galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> Rúas do Carballiño

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES
RÚAS DO CARBALLIÑO

Inicio
 

ARENTEIRO

AVENIDA DO ARENTEIRO

 

Beira do río Arenteiro, por debaixo do Parque Municipal, discurre esta avenida que ten arredor dun kilómetro e medio de lonxitude, dende o Balneario do Carballiño ata a zona da Piscifactoría. Un fermoso paseo.

Está claro que o que deu o nome a Avenida do Arenteiro foi o río do mesmo nome ó que vai pegada.

O río Arenteiro é afluente do río Avia, que á súa vez é afluente do Río Miño.

O río Arenteiro nace na Peña de Francia, a 840 metros de altura. Ainda que nesto non hai unanimidade pois hai tamén quen defende que realmente o río Arenteiro nace enriba do lugar de A Cabana, un pouco máis arriba do lugar de Arenteiriño, e que o río que ven da Peña de Francia é afluente do Arenteiro... Este río que nace na Cabana coñécese en algúns mapas co nome de Rego da Fervenza.
O Arenteiro ten varios afluentes, entre os que destacan o Mirela ou Oseira e o Varón, pola esquerda, e o Pedriña pola dereita... Finalmente o Arenteiro desemboca no Avia, na zona de Pazos de Arenteiro.

O nome de Arenteiro é moi importante en toda a comarca, ata o punto de que moitas veces ó Carballiño coñécelle polo nome de Vila do Arenteiro, e incluso a comarca do Carballiño tamén é coñecida como comarca de Arenteiro. E hai outros lugares que levan o nome do río,como son Arenteiriño, Arenteiro, e Pazos de Arenteiro.

FRUTOS FERNÁNDEZ GONZÁLEZ, no seu libro OS NOMES DO RIBEIRO, estudia con detenimento este topónimo. E cóntanos que xa no ano 1155 aparece documentado o nome de "...flúmine Arinterio...". E que parece que o Arenteiro é o nome dun río do que se extraía algún metal, que non necesariamente tiña que ser prata...

Para Carballiño o Arenteiro é como a alma, como o corazón, como o pulmón... Un longo paseo de varios kilometros percorre as súa beiras, dende a zona do Muiño das Lousas ata a zona do Cuartel da Garda Civil. Fai uns anos adecentouse este paseo. E agardo que os gobernos presentes e futuros seipan coidalo con mimo, pois é un espazo fundamental para o futuro da Vila do Carballiño.

 

O LUGAR DE NACEMENTO DO RIO ARENTEIRO


En varias páxinas de internet se di que o río Arenteiro nace na Pena de Francia, a 840 metros de altitude.
Pero esto non parece que sexa certo.

Hai varios criterios para determinar o lugar de nacemento dun río:
- O punto do río máis alonxado da desembocadura.
- O punto do río que ten maior altitude.
- O lugar onde nade o ramal máis caudaloso do río .
- Etc.

Hai veces nas que é difícil saber cál é o río principal e cal o afluente. E esta dúbida pódese prantexar tamén no caso do Arenteiro. Por iso hai quen defende que o verdadeiro río Arenteiro é o que nace na Pena de Francia.
Pero a nos parécenos máis certo que o verdadeiro río Arenteiro é o que nace enriba do lugar de A CABANA, no concello de San Cristovo de Cea. Os argumentos en favor desta teoría son os seguintes:
- Que este é o ramal que máis auga leva.
- Que aquí tópase o punto do río que está mais lonxe da súa desembocadura, pois este ramal é bastante máis longo que o que procede da Pena de Francia.
- Que este ramal despois de pasar polo pobo da Cabana chega ó pobo de Arenteiriño, punto no que o río empeza a tomar corpo. E o ramal que ven da Pena de Francia non pasa polo lugar de Arenteiriño.
- Que os veciños dos pobos próximos á cabeceira do río están de acordo en que o río Arenteiro nace na Cabana e pasa polo Arenteiriño. E incluso os veciños que viven nos pobos bañados polo outro ramal están de acordo con que o verdadeiro río Arenteiro é o que ven da Cabana.

Así pois, na nosa opinión, o río Arenteiro nace no Concello de San Cristovo de Cea, no medio dun prado chamado CUBOS, no lugar coñecido como ENTREASPRESAS, un pouco máis arriba do pobo de A CABANA, e un pouco máis abaixo do cumio coñecido como PENA BICO.
Contan os veciños de A CABANA que o prado onde nace o río Arenteiro é actualmente propiedade dun veciño de Confurco que se chama Modesto Fernández.

 

 

O RIO ARENTEIRO: UNHA FONTE DE LECER.


Os ríos son camiños de auga. Pero son moitas cousas máis. Un río é tamén un eixe xeográfico arredor do cal se forma unha conca fluvial, todo o cal inflúe no clima, na economía, na flora e na fauna, etc.
E, entre outras moitas cousas, un río é tamén unha fonte de lecer. Ó redor do río desenvólvense diversas actividades: pesca, natación, senderismo...
Aquí imos falar das posibilidades que ofrece o río Arenteiro para a práctica do senderismo.
Son varias as rutas que se poden organizar tomando como referencia o río.
Unha, que ainda está sen sinalizar, pero que non ten perda posible, é a que sae do Carballiño, e vai subindo pola marxe dereita. Pasa polo Bañiño de Arcos, e logo segue, río arriba, sempre á beira do río. Cando se chega a unha Ponte crúzase o río e logo baixase pola outra marxe do río. Seguindo sempre a senda dos pescadores. O percorrido é moi fermoso. E vaise sempre á sombra e respirando o fresco da auga que corre polo río abaixo. Finalmente remátase de novo na Vila do Carballiño.
Outra ruta, que xa está sinalizada e que vai dende O Carballiño a Pazos de Arenteiro. Trátase dun roteiro moi fermoso, de uns 12 km de lonxitude, que é moi frecuentado polos afeccionados a esta práctica deportiva.
Son moitos os grupos que teñen percorrido esta ruta. Aquí temos o relato da camiñata feita por un destes grupos o día 11 de febreiro deste ano 2006:

Día 11 de febreiro de 2006. Mañán fermosa, fresca e soleada. Club Peña Trevinca e Caixagalicia organizan unha andaina por terras do Arenteiro.
A camiñata empeza en Carballiño, na Piscifactoría, polo sendeiro que vai cara o Muíño das Lousas, beira do río Arenteiro.
Os camiñantes pasan ó pé da pena dos namorados. A pena aínda está durmindo, pois as pedras son preguiceiras e sempre dormen ata moi tarde, pois gústalles pasar as primeiras horas do día lembrando os bicos que se deron os paxaros na tardiña anterior. E a pena dos namorados garda no seu corazón moitos recordos de bicos de amor e por iso dorme ata moi tarde. Contan algunhas lendas que ás veces se pasa incluso días enteiros sen despertar e que empata unha noite con outra enlazándoas cunha ponte de soños de luz.
O Muíño das Lousas saúda ós camiñantes e invítaos a botar un vistazo ó Muíño do Anxo, onde unha rapaza fermosa e madrugadora agarda ós visitantes para ensinarlle o museo etnográfico. Pero non se pode perder moito tempo. Polo que a visita ó museo queda para outra ocasión.
Crúzase o río Arenteiro pola ponte que está porriba do Muíiño das Lousas. Escaleiras de madeira. Fórmase unha longa ringleira de camiñantes. Fai sol.
Vólvese a cruzar o río pola ponte de Godás. Logo o sendeiro de terra conduce por unha longa e suave subida. Curva á dereita. E unha pequena e alegre baixada, camiño da Ponterriza. Escoitase a conversa das flores cos paxaros. Un xílgaro está falando cariñosamente cunha prímula. Son palabras alegres, inocentes, intranscendentes... Palabras de paxaro que está contento porque fai un bo día. Palabras de quen non pensa mais alá do momento presente.
Na Ponterrriza hai unha parada na Ponte. A auga do río sigue pasando rutinariamente por debaixo dos ollos da Ponte, coma se non pasara nada. Arriba os camiñantes miran o río, falan, cóntanse cousas... Xa case que non se escoita a conversa da prímula co xílgaro.
O fermoso cruceiro da Ponterriza mira calado como pasan os camiñantes e como se fixan nos curiosos baixorelieves da súa base.
No medio do pobo tórcese á esquerda. Vense uns fermosos hórreos. E un poboado de colmeas á dereita. Un fermoso sendeiro conduce camiño de Moldes, primeiro llaneando e logo subindo un pouquiño.
En Moldes toca unha pequena parada. Comer unha froita. Falar un pouquiño. Facer algunhas fotos. E volta a camiñar.
Despois de subir un pouco por un sendeiro de terra, empézase de novo a baixar para chegar ó pobo de Paradela de Moldes, onde se pasa pola beira da fermosa casa que rehabilitou o director de cine Don José Luis Cuerda, un home que se fai querer e que transmite paz e ledicia onde quera que se atopa.
Os camiñantes baixan logo camiño de Castro Cavadoso. Pasan beira do que foi o Castelo, que agora xa apenas se ve. Admiran a ponte pola que novamente volven a cruzar o Arenteiro. E soben lentamente por sendeiro de terra ata chegar á estrada que rapidamente os conduce a Cabanelas. Unha pequeniña parada en Cimadevila, beira do Pazo dos Mora. E logo búscase un lugar para comer. ¿Cal?. O camposanto da igrexa de Cabanelas. Algún camiñante non leva comida. Antes de chegar ó cimenterio pasa a furgoneta do panadeiro, que para e véndelle bolos de pan a quen os quere comprar. "Habendo pan non hai fame", dicía o tío Juan Antonio, despois de vir de Cuba onde estivera emigrado.
A comida no camposanto resulta moi agradable. Hai incluso quen acende lume para asar chourizos. Hai quen come mazáns. Hai quen come pan con chocolate. Hai quen ofrece compartir a comida que leva. E todos reciben o suave e garimoso beixo do sol. Fai un día moi fermoso.
Despois de comer e de charlar un pouco, os camiñantes baixan a Fondo de Vila e collen o camiño que os leva a Pazos de Arenteiro. Unha fermosa senda de terra que pasa polo medio dunha alucinante carballeira na que a luz do sol xoga ó escondite coas follas das árbores. Na ponte de Pazos hai outra pequena parada. E decídese facer a senda que conduce ó Pozo dos Fumes, o lugar onde nacen moitos soños. As troitas están despertas e miran con curiosidade ós camiñantes. E unha troita vella dille a outra mais nova: "gústame moito ver os humanos contentos e despreocupados, andando á súa vida, sen mirar para nos, e sen levar canas de pescar". A troita nova dille: "pois a min gústame cando ven coa cana e cando me intentan pillar, e gústame xogar con eles a comerlles o cebo sen morder a anzuelo". A troita vella pensa: "A mocidade sempre foi igual. E sempre será igual. Ten que ser así".
No Pozo dos Fumes os camiñantes disfrutan da fermosura do lugar. Cantan os paxaros. Vese o ceo moi cerca, tanto no aire coma na auga. Hai quen abre a mochila para enchela de aire do lugar, coa idea de gardalo na súa casa por un tempo. A verdade é que o aire é puro e bó.
Pasamos logo por Pazos, onde nos sorprende unha vez máis a Casa do Médico, a casa do Centro de Estudios Chamoso Lamas, o Pazo dos Cervela co seu esplendoroso escudo, a rehabilitada Casa da Encomenda, e moitos outros Pazos. Está claro que este pobo merece o nome que leva. Non pasa desapercibida, por suposto, a Igrexa de San Salvador, coas súas dúas fermosas portas e co seu ábside.
Cruzamos o río Avia por unha fermosa ponte e facemos un pequeno desvío para admirar a Ponte dos Franceses, cargada de historias e de lendas.
Volvemos e empezamos a subir por un sendeiro moi empinado. De cando en cando paramos para descansar, mirando como cai lentamente a tarde sobre o fermoso pobo de Pazos. Pasamos logo por un pobo abandonado. Non coñecemos nada deste misterioso pobo. ¿Por qué o construíron? ¿Por qué o abandonaron? ¿Canto tempo fai que se foi o derradeiro veciño? Non coñecemos nin tan xiquera o nome deste misterioso pobo. Pero como está abandonado non topamos ningún veciño a quén preguntarlle.
Seguimos camiñando e chegamos a Lebosende. Baixamos por unha vella calzada de pedra e, nun periquete, chegamos a Leiro. A ruta terminou. Algúns quedan para cenar. Outros vanse en autobús. E outros vanse para a casa pola súa conta.
Un día realmente fermoso. E todos os camiñantes quedan admirados e sorprendidos coa fermosura da ruta e dos lugares polos que pasa. Esta ruta nunca defrauda a ninguén.

(01-11-2015)

 

Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador