galicias >> Galicia

Convivio 2005 no Solar de Serrade


CONVIVIO

     Portugal. Solar de Serrade. No fogar de Adriano Pereira Afonso. 14, 15 e 16 de Outubro do ano 2005. Trinta e tantos soñadores xuntos. Soñadores e realistas a un tempo.

Solar de Serrade, un pazo cerca de Monçao.

     Os que saben lembran que este é un soño que ven de moi lonxe. Debe andar xa polos trinta anos. En Vigo, nun caldeiro ateigado de terra viguesa e ourensana amasada nunha soia alma, un trasno bo e xeneroso enterrou unha semente. Alma galega. Logo regada con fe, con mimo e con cariño. Fe no futuro desta nosa Terra. Fe nas suas xentes. Nos homes e mulleres de Galicia. Mimo de moitos amigos que sempre coidaron a semente, acariñándoa no seu peito días e noites, de vran e de inverno. Cariño: amor á Terra, á Lingua, á Cultura, á Patria, ó Pais. Amor á xente.

    Así naceu e foi medrando a FUNDACIÓN PREMIOS DA CRITICA DE GALICIA.

     E ano tras ano, esta estrela fermosa de galeguidade sigue brilando con forza no ceo do noroeste.

     A Fundación tivo varios fillos. Dela naceron outras asociacións e fundacións culturais galegas. Pero ela segue sendo a mai. E o corazón desta mai lévao Pepe dentro do seu mesmo corazón. Sangue dentro de sangue. Paixón. A voz rotunda que canta: somos galegos, defendemos Galicia, creemos en Galicia, amamos Galicia e queremos que Galicia sexa cada vez mellor. Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Somos galegos, somos amigos, somos irmáns...

     Amigos todos. Homes e mulleres. Trinta e tantas persoas. E unha soia alma: Galicia. Por eso estamos xuntos. Falamos. Escoitamos. Pensamos. Facemos proxectos. E, sobre todo, reafirmamos a nosa fe nesta terra e no seu futuro. Agardamos un futuro galego para Galicia, un futuro próspero, un futuro no que se coide o medio ambiente, a lingua, a cultura, a economía... e a xente. Un futuro de paz e prosperidade no que convivan en harmonía as mulleres, os homes e a terra. Un futuro no que Galicia sexa cada vez máis fermosa e no que os galegos e galegas se sintan ben.

     Galicia. Mai garimosa. Caricia de ouro: verde e auga. Paisaxe. Liberdade. Misterio. Fermosura interior. Mirada tenra, intensa, chea de paz e vida. Mirada de luz e diamantes. Sorriso doce, fresco, limpo, claro e fondo, sorriso transparente que nos cofea a ialma. Fonte de ledicia na que nacen as augas que foron tecidas no principio dos tempos no corazón mesmo do planeta terra. Eses ollos, eses beizos, ese rostro ... esa chispa que nos encende a ledicia dentro. Caricia da vida no eixe do noso corazón. Soño fermoso e redondo froito dun bico do ceo no mundo. Dozura, luz e vida. A nosa loita, o noso soño, o noso amor, a Nosa Mai: Galicia.

     Galicia é a nosa bandeira. E por ela nos xuntamos. E xuntos por Galicia palpamos outros ceos e bebemos tamén de paso a auga doutras fontes: amizade, parola, chistes, contos, cancións, risa, felicidade... Compartimos xuntos soños e realidades. Tempo de ledicia, de paz, de luz...

A música non faltou.

     Solar de Serrade. O Pazo sereno e solemne no medio das viñas. A adega moderna. O viño estupendo. E o dono, Adriano, que soupo facer do seu Pazo un fogar para todos nos. Foi un abrazo do cosmos.

     E no medio deste mundo de brétema e soños estiveron as persoas de carne e oso explicando tamén proxectos tanxibles, reais, realizables: poñer en marcha a publicación dunha revista, organizar un Foro Enrique Peinador para xuntar nel a empresarios que queiran botar na horta das suas empresas a semente do amor a Galicia, recuperar un camiño nas terras do Couto Mixto, educar á mocidade no repecto ó medio ambiente e no amor a Galicia, orgnizar unha viaxe en barco para vivir e sentir a fondo o litoral galego, facer un diccionario da paisaxe galega... Estas e outras moitas cousas están en proxecto.

     O convivio foi unha tormenta de ideas. Pero sobre todo foi un lugar de encontro. Unha luz, un soño, un beixo... un amor compartido: Galicia.

Dibuxo que o pintor Antón Pulido fixo de Adriano (o dono que fixo do seu Pazo un fogar para todos nos).
O convivio foi tamén unha fiestra aberta ó futuro.

No libro de firmas do Solar de Serrade Antón Pulido fixo un dibuxo e Xesús Ferro escribiu este texto que asinamos todos:
"A casa de Serrade é froito da enerxía rexeneradora de Adiano Pereira Afonso, que encheu de vida e elegancia e rendibilidade pedras e terras de Macedo.
A este lugar viñemos un fato de galegas e galegos a avivalo soño común dunha Galicia viva, elegante e rendible, construida con traballo e cordialidade.
O espíritu de Adriano casa ben, moi ben, co noso. Por iso vimos con gusto e volveremos.
14-16 Outubro 2005"

Estas son algunhas fotos de participantes no convivio.

 

     Foi un convivio: unha xuntanza de xente que ten en común o amor a Galicia e ás suas xentes. Foi unha festa de galeguidade. Aquí estivemos para recargar as pilas. Pero a vida segue. Agora ven o tempo da realidade: cada un no seu oficio tentaremos facer o noso traballo o mellor posible para colaborar a que Galicia sexa mellor. E, cada un co seu carisma, seguiremos traballando tamén por Galicia no noso tempo libre. Día a día seguiremos camiñando con pasos reais e concretos polos mil sendeiros que conducen a ese soño que compartimos: Galicia fermosa, moderna, renovada, viva, puxante, cordial, próspera... Fogar quente e garimoso: ¡¡¡Galicia!!!.

 

(Juan, 16-10-2005)

 

 

Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


Benvid@, estás na túa casa

©Juan Rúa. Contador