| Galicias.com: una casa para todos |
A NEVE E OS LOBOS
Este relato foi publicado na revista AURIA do mes de xaneiro de 2010. Esa revista véndese co periódico LA REGIÓN, o derradeiro domingo de cada mes.
Ano 1962. Eu daquela vivía en Camba, unha pequena aldea do concello de Laza (Ourense), acubillada no colo das montañas, a mil cen metros de altitude.
Nos primeiros días de xaneiro tiven que baixar a Verín. Erguinme cedo. Aparellei a mula. Metín no zurrón media peza de pan, unha boa tallada de carne, e un cuartillo de viño, e un pouco de penso para a mula. Cando ía de viaxe non me gustaba que nin ela nin eu pasásemos fame...
Cando saín de Camba aínda era noite cerrada. Sabido é que no inverno os días son pequenos, e para ir e volver a Verín cumpríame ben o tempo.
Vestín a capa polo capelo, montei dacabalo da mula, e botei a andar. Un vento espido e frío cortaba o escuro silencio da noite. Pouco a pouco foi morrendo a noite, para deixar nacer o día. A luz empezou a medrar e foi descubrindo as formas das cousas. Estaba aneboado, pero o sol, teimudo, empezou a fozar no ceo, e fixo un burato polo que asomou a súa cabeza para chiscarme un ollo.
Cando cheguei a Fontefría xa era día grande. Algunhas chemineas xa botaban fume. A mula parou para beber nunha fonte. Aproveitei para meter a man no zurrón e darlle unha “mada” de penso. E seguimos andando.
En Verín parei no comercio do Amador. Comprei a mercancía que precisaba. E, como xa era mediodía, convidáronme a xantar con eles. Aceptei. Metéronme a mula no curral e botáronlle un feixe de herba.
Cando rematamos de xantar o reloxo deu as cinco. Pedíronme que me quedase a durmir con eles e que deixase o viaxe de volta para o día seguinte, que se me ía facer tarde... Eu agradecín a invitación, pero díxenlles que tiña que volver, porque me precisaban na casa.
Sen perder tempo, despedinme, volvín aparellar a mula, coloquei a mercancía nas alforxas, montei dacabalo, e botamos a andar...
Cando cheguei a Fontefría xa era noite. O Antonio da Isaura volvía para a casa, despois de botarlle a cena ás vacas, e cando me viu saudoume.
- "E lo, para onde vas a estas horas, Andrés?".
- "Veño de Verín e vou para Camba".
- "Pois non son horas para ir para Camba. Pódente comer os lobos nesas serras. Apéate e vente comigo. Métoche a mula no meu curral, e esta noite dormes na nosa casa, e mañá continuas o viaxe".
- "Non podo. Teño que marchar, porque me precisan na casa."
- "Mellor será que lles chegues mañá vivo e non que te coman os lobos esta noite. Anda, non sexas tolo, quédate con nos".
- "Moitas grazas pola invitación. Pero vou seguir. Teño boa cabalería. E levo a escopeta para defenderme dos lobos. Así que se Deus quere non vou correr perigo".
- "Fai como vexas, pero eu quedaba mais contento se quedases a durmir na nosa casa".
- "Graciñas, pero vou seguir".
- "Vale, pois logo, que Deus te acompañe".
Seguín. Conforme me ía afastando das casas a negrura da noite íase facendo cada vez mais grande. O ceo estaba completamente encapotado, e nel non se vía nada, nin lúa nin estrelas... Todo era escuridade. Menos mal que a mula sabía ben o camiño e camiñaba aínda que non houbese nada de luz.
O aire asubiaba con forza. Cando levaba mais ou menos unha hora andada botouse a nevar. A mula parouse. Como facía tanto aire, a neve batíalle nos ollos e non a deixaba camiñar. "Arre. Arre"... Ela daba uns cantos pasos e volvía a pararse. "Vamos, muliña, vamos. Que non podemos quedar aquí toda a noite". Ela volvía a camiñar un pouco.
De repente a mula parou en seco e negouse a seguir. Eu apeeime, collina do ramal, e tirei dela cara adiante... E neso vin catro luciñas redondas, emparelladas de dúas en dúas... Comprendín: eran os ollos de dous lobos. Botei man da escopeta, apuntei, e dispareilles un tiro... As luces pegaron un salto, pero seguiron estando alí. Estaba claro que non lle acertara. Mirei e vin que me quedaban aínda tres cartuchos. Pero pensei que sería mellor non malgastalos. Respirei fondo. E seguín camiñando, coa mula de ramal. As catro luces apartáronse un pouco do camiño, e deixáronme pasar... Seguía nevando. Cada vez máis.
A neve foi medrando, e chegou un momento en que xa non se distinguía o camiño. Volvín montar dacabalo da mula, para ver se ela era capaz de orientarse mellor ca min. A un lado, un pouco apartadas de nos, volvín a ver as catro luces. A mula camiñou un pouco, pero logo volveu a parar en seco. Mirei e vin outros dous pares de luces diante dela. Agora había catro pares de luces, dous diante e dous a un lado. Catro lobos. E so tres cartuchos. Aínda que non fallase ningún tiro, aínda así quedaría un lobo vivo. Iso se non aparecían mais. "Muliña. Estamos perdidos". A mula non contestou. Seguía nevando. Púxenme a rezar un "padre nuestro". Cando rematei, volvinme apear, collín o ramal da mula e tirei dela.
Andabamos sobre a neve, sen saber moi ben cara onde íamos. Os lobos seguíannos a certa distancia, pero de momento sen facernos fronte. A escuridade era total. Cada vez estaba mais perdido e desorientado, sen saber onde estaba nin cara onde quedaba Camba. Non sabía se estaba camiñando ó dereito ou ó revés... Parei para intentar pensar un pouco... Pero nese momento os lobos oulearon, e pareceu como se o ceo enteiro se estivera rachando... Estremeceume o corpo enteiro. E notei como dentro se me puña o sangue frío e duro coma un carambelo... Botei a andar, sen saber cara onde... Camiñaba coma se estivera fuxindo da morte... A mula, calada, seguía detrás de min... Estaba resignada. Ela ben sabía que os lobos a ían matar a ela antes de matarme a min. Hai unha lei moi vella que di que o lobo non ataca ó home mentres teña animais aos que atacar. Por iso morren na boca do lobo tantas ovellas e tan poucos pastores...
De repente, no medio da escuridade, tropecei cunha parede... Unha parece moi alta. Coma se fora dunha casa. Empecei a apalpar, para ver de qué se trataba... Topei unha porta de madeira. Abrina. E entrei coa mula. Volvín cerrar. Os lobos quedaron fora.
Alí dentro non había neve. No chan había uces e esterco. Estaba claro que era un curral dos que hai no monte, nalgunhas tapadas, para meter de noite o gando, nos meses do verán... Nese momento o que máis precisaba era un misto... para acender o lume, para quentarme. Sabía que non levaba ningún. Pero aínda así mirei e remirei no zurrón e en todos os petos, por ver se por un milagre aparecía algún. Pero non. Non apareceu ningún.
Senteime. Abrín o zurrón. Collín o penso que quedaba e dinllo á mula. Despois púxenme a comer a media peza de pan e a tallada de touciño. Aínda me quedaban un par de grolos de viño, que me deron calor, e desconxeláronme o sangue.
Despois senteime. A mula deitouse, coa albarda posta. Non me sentín con forzas para desaparellala. “Aterido”, deiteime enriba das pernas da mula e abrazado á súa barriga. Facía moito, moito frío e deste xeito dabámonos calor un ó outro. Estivemos así moito tempo. Pero o frío ía cada vez a mais. E, agora que estabamos a salvo da boca dos lobos, parecía que íamos a morrer co frío. Notei que estaba xa medio entumecido. Decidín levantarme e moverme un pouco. Nese intre vin que entraba un pouco de claridade.
Entón abrín un pouco a porta, e comprobei que parara de nevar. E que o ceo xa non estaba tan encapotado, senón que deixaba pasar un pouco da luz da lúa e das estrelas... Nese momento recoñecín o sitio: estaba no curral das Amadas, que era dun veciño de Toro. En pouco mais dunha hora podía chegar a Camba camiñando. Collín a escopeta e saín a fora. Non vin os lobos por ningunha parte. Empecei a orientarme cada vez mellor. Mais ou menos sabía cara onde tiña que camiñar para acercarme a Camba. Levantei a mula, collina de ramal, e puxémonos a andar...
Cando xa levabamos un bo cacho andado, ó lonxe vin unha luz. Pois aquilo ten que ser Camba, pensei. Facía aínda menos dun ano que chegara a luz eléctrica. Empecei a camiñar dirixíndome de cara aquela luz.
Cando cheguei, metín a mula no curral, e subín para a casa. Estaban todos durmindo. Deiteime sen facer ruído. Pero a miña muller espertou.
- "Andrés, es ti?"
- "...".
Eu quixen falar pero non fun capaz de contestarlle. Ela acendeu a luz. Miroume...
- "Andrés, estás ben?".
- "..."
- "Qué che pasa?"
- "..."
Non fun capaz de dicir nin palabra. Ela deume un abrazo, volveume mirar, e dixo:
- "Polo menos estás vivo. A fala hache de volver, se Deus quere. Agora durme e descansa".
E colleume o sono.
Ao día seguinte, cando espertei, xa pasaba do mediodía. Estaba todo mazado, coma se me deran unha malleira.
A miña muller deume algo de comer. Miroume e díxome:
- "Cómo te encontras, Andrés?"
- "..."
Eu comín, pero non fun capaz de pronunciar palabra. Estiven varios días así, na cama, comento e durmindo, sen poder dicir nada. Tardei oito días en recuperar a voz.
- "Amalia!", chamei.
- "Vaia, xa pensabamos que non ías a volver a falar nunca máis!. Dime, qué queres, Andrés?", díxome a miña muller.
- "Se queres ven, que che conto o que me pasou".
Ela sentouse a escoitar. Eu conteille todo o que me pasara o día da viaxe. E cando rematei, o tío Lucas, que tamén estaba alí escoitando, dixo:
-"Pois foi o medo tan grande que pasaches o que che fixo perder a fala. E menos mal que non te matou. Porque o medo, cando é moi grande, pode chegar a matar".
(Juan, 06-01-2010)


"Lo que convierte la vida en una bendición no es hacer lo que nos gusta, sino que nos guste lo que hacemos." (GOETHE)
"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)
TOP: Ir al INICIO de esta página
Benvid@, a Galicias.com
Contador