quen, ademais, recollerían “los fusiles” que lles constare existisen “extrahidos”, tanto franceses como españois, dos suxeitos que non fixeren uso deles e non foran tiradores, --que non concorresen á defensa “en los casos obcurrentes” contra o inimigo--, dirixíndoos á súa disposición baixo igual responsabilidade.

     E a fin de conseguir o debido cumprimento das súas disposicións, concluía a orde indicando que os xustizas desen “recivo de quedàr enterados” da mesma ó militar “veredero”, a quen debían pagar polo seu traballo dous reais cada un, “reencargando” igualmente a ditos xustizas a “pronta” conducción e entrega dos efectos reais en poder de Xosé Munín ou, non podendo ser así, do seu sustituto.

     Tivemos á vista copias da supradita orde, --a cal, pola súa extensión e detalle, pouco comentario precisa--, que recorreu os términos de San Clodio, San Andrés, Castro Cavadoso, Beade, San Andrés de Campo Redondo, Roucos, Maside, Casar de Mato, Amoeiro, Cenlle, Ervededo, Trasariz, Vilar de Rei, Eiras, San Ciprián, Salamonde, Beariz, Grixoa, Anllo, Varón, San Fiz, Osmo, San Lorenzo de la Pena e Santa Marina e Santiago de Esposende.

     De tales copias resulta que a Roucos chegou o día 14 do mesmo mes de marzo e, inmediatamente, foi despachando o seu cometido o mensaxeiro conductor, sen se deter máis tempo do necesario para serlle anotado o oportuno “recivo”, a fin de chegar pronto ós demás términos. A Cenlle chegou o 15. A Ervededo e Trasariz, o 16. A Vilar de Rei, San Ciprián, Salamonde e Beariz, o 17. A Grixoa, o 18. A Varón, Anllo, San Fiz, Osmo e Esposende, o 19.

     Posiblemente outras copias da expresada orde terían adoptado outros percorridos. Pero, deducindo polo que temos comprobado, os relacionados términos parroquiais, coma outros máis, tiveron coñecemento das disposicións do noso capitán Bernardo; e, aínda cando non coa velocidade que el nun principio pretendía, non tardaron en se ver cumprimentadas as súas instruccións, incluso despois de irse de Boborás e estender as súas actuacións cara a outros términos.

     A parroquia rural galega --cal centro social de concentración da poboación no campo-- considerada como unha consecuencia das formas sociais impostas por un hábitat disperso dentro dun aglutinante de distintas clases e lugares, sempre foi –e máis naquelas datas-- unha institución viva. Baixo a representación pastoral dun rector ou cura-párroco no goberno espiritual, en determinados momentos, sabía e podía facilmente, non só comunicar senón dirixir, incluso en calquera outros aspectos ós seus parroquianos.

     Así pois, aproveitando esa agrupación natural de persoas unidas polo vínculo de vecindade e asentadas nun territorio máis ou menos determinado, fixo circular Bernardo a indicada orde, de parroquia en parroquia, por aquelas terras que coñecía e dominaba, cal forma ideal de comunicación e información para facer participar das disposicións que estimou máis idóneas a efectos de lograr facer fronte ó inimigo napoleónico.

VI

     Como queira que a relacionada orde non tardou en darlle o resultado apetecido polas primeiras parroquias por onde pasou o emisario --e quizais tamén animado polos seus máis directos colaboradores-- non nos pode extrañar que Cachamuiña decidise ampliar os seus proxectos de estender os seus éxitos da insurrección en Boborás e nas partes altas de O Ribeiro cara a outros términos contiguos á comarca de Orcellón, fundamentalmente no tocante ás xurisdiccións de A Estrada, Cotobade, Soutelo e outras existentes na “Terra de Montes, coa fin de organizar e desenvolver tamén o levantamento guerrilleiro contra o invasor nos puntos que fose máis necesario.

     Deste xeito, tendo coñecemento de que en Quireza se atopaba un capitán chamado Francisco Colombo --procedente do rexemento de Voluntarios da Victoria-- con algúns soldados e paisanos, onde o xuíz de Cotobade Manuel Taboada e Cotón tiña comisión tamén do Marqués de la Romana --igual que aquel-- para alarmar a provincia de Santiago, e que en tales xurisdiccións se iniciaran focos de insurreción contra os franceses, adoptou a decisión de dirixirse cos seus compatriotas a Quireza para lograr combinar as súas operacións co citado xuíz e co oficial Colombo.

     Pasados uns días máis nos términos de Orcellón, deixou Bernardo o seu cuartel de Boborás e acompañado do seu conglomerado “exército”, armado e municionado na forma que máis a man puideron facer os paisanos, foise cara a tales comarcas. Sen embargo, deixou vixentes os comisionados en diversos puntos, non só a efectos de conseguir unha mellor recadación de caudais e víveres necesarios, senón tamén --especialmente no tocante á consecución de novos reclutas e de soldados dispersos-- conforme tiña previsto na supradita orde do día 10 á que antes fixen mención --e que se foi transmitindo na forma por el indicada, de parroquia en parroquia--, así como doutra posterior, do 12, remitida ó xustiza de Roucos.

     Esta última –comunicada tamén, como supoñemos, a diversos xustizas do contorno—é así mesmo digna de interese, posto que, ademais de dispor do tocante á recadación de caudais, armamento e, incluso, cabalerías, determinou Cachamuiña a comisión dun grupo de persoas en estado de alarma permanente para a defensa do territorio no suposto de calquera acometida inimiga que, no seu caso, sería notificada con retoque de “campana” ou outra forma de “aviso” a fin de que, baixo “pena de la vida”, concurrise o vecindario provisto “con armas chuzos y mas de qe. cadauno pueda usar”.

     En Quireza esperábao, non obstante, a desagradable sorpresa de que os dous relacionados comisionados do Marqués de la Romana, Colombo e Taboaba, andaban á greña por particulares resentimentos relativos ás súas respectivas xurisdiccións; e, aínda máis, que Colombo, con máis armas có xuíz, chegara a encarcelar a este.

     Certo que o Marqués, pouco preocupado naturalmente polos problemas legais, comisionou a unha persoa para organizar a resistencia de determinada comarca, para a que xa dera poder con anterioridade a outra; e isto, claro está, produciu nalgúns casos conflictos entre os mesmos designados. Iso foi o que ocorreu no distrito de Cotobade --enclavado daquela na antiga provincia de Santiago e hoxe na de Pontevedra-- entre ambos comisionados, xa que xuíz Manuel Taboada Cotón recibira a súa misión para toda a provincia de Santiago e Colombo tiña tal encargo só na zona de Cotobade.

     A primeira medida que adoptou Cachamuiña ó chegar a dito distrito foi convencer a Colombo para que puxese en liberdade ó indicado xuíz de Cotobade; unha vez conseguida a súa liberación, e a efectos de evitar novas querelas entre Colombo e Taboada, decidiu que aquel continuase en Quireza consagrado ó recrutamento e organización de voluntarios nesa zona. Levouse a Taboada con el a Cerdedo na mañá do día 16 do mesmo mes de marzo, onde chegou á fronte duns seis centos homes, partindo despois coa súa xente na tarde dese mesmo día para poder chegar a dormir en Acibeiro.

     O plan proxectado polo noso capitán Bernardo era intentar facerse forte na ponte de Ledesma, que trataban de recobrar os franceses; e para o desenvolvemento das súas operacións propúxose, por unha parte, chamar a atención do inimigo en diversos puntos a fin de conseguir dividir as súas forzas; e por outra parte, reducilos a menos terreo para poder atacalos mellor, tratando de vencelos e lograr vingar así o sangue infamantemente ultraxado polos franceses naqueles contornos.

     Pasada a noite en Acibeiro, continuaron logo a viaxe ata a ponte de Ledesma, a onde chegaron o día 17, xa coa noite. Para defendela, contaba ademais co reforzo que poderían prestarlle as milicias existentes nas comarcas de Deza, Trasdeza e Tabeirós.

     Ó seu paso por Bandeira, enviou Bernardo ó rector parroquial Pedro Sánchez e ó franciscano frei Pedro Romero para que se entrevistasen en A Pica coa xunta de Tabeirós, invitándoos a reunirse con el e cos representantes das xurisdiccións de Deza e Trasdeza; mandounos así mesmo recoller, tanto a barca do río Ulla como as demais que atoparen, inutilizándoas para prevenirse de que fosen cortadas.

     Todo iso fíxose coa eficacia desexada; e o 18 formalizouse, baixo xeral entusiasmo, a reunión proxectada na ponte de Cira cos representantes das tres indicadas xurisdiccións. Alí adoptáronse, entre outros, os seguintes acordos, a proposta precisamente de Cachamuiña, quen xa trasladara o seu cuartel a esa zona de Puente Ledesma:

     - Que frei Pedro Romero e Taboada –que non podía volver á súa xurisdicción polas diferencias que tiña co capitán Colombo--, con catro soldados ás súas ordes, fosen inmediatamente a Noia, Muros e outras vilas, así como ós poboados da ampla zona do litoral da antiga provincia de Santiago, coa fin de promover, alentar e imprimir actividade nas respectivas alarmas. A principal finalidade era poñer garda e chamar a atencion do inimigo cara a aquelas partes, recollendo ó mesmo tempo caudais e xeneralizar a sublevación, xa que Bernardo estaba interesado en estender o alzamento popular nas comarcas da parte norte de dita provincia e, particularmente, nas marítimas de Noia, Muros e Corcubión.

     - Atrincheirar da mellor maneira posible a cabeza esquerda das pontes de Ledesma e outros existentes sobre o río Ulla, e a de Cira sobre o Deza, aumentando considerablemente as vixilancias e grupos defensores, xa que non poucos campesinos regresaran ós seus propios domicilios para atender as súas habituais ocupacións ó observar o sosego reinante en Ledesma durante os días anteriores.

     E como consecuencia do primero dos expresados acordos, na mesma noite do 18, partiron de Cira os relacionados comisionados para dar comezo á atrevida empresa que lles fora asignada.

     Pero ocorreu con rapidez o que non se esperaba tan pronto. Enterados os franceses en Santiago --a través dos espías de Bazán de Mendoza, xuíz de policía en Compostela ó servicio dos franceses-- da chegada de Cachamuiña á ponte de Ledesma, e comprendendo que, se lle daban tregua, chegaría a reunir multitude de xente e que os encurralaría, fortificándose en dito punto o calquera outros que el considerase oportuno, non se detiveron un momento; por iso, nesa mesma noite do día 18, saíron uns tres mil homes, con tres cañóns e diversa cabalería, para atacar ó conglomerado de xente que conseguira congregar o capitán Bernardo, logrando encontralos na madrugada do 19.

     Xa de mañá, neste día, os franceses prepararon o combate. Véndose Cachamuiña, co seu puñado de homes, ameazados por un número tan excesivo de tropas aguerridas, amedrantados pola artillería inimiga, colocados os invasores con vantaxe e flanqueados pola cabalería que se dispoñía a vadear o río, decidiu dar orde de baterse en retirada por diversos puntos que constituísen outras tantas “guerrillas”.

     Os franceses, orgullosos, avanzaron. Sen embargo, non tardaron en se desenganar ó recoñecer que os nosos tiñan quen habilmente os dirixía con arte; e, anque repetiron contra eles as súas tentativas, tiveron a rabia e o desconsolo de non se poder adiantar sen perder varios homes, polo que, ante a tenaz resistencia encontrada, adoptaron a decisión de retirarse, con bastantes baixas.

     En vista deste fracaso e non podendo saciar o seu furor en Cachamuiña e os seus, o inimigo decidiu castigar, como represalia, desplegando a bárbara e sanguinaria rapacidade das súas aguias infernais nos lugares daquel contorno, nas súas proximidades e nos sus inertes habitantes.

     Dos tres mil franceses que lograron tan mesquiño triunfo na ponte de Ledesma regresaron logo, máis das dúas terceiras partes, a Santiago, onde os necesitaba Marchand, gobernador militar desta praza, polo que soamente unha columna duns oito centos avanzou posteriormente por Tabeirós e por outros encraves da “Terra de Montes”.

     As intencións que determinaran o avance desa columna francesa eran --ademais de castigar as comarcas dende onde procedían os paisanos que comandaba Bernardo-- devastar as súas terras e vilas, como escarmento ás accións dirixidas por Cachamuiña, e poder intentar posteriormente chegar ata Vigo, coa fin de auxiliar ós que nesta praza se atopaban tralas súas murallas, toda vez o cerco existente ó que estaban sometidos.

     Pero o certo foi que, informado o noso capitán Bernardo dese avance francés, regresou rapidamente coa súa xente a Boborás, tocándose as campás a arrebato, como tiña previsto na supradita orde do pasado día 12. Xuntáronse os paisanos e, informados de que todos os aptos de calquera estado debían dar batalla ó inimigo, partiron decididos dende dito distrito na súa busca, dispostos a facerlles fronte e pelexar con toda clase de armamento que ó seu alcance lograron obter. Así mesmo, Cachamuíña ordenou ós xustizas que desen aviso ós seus respectivos paisanos para que se fosen agregando con calquera clase de armas, tanto brancas como de fogo.

     O día 21 encontrábase a columna francesa xa en Soutelo. Sen embargo, enterados de que Cachamuiña --que, como dixemos, retrocedera dende Ledesma ó seu antigo cuartel de Boborás, ansioso de acrecentar o seu continxente armado-- se acercaba con gran número de paisanos de toda condición e estados, dispostos a pelexar e vencer, non se atreveron a esperalos e facerlles fronte senón que, a toda presa, encamiñáronse, primeiro a Cerdedo, logo a Tenorio e, por último, a Pontevedra.

     Bernardo e os que partiran dende as terras de Orcellón --en número superior a mil cinco centos-- baixaron cara a Soutelo, pisándolles a retagarda e causándolles diversas baixas; estas víronse acrecentadas coas que lles fixeron os guerrilleiros de Folgoso, Pedre, Cotobade e Mourente, así coma os de Caldevergazo, alentados e dirixidos naqueles momentos polo capitán Colombo que, con acertada previsión, conseguira adiantarse á indicada columna francesa para “prepararlles” o recibimento e fustigalos durante toda a súa ruta ata que, moi quebrantada e desfalecida, puido atopar refuxio en Pontevedra.

     Cachamuíña deu enseguida disposicións para atacalos, xa pola noite, nesta vila; e aquí, nas inmediacións de Pontevedra, estiveron todo un día os nosos, cargando e facendo fogo ós franceses que intentaban asomarse, tanto ós que chegaran o día anterior coma ós que se atopaban de guarnición; polo que non tiveron outra alternativa que abandonar a poboación pola única saída viable, cal era o camiño cara a Caldas de Reis e Pontecesures, a pesar das acometidas polos alarmados paisanos que trataron de dificultarlles a retirada.

VII

     Deste modo, ó amañecer do día 23, na vergoñosa fuxida encontraron a salvación. Seguir cara a Vigo certamente tivera sido unha louca temeridade, que os levaría a se encontrar entre dous fogos; e, de continuar en Pontevedra, equivalería a se entregar a un seguro aprisionamento.

     En consecuencia, Pontevedra logrou verse libre de todos os franceses que a ocupaban. Unha vez desocupada por eles dito día 23, entrou ó seguinte en dita vila Cachamuiña, con case dous mil cinco centos homes que xa formaban a grupo que lograra reunir, así como o capitán Colombo, couns cinco centos homes que constituían o seu grupo.

     O mesmo 24 tamén chegou á vila pontevedresa Pablo Morillo, que procedía de Pontesampaio, a onde fora coa fin de deixalo no mellor estado de defensa posible; atopándose establecido o cerco de Vigo e enterado da presencia dos franceses en Pontevedra, pasou sen perder tempo a Redondela e, logo, a Pontesampaio ó obxecto de dispoñelos en pertinente estado de alerta e alarmación; para esa tarefa contou coa colaboración de Juan Antonio Gago de Mendoza, á sazón o principal promotor das alarmas na península do Morrazo, como tamén a do alférez de navío Juan de O‘Dogerty.

     Unha vez reunidos en Pontevedra Cachamuiaña, Colombo e Morillo, cambiaron impresións entre eles e, estimando que o máis conveniente era a pronta reconquista de Vigo, decidiron, por iniciativa do primeiro deles, seguindo instruccións da Xunta de Lobeira, encamiñarse ó cerco da vila viguesa.

     E así, o día 25, a iso das dúas da tarde, partiron cara a Vigo os tres expresados caudillos, unidos todos, polo camiño de Pontesampaio e Redondela: Levaron consigo ós alarmados campesinos que eran posuidores de armas de fogo procedentes de O Ribeiro, Boborás, Soutelo, Cotobade e Caldevergazo. Todos os demais quedáronse para o mantenemento dos respectivos cordóns de defensa.

     En Redondela, onde descansaron e pernoctaron os tres coa xente que levaban ás súas ordes, informáronse das forzas que compoñían a guarnición francesa e dos pormenores que necesitaban coñecer para acometer a difícil empresa que se propoñían realizar.

     Á mañá seguinte continuaron viaxe, chegando así o 26, sobre as tres da tarde, ó cerco de Vigo, onde foron recibidos polos sitiadores co natural sentido de entusiasmo.

VIII

     Trala xesta da “Porta da Gamboa”, e conseguida a Reconquista da praza viguesa, unha vez que Cachamuíña foi designado cal comandante de Armas e gobernador da vila reconquistada –coa indubitable e decidida colaboración de quen a seguira dende Boborás--, non tardó en solicitar urxentes reforzos alimentarios, de armas e outros efectos necesarios para a súa subsistencia e defensa.

     Tanto dende as terras de Orcellón, como das de O Ribeiro, fóronlle xenerosamente suministrados os auxilios solicitados, sendo Munín, como o seu principal enlace, o encargado de canalizar os necesarios avituallamentos que foron cegando a Vigo de forma paulatina. Non foi, xa que logo, necesario que Bernardo –ferido e encamado-- se acercase persoalmente a Boborás, dado que as súas decisines escritas foron máis que suficientes para que Munín e os colaboradores deste acatasen as determinacións daquel.

     Días despois, Tui conseguiu ser liberado das tropas napoleónicas e Bernardo foi ascendido a Coronel polo marqués de la Romana, como xusta recompensa ó “celo patriotico y el esforzado valor” cal se portara “y con el que ha sabido inflamar los ánimos del paisanaje que ha reunido bajo sus ordenes”. Unha vez que García del Barrio organizou a súa “División del Miño” --coa colaboración dos caudillos e militares máis significativos que contribuíron na liberación da capital tudense-- ó resultar seriamente acosada dita “División” polos franceses no seu proxectado avance cara a Santiago, decidiu encamiñarse a terras de Avión e Boborás, conseguindo establecer contactos con Munín, co boticario Fernández e cos demais principais mantedores da alarma constituída na comarca de Orcellón, pois de todos eles Cachamuiña lle dera os mellores informes e recomendacións.

     Non foi vana a decisión adoptada por García del Barrio, toda vez que procurou suficientes reforzos, non só de armas e municións, senón tamén do elemento humano, logrando así incrementar a súa “División” a efectos de continuar logo con éxito as súas previstas actividades bélicas nas antigas provincias de Tui e Santiago; as cales –como sabemos-- non conseguiu cumprimentar, dado que Martín de la Carrera, por indicación de Mahy, en representación este do marqués de la Romana, chegou a se facer cargo en Ourense dese corpo do exército, a cuxa capital García del Barrio chegou tras atravesar as montañas de Boborás outras colindantes.

     Unha vez que La Carrera tomou posesión da “División del Miño”, decidiu asentala xunto a Vigo, seguindo así mesmo indicacións dos seus superiores; e en atención ós bos informes que, sen temor a nos equivocar, García del Barrio lle facilitou da boa acollida e colaboración dada polos de Orcellón, a viaxe do seu continxente militar realizouno precisamente a través das súas montañas, onde conseguiu reforzar o seu exército, ó que se lle incorporaron diversos paisanos, quedando ese término bastante desguarnecido.

     Preocupación que embargou ó noso Bernardo, por canto, conforme resulta nun escrito, de data 10 de maio, recoñece “que me consta la necesidad de guarnecer el Quartel de Boborás, quesi halla desamparado, y amenazado todo aquel Pais delos Enemigos por la dura defensa que allise hahecho hasta esterminarlos delos sitios que ocupaban, que necesariamente se necesitan guardar, y Custodiar”, advirtindo, a tal efecto, que os “Mozos por ahora, se retiren a costodiarle con las mas jentes, quese reunan inmediatamente, á cuio fin las Justas. de dhos. domicilios, ni otra persona alguna, no les molesten, ni estraigan para otros puntos, haciendo como les hago alas expresadas Justicias, y otro cualquiera sujeto quelo intente verificar responsable de todos los daños que se sigan, antes bien daran los ausilios que pidan sin perjuicio de presentarseme cada y quando sean llamados, como agregados ami Extº. para destinarlos alos puntos mas precisos llegado el caso que en aquel no se contemple peligro; á cuio fin se pasen Copias de esta orden alas Justicias, y haga presente aqualquiera Señor Gefe por quien fueren reconvenidos para su inteligencia”.

     O percorrido da “División” de Martín de la Carrera durou, como é de supoñer, varias xornadas, dirixiéndose, en primeiro lugar, cara a Pontevedra para, dende aquí, acercarse xunto ás murallas viguesas --onde se asentaría o 12 de maio-- e onde Cachamuíña, cal gobernador da praza, habería de prestarlle suficiente asistencia; a esta colaborou Munín coas súas diversas remesas de sola, zapatos e outros efectos, que o noso Bernardo –aínda enfermo a consecuencia dos “Balazos” recibidos “de los Enemigos”-- non dubidou en agradecer, remitindo un oficio Pedro Sánchez de Castro, (con data do seguinte día 20), en nome do gobernador vigués e como secretario do mismo.

     A “División del Miño”, tan pronto como Martín de la Carrera considerou suficiente a súa preparación e organización, avanzou –como sabemos-- cara a Santiago, seguindo instruccións de Mahy, chegando á cidade compostelana, que foi reconquistada ós franceses o 23 dese mesmo mes de maio, data da conmemoración da presencia do Apóstolo na batalla de Clavijo. Sen embargo, os proxectos de conseguir a praza amurallada de Lugo, non se conseguiron tras frustrarse os plans que Mahy proyectara, véndose obrigado este e mailo marqués de la Romana --quen días antes chegara dende Asturias-- a emprender inmediata, aínda cando aventurada marcha, cara a Ourense.

     Tempo despois, coa chegada a Vigo do conde de Noroña para facerse cargo da “División del Miño”, recompuxéronse os proxectos. Chegara á conclusión de que o lisonxeiro éxito conseguido por Martín de la Carrera máis ben era provisional, ó non se atrever a perseguir ó inimigo. Recoñeceu o verdadeiro perigo por non existir na cidade das Burgas un corpo do exército nos momentos en que Soult, fuxitivo dende Portugal, logrou chegar ata Lugo, frustrando así os plans de Mahy. E o que máis lle chegou a preocupar foi recoñecer que non podía contar, nin co marqués de la Romana, nin co mesmo Mahy, dado que ambos decidiran fuxir cara a terras ourensanas.

     Polo tanto, enterado de que Ney co seu exército intentaba –despois de conferenciar con Soult-- acercarse ata Vigo, optou por abandonar Compostela para poder resistir o envite baixo posicións máis vantaxosas. Deste xeito, as nosas forzas foron retrocedendo, primeiro ata Caldas de Reis, logo ata Pontevedra e, finalmente, ata o río Verdugo, onde nos días 7 e 8 de xuñio se celebrou a batalla de Pontesampaio, como consecuencia da cal os franceses, como é de sobra coñecido, unha vez vencidos, tiveron que cortar o seu avance e retroceder humillados.

     E tamén ata aquí, a Pontesampaio, chegaron os reforzos procedentes dende Orcellón. Cachamuiña tiña previsto de antemán as oportunas disposicións para o fortalecemento e manutención dos nosos soldados. Munín, qué dúbida cabe, participou de tales extremos e sempre estivo disposto a colaborar coas intencións do seu parente, o agora gobernador da praza de Vigo, non dubidando en efectuar as pertinentes remesas. Tanto era así que Martín de la Carrera –o segundo xefe das tropas do conde de Noroña-- non dubidou en remitirlle un escrito, (dende “Puente San Payo” e con data do seguinte día 13), de cuxo texto deducimos os particulares seguintes:

     “Mis ojos no pueden mirar con indiferencia el escrito de vmd. fhª. nueve del qe. rige, el qe. por su espreso me confirma las noticias comunes y particulares qe. hé adquirido del Patriotismo y afecto qe. reina en su Comarca pª. con nuestro amado y Cautivo Soverano; los servicios personales y pecunarios qe. tiene echo a favor de la Patria, son inumerables ........... el vino generoso qe. entregó el Cabo Juan Franco. Rodrigz. por su Orden pª. socorro de estas tropas, me há sido muy agradable por su Cantidad y qualidad, asegurandole há llegado en una ocasión oportuna pª. animarlas y reforzarlas de las faltas qe. esperimentava. Por mi, y á nre. de la Nación, doy a vmd. las mas completas gracias, deseando qe. Dios conserve su importante vida pª. Defensa de la Patria, y socorro de los defensores de ella”.

( ….Seguirá.)

 

Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador