galicias>> instituto de estudios carballiñeses >> Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón

INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES
ÁGORA DO ORCELLÓN

Inicio
Ïndice de Artigos de ágora do Orcelón
 

Entrevista a DON CARLOS VARELA GARCÍA

(publicada no número 10 da revista ÁGORA DO ORCELLÓN)

 

DON CARLOS VARELA GARCÍA,
FISCAL XEFE DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA


     Imos comezar polo principio da súa traxectoria vital: ¿Cando naceu vostede e cal foi o seu lugar de nacemento?

     Nacín na rúa do Cuartel Vello, no Carballiño, o 22 de abril de 1956.

     ¿Onde pasou os seus primeiros anos de infancia? ¿Que recorda desa etapa, dos seus compañeiros de xogos, dos seus primeiros mestres...?

     A miña infancia desenvolveuse sempre no contorno do grupo escolar e na rúa Calvo Sotelo. O patio do grupo e os cobertizos foron o meu lugar de xogos infantís por mor de vivir na casa dos mestres dende os 5 ós 17 anos. Todos os rapaces desa rúa, que pertenciamos á mesma xeración, fomos compañeiros de xogos; estou a falar dos membros da familia Facal, Manuel Díaz (Pericocho), Mauro Javier, Alfredo e David. Como veciños máis próximos tiña a familia de don José Campos; foi a través de dous dos seus netos Carlos e Milagros como coñecín e gocei das mazás, das cereixas, das castañas e dos marmelos que tiña na súa grande finca. Tamén algunha vez sufrimos das súas iras cando se nos ía a pelota coa que xogabamos ó fútbol no campo do grupo, e caía nos cultivos de pataca, enseguida nos era devolta cunha raxadoira pola metade. Outro dos lugares por onde discorreron os xogos da miña infancia foron a finca da familia Arocas e o río Carrás.
     En canto aos meus mestres, nesta etapa non tiven outros que non foran meus propios pais.


     Hai algún tempo, nunha entrevista que se lle facía a unha persoa coñecida, esta afirmaba que “un é do lugar onde fai o Bacharelato”, pola importancia que ten esta etapa na vida persoal. ¿Comparte vostede esta opinión? Fáleme un pouco dos seus anos do Bacharelato, das súas amizades neses anos, das súas inquedanzas na adolescencia...

     Eu fixen o ingreso e os primeiros anos de Bacharelato por libre no Instituto de Ourense. Despois no ano 1968 fun para Santiago cos meus irmáns. Alí no instituto Arzebispo Xelmírez, hoxe sede da administración autonómica, fixen dende segundo de Bacharelato ata o COU. Foi unha etapa transcendente da miña vida pois naqueles tempos non era normal que un rapaz de doce anos se fose a estudar a Santiago e vivise nun piso cos seus irmáns maiores e outras persoas. Ó principio pasei malos momentos pois estrañaba moito a casa, os meus pais e as amizades. Pouco a pouco funme adaptando; sen embargo facía todo o posible por vir as fins de semana Ó Carballiño, onde comecei a incrementar a relación de amizades coa extensión do meu universo infantil que xiraba ao redor da rúa Calvo Sotelo.
     A partir de aí entrei en relación co Xulio Álvarez, co Manuel Amil, co Xosé Pérez, co Antonio Chan, Piteira e moitos máis que xa foron unha referencia permanente durante toda a miña xuventude e nos distintos eidos de concorrencia: partidos de fútbol entre o Racing e o Atlas, baños na presa do “Cuco” e na “Piscifactoria”, festas de verán e actividade político-cultural. Nesta etapa de Santiago tiven a oportunidade de coñecer a fervenza cultural do momento, asistindo aos concertos de Voces Ceibes e José Afonso, entre outros, que tiñan que celebrarse clandestinamente.


     Parece que hai unha opinión bastante xeneralizada de que a mocidade actual é menos reivindicativa que a da época que a nós nos tocou vivir. ¿A que cre que se debe isto?

     A etapa da mocidade está moi condicionada polas circunstancias de todo tipo que nese intre lle afecten e particularmente polas inquedanzas do momento. A mellora do nivel de vida trae consigo novos hábitos; amplía os círculos de relación, a facilidade para viaxar, a tecnoloxía, a comunicación a través de internet e moitas outras cousas propias deste mundo globalizado que na nosa xuventude nin soñabamos. Pasamos, pois, dun pequeno universo local a ter acceso practicamente a todo. O importante é que no paso a esta etapa de benestar non se desactiven as potencialidades creadoras e reivindicativas da nosa mocidade. Ocorre que en moitos casos aos fillos queremos darlles todo feito e deste xeito implementamos neles a pedagoxia de que acadar as cousas non custa ningún traballo; en definitiva, amolecémolos e desarmámolos para facer fronte ás dificultades que se lles van presentar no futuro.


     ¿Por que se decidiu vostede a iniciar os estudos de Dereito e como foi a súa vida de estudante en Santiago? ¿Influíron dalgún xeito os seus pais ou irmáns nesta decisión?

     O meu Bacharelato foi de ciencias, pensando seguir os pasos dos meus irmáns no eido das matemáticas. En coherencia coa miña forma de actuar, decidín dar un viro de última hora decantándome polo Dereito sen ningunha razón aparente e sen influencia do meu círculo familiar. Como eu xa fixera o Bacharelato en Santiago, só tiven que mudar de edificio. No inicio da etapa universitaria xa coincidimos os amigos do Carballiño que mesmamente chegamos a vivir en pisos próximos. Deste tempo do que máis me lembro é da constitución da Agrupación Cultural Avantar, pois a partir de aquí incrementouse o meu círculo de relacións cara a outra persoas que tiñamos inquedanzas comúns pola cultura do noso País e que de non ser por esa circunstancia problablemente non chegariamos a coincidir. Esta etapa marcou moito as miñas vivencias de xuventude xa que foi moi fructífera en todos os aspectos. Sempre procurei ser coherente coa experiencia obtida a partires dela.

     Ó finalizar os seus estudos, preparou as oposicións á Fiscalía; ¿é tan dura como din esta preparación? ¿A que idade aprobou vostede as oposicións e cales foron os seus primeiros destinos profesionais? ¿Que recordos e anécdotas ten desta primeira etapa da súa vida laboral?

     Ó finalizar os estudos universitarios, seguindo os consellos do meu pai, fun facer o servizo militar, que o destino quixo que fose primeiro en Zaragoza e despois en Jaca. Para alí fomos o Antonio Chan e mais eu. Cando faltaban uns meses para rematar, comezou a preocuparme o que ía facer. Antes de incorporarme ó servizo militar, falara con Cándido Conde-Pumpido, daquela xuíz de Primeira Instancia e Instrución no Carballiño, sobre as oposicións. Vindo de permiso, coincidín cunha compañeira de facultade na estación do Auto Industrial en Ourense. Informoume de que estaba preparando as oposicións co maxistrado-decano de Vigo e que se convocaban todos os anos. Ó rematar a mili, decidín probar fortuna e funme para Cangas a preparalas na casa do meu irmán César. Tres días por semana collía o barco de liña Cangas-Vigo para ir dar os temas á casa do maxistrado. Conseguín aprobar no mes de febreiro de 1985, cando aínda tiña vinteoito anos. A casualidade quixo que o meu primeiro destino fose Vigo e concretamente o xulgado do meu preparador. Seguín vivindo en Cangas, aínda que xa formando unha familia. Exercín durante dezaoito anos en Vigo e un en Cambados.

     Vostede é un dos promotores e defensores da utilización da lingua galega no mundo da xustiza. Teño a impresión, non sei se equivocada, de que a situación galega é diferente da doutros lugares, por exemplo Cataluña, onde é a presión da mesma sociedade a que demanda o uso do catalán nas institucións públicas. Parece que aquí non se dá esta circunstancia, ¿por que?

     Certamente isto é así, pero non hai que resignarse. Continuamente, a través da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, estamos a presentar proxectos para que a lingua galega sexa un referente na Xustiza. O último que fixemos foi unha convocatoria para realizar un “plan piloto” dirixido a demostrar que unha oficina xudicial pode funcionar enteiramente en galego sen impedimento de ningún tipo. Para iso traducíronse a este idioma as aplicacións informáticas de formularios xudiciais. Dispomos dun equipo de asesores lingüísticos encargados de dinamizar e animar os órganos xudiciais no uso procesual do galego. Neste proceso resulta fundamental incorporar os avogados e procuradores, pois unha simple mudanza na actitude lingüística dos chamados operadores xurídicos pode facer que o idioma galego avance significativamente no mundo do Dereito. Son optimista e penso que, coa participación de todos, imos obter bos resultados.


     ¿Que lle suxire a vostede o titulo do libro de Xosé Manuel Barreiro Rivas A terra quere pobo? ¿Considera que aos galegos, en xeral, nos falta esa conciencia de pobo?

     Suxíreme as verbas do poeta que escribiu baixo o alcume de Heriberto Bens e expresouna a modo completo nas estrofas:

O pobo quere terra e a terra quere pobo para ser fecundada.
Nunca virá de fora remedio ou espranza.
Se o noso pobo morre, quedámonos sen Patria.

 

     Estrofas que foron musicadas por Suso Vaamonde e que tivemos ocasión de escoitar nunha actuación que, en certa ocasión, nos adicou a un número reducido de persoas no Parque Municipal. Gracias ao Esteban Solleiro que aproveitou a oportunidade para gravala puiden fixalas na memoria.

     Penso tamén que as razón históricas de cada país teñen moito que ver niso. Aquí non existiu unha burguesía que, a modo de clase dirixente e ilustrada, se preocupase de defender con orgullo a propia cultura. Este papel correspondeulles en Galicia ás clases populares que mantiveron a cultura nunha posición de resistencia. O papel das burguesías na sociedade foi moi importante porque contribuíron a vertebrar todos os aspectos da mesma e quizais isto sexa a explicación histórica de moitas actitudes que, noutras circunstancias, non se producirían na nosa terra, entre elas a defensa do propio sinal de identidade sen prexuízo de sermos universalistas, porque no eido cultural a permeabilidade con outras culturas é necesaria. En definitiva, culturalmente falando, hai que deixarse fecundar, aínda que non asimilar.

     Hai algún tempo, o Presidente da Xunta de Estremadura afirmaba nunha entrevista que eles non vivían de subvencións, senón que aproveitaban as súas posibilidades e recursos. ¿Pensa que aos galegos nos falta esa iniciativa colectiva, ese empurrar todos para mellorar a situación da nosa terra?

     A cultura subvencional é necesaria para dar o primeiro empurrón, pero despois hai que aspirar a ser autosuficientes. Sempre queda a dúbida de se os fondos europeos foron ben investidos na nosa terra ou se se podería ter feito de maneira máis produtiva, seguindo, por exemplo, o modelo irlandés que investiu e desenvolveu a tecnoloxía e a investigación propia conseguindo superar a necesidade de seguir a recibir os fondos estruturais e de cohesión.

     Volvendo ó seu traballo, ¿cales son, segundo a súa opinión, os problemas máis graves cos que se enfronta na actualidade a Xustiza en Galicia?

     A xustiza demorada é o maior reto a superar. Nalgunhas ordes xurisdiccionais a situación de carga de traballo e dependencia impide dar unha resposta en tempo axeitado e iso resulta moi desmoralizador para a cidadanía que ve como os seus asuntos se eternizan nos xulgados. Na Fiscalía andamos á procura dun novo modelo organizativo fomentando a especialización e a formación de fiscais en aspectos como o medio ambiente, a siniestralidade laboral, a ordenación do territorio, o patrimonio histórico e os incendios forestais.

     ¿Que proxectos ten vostede para tratar de resolver estes problemas nun futuro?

     O meu reto é a modernización da operatividade da Fiscalía, conseguindo para iso estar ó día no aspecto das novas tecnoloxías, dispondo dunha boa aplicación informática, de bases de datos xurídicas, instalacións axeitadas e espaciosas e a especialización en materias que revisten un certo nivel de complexidade, como a materia urbanística ou medioambiental. Sen deixar á marxe unha nova restruturación da oficina de persoal auxiliar.

     ¿Que dificultades ou impedimentos atopa na sociedade para levar adiante os seus proxectos?

     Fundamentalmente unha concepción obsoleta do que debe ser o Ministerio Fiscal e da súa organización interna. Tamén a falta dunha partida orzamentaria propia que permita acometer proxectos máis ambiciosos e non xere unha continua dependencia, en canto ao fornecemento de medios materiais, da Consellería de Xustiza.

     O feito de ocupar un cargo de tanta responsabilidade, ¿inflúe, dalgún xeito, na súa vida persoal e familiar? Refírome á falta de tempo para levar a cabo as suás afeccións, para estar coa súa familia... Por certo, tamén me gustaría coñecer cales son as actividades ás que se dedica no seu tempo de lecer.

     Inflúe en que as preocupacións son constantes, malia que se consiga establecer un axeitado modelo organizativo. Ao trasladarnos toda a familia a morar na Coruña, procuramos non alterar demasiado o noso sistema de vida. Trato de seguir coas miñas afeccións que son a lectura e o camiñar. Contacto con moita frecuencia co Felipe Senén e sempre procuramos dar uns bos paseos pola beira do mar e a cidade vella.

     ¿Considera que á muller, en xeral, lle resulta máis difícil conciliar a vida laboral coa familiar e persoal?

     Non hai moito falaba con mulleres que me manifestaban a dificultade de conciliar ambos aspectos. Tamén me dicían que había pouca colaboración ou implicación por parte dos seus homes nas tarefas caseiras e mesmamente que case non lles compensaba. A nova reforma do Código Civil impón por lei a distribución dos traballos caseiros entre cónxuxes, inspirándose deste xeito nun principio de reparto igualitario das cargas domésticas. Como ten que ser.

     E xa para rematar, ¿como ve vostede O Carballiño na actualidade e que lles aconsellaría aos carballiñeses para mellorar a situación?

     Ao non vivir nun lugar, pérdese en gran medida a percepción das cousas que máis preocupan neste intre aos habitantes do Carballiño. Desde a distancia pódese intuír cal é problemática da Galicia interior concretada no desprazamento da poboación cara a zonas costeiras ou mesmamente de fóra de Galicia. Isto motiva que a xuventude teña que buscar oportunidades noutros lugares co conseguinte envellecemento da nosa vila. Cómpre, pois, ser imaxinativos e converter o Carballiño nun lugar atractivo para que existan suficientes oportunidades e fixar deste xeito a poboación. Compróbase que as vilas que respectan e protexen os seus contornos naturais teñen unha gran capacidade para atraer a visitantes e iso move as economías da zona.

 

 

Hola Amig@s...


"O que converte a vida nunha bendición non é facer o que nos gusta, senón que nos guste o que facemos" (GOETHE)


©Instituto de Estudios Carballiñeses.

Contador