Galicias.com: una casa para todos |
A horta das tres paredes.
Fai anos, nun pequeno pobo do concello de Celanova había unha horta de tres centiáreas, que se chamaba A HORTA DA COTARELA. Andrés, o dono, morreu, solteiro e sen fillos, e viñeron a ser os herdeiros dous sobriños do finado, chamados Eleuterio e Ramón.
Os herdeiros repartiron os poucos cartos que deixara o defunto nunha caixa de lata que tiña na naveta da mesa da cociña e partiron en dúas a casa e máis a horta. Fixeron na casa un medianil de ladrillo a dividía en dúas metades. E, como a casa era de planta baixa e daba a dous camiños, non lles foi difícil facerlle outra entrada, para que cada un puidese servirse directamente dende fora, sen precisar pasar polo cacho do contrario. Na horta fixeron tamén dúas sortes iguais, de metro e medio cada unha, e levantaron unha parede de pedra na marxe.
Pero, por cousas que non ven a conto explicar, Eleuterio e Ramón empezaron a levarse mal. E aínda peor se levaban as súas donas. Unha tarde de inverno a muller de Ramón deulle co sacho na cabeza a Eleuterio e deixouno por morto. Viñeron os veciños e con panos limpos e con auga atalláronlle o sangue e vendáronlle a ferida. Eleuterio volveu en si. Levárono ó médico. E ó cabo de tres meses acabou curando. Pero o feito foi levado ó xulgado. E Ramón tivo que vender catro leiras das mellores para pagarlle ó avogado.
Despois houbo varios preitos máis entre ámbalas dúas familias. Gastaron e gastaron... gastaron cartos en avogados. E cando lle chegou a súa hora foron morrendo. E deixáronlle ós seus fillos en herdanza a xenreira que sempre tiveran entre eles.
Antón, o fillo de Ramón, vivía en Vigo, onde traballaba nunha empresa grande. E con moito traballar e pouco gastar foi xuntando uns aforriños. E cando se sentiu con forzas foi ó seu pobo e falou co señor Manuel, que fora canteiro e que agora traballaba como albanel, e díxolle: "Quero que me cerre a HORTA DA COTARELA cunha parede de bloques de trinta". "Pero...". "Non hai pero que valga. Eu págolle o que faga falta, pero quero que me cerre a horta". "Tes que te poñer de acordo con Luis para poder quitar a parede de pedra e facer a nova parede pola marxe". "Nin tolo. Fágame a parede por dentro, no meu terreo, deixando a parede de pedra como está. Quero que o "cierre" sexa solo meu".
E así se fixo. E, despois de cerrada, na horta non cabía nada máis que media verza. Pero Antón viuna, sentiu que era súa, e ficou contento.
E o mesmo fixo Luis, o fillo de Eleuterio. Solo que Luis, como estivera emigrado en Holanda e fixera máis cartos, mandou que cerrasen a súa horta con muro de formigón. E na marxe deixou quedar a parede de pedra como estaba e mandou facer un muro de coio e cemento por dentro, no seu terreo, para que o muro fose solo del. O muro era aínda máis groso que o de Antón. E custara moitos máis cartos. Luis mirouno e ficou contento.
E tempo andando veu destinado para aquel pobo un mestre novo, que nacera en Santiago. E chamáballe moito a atención aquel lugar con tantas paredes xuntas. Un día non puido aguantar máis e preguntoulle ós veciños qué era aquelo. Eles explicáronlle que en tempos fora unha pequena horta chamada a HORTA DA COTARELA, na que o tío Andrés sementaba fabas. Pero que por mor do minifundio físico e mental e da herdanza das xenreiras acabara converténdose en dúas hortas separadas por tres paredes.
E o mestre botou a tarde enteira pensando na herdanza das xenreiras, no minifundio espiritual, nas hortas de media verza, nos preitos por unha leituga e na Galicia das tres paredes. E cando chegou a noite dixo para os seus adentros: eu xa non entendo nada.
(Juan 04-02-2005)
"Lo que convierte la vida en una bendición no es hacer lo que nos gusta, sino que nos guste lo que hacemos." (GOETHE)
"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)
TOP: Ir al INICIO de esta página
Benvid@, a Galicias.com