Este universo é obra
dun Deus;
pero os camiños son dos meus avós.
Meu camiñante, andar é sagrado:
pisas e bícate quen xa morreu.
En cada treito alentan almiñas
que traballaron pensando en nós,
que o asentaron con moito esforzo,
ou que o abriron pasando por el.
Sinte o cariño nas plantas
dos pés.
Porque as almiñas deixáronche amantes,
pra alumearen a noite en que vives,
vida, palabra, vieiros e fe.
Meu camiñante, vivir
é misterio.
Anda e terás liberdade e luz.
Anda, camiña, escoita o silencio:
montes e vales xa falan pra ti
Anda, camiña, respira coa Terra.
Ti es consorte do Sol, da andoriña.
¿Que hai detrás do misterio da vida?
Non hai resposta mellor có solpor.
Tralo ronsel que deixaba o Sol,
paso a pasiño veu vindo a xente;
crente ou curiosa, chegou a esta terra,
Porta do Mar, par do Niño do Sol .
Africa, Troia, o Rhin, o Danubio
viñeron mirar se o Sol non morría.
Dorme tranquilo, arrólao o mar:
este é o ouro das nosas mazás .
"Dorme, non morre "
- volveron cantando -
"nós durmiremos, se somos coma el
limpos e xustos, brillantes, audaces.
Nunca pra nós será triste o solpor".
¡Loba romana, outro ouro
buscabas!
É un metal o que enfeita o teu corpo.
A poesía é adorno da alma.
Só para ti foi un chasco chegar.
¡Mala cegueira a quen
cegue os camiños!
¡Que un mal agoiro lle boure no coiro!
¡Ende morrendo, que lobos o coman!
¡Nunca el chegue ó Niño do Sol!
(Xesús Ferro, Os papiros do Medulio)