Galicias.com: una casa para todos |
A MORTE DO TÍO
Outono. Tempo de ir morrendo lentamente.
Morreu. Xa pasaba moito dos noventa.
Non era novo. Pero sempre é cedo para morrer
cando aínda tes quen te queira.
A súa filla,
o seu xenro, a súa irmá, os seus sobriños...
e moitos máis.
Unha familia longa, grande, e moi querida..
Non lle faltaba quen o quixese.
Pero chegoulle a hora. Foise apagando lentamente.
Sementando de paz o seu derradeiro rastro.
Palpando a presenza dos seus.
Despediuse, pechou os ollos, mirou para dentro,
e deixou que suavemente se lle fose parando o corazón.
¡Ese corazón tan grande, que tanto amor tiña dado!
"El pagou e nos debemos".
Choramos en silencio. Sentimos o burato,
o cavaxón escuro no medio da alma rota.
Dóennos as raíces caladas da infancia,
dóenos dentro, moi dentro,
nas fontes onde naceu o noso sangue primeiro.
Choran calados os paxariños de Camba.
Choran nas casas, nas hortas, nos lameiros,
nos soutos e nas carballeiras.
Choran nas tapadas de Garcianas,
e nos regos, nos camiños e nas ladeiras.
Choran os coitelos e as gadañas
porque xa non queda quen os afíe como Deus manda.
Choran os escanos das cociñas
lembrando aqueles amenceres
nos tempos da matanza.
Choran os soños e as lembranzas.
E o tío, sereno, cos ollos pechados,
dorme, escoita e cala...
Sempre soubo que lle queríamos
e xa non o sorprende nada.
Desata o últimos fíos
que o xunguían con este mundo
e vaise, vaise voando
para xuntarse con moitos dos seus
que Alá o están esperando.
Outono. Apágase o lume da vida.
Pero o amor non morre nunca:
¡renace sempre das cinzas!.
(Juan, 21-10-2010)
"Lo que convierte la vida en una bendición no es hacer lo que nos gusta, sino que nos guste lo que hacemos." (GOETHE)
"No me resigno a que, cuando yo muera, siga el mundo como si yo no hubiera vivido" (Pedro Arrupe)
TOP: Ir al INICIO de esta página
Benvid@, a Galicias.com