INSTITUTO
DE ESTUDIOS CARBALLIÑESES |
|||
Na pescuda do significado do topónimo ORCELLÓN
(Gerardo Sacau Rodríguez, Director do Instituto
de
Estudios Vigueses)
Se o lector ten inquedanzas filolóxicas
e quere saber das penurias ás que se veu sometido este humilde servidor
de vostedes, por mor da teima amigable do presidente do Instituto de Estudios
Carballiñeses de que me interesase pola alma do topónimo ORCELLÓN
acochada en eterna meditación desde hai séculos nalgún
lugar preto do Carballiño,suxírolle que tome cómodo asento
e,sen afán de soliviantar a ninguén,eu recoméndolle que
pida unhas boas toradas de polbo á feira acompañadas dunhas rebandas
de pan de Cea. Máis que nada para recuperarse do esforzo da atención.É
terapia axustada para o momento.
As referencias verbo deste misterioso nome ORCELLÓN
van dirixidas case que todas a un castelo que estivo ubicado nas proximidades
da vila do Carballiño ourensán. E así na Historia Compostelana
(editorial.Akal, Madrid) 1994, mandada redactar polo arcebispo Xelmírez,aparecen
as seguintes citas:
I, 68, 43 :“seguro castillo de Orcellón”,
I, 69, 8: ”plaza fuerte e inexpugnable”, II, 42, 69:” prisión
de Gelmírez en el castillo de Juan Díaz llamado de Orcellón”
.(Na nota 246 di: “estaba cerca de Carballino”) .Para a concreta
ubicación, remítese a Suárez-Campelo Historia Compostelana,
ou sexa, Hechos de don Diego Gelmírez, primer arzobispo de Santiago (Santiago
de Compostela, 1950) páxina 126 e a Reylly The Kingdom of León
-Castilla under Queen Urraca 1109-1126 (Primeton, 1982, páxinas 77-78,nota
102).
En la Historia de Ribadavia y sus alrededores
de Samuel Eiján: páxinas 52: “Fortaleza de Orcellón”,
92: “Castillo próximo a Carballiño”, 226: “Salceda
de Orcellón”, 537: Aínda no ano 1825 atribúelle a
Orcellón o pago dun imposto de 976 reais.
No libro Las fortalezas de la Mitra Compostelana
y los irmandiños de A.Rodríguez González II (A Coruña
1984): na páxina 475 fala da destrucción polos irmandiños
do castelo de “Caldelas d´Orzillón”. Repíteo
nas páxinas 478 e 480.
No libro A vida e fala dos devanceiros (escolma
de documentos en galego dos séculos XIII ó XVI) da autoría
de Xesús Ferro Couselo, volume I editorial Galaxia, páx.190 aparecen
as citas xa referidas non ó castelo senón ás terras onde
se asenta: Carta abtorisada tocante al conde de Monte Rey da sua terra e fregesyas
d´Orçellón (1484, setembro 11):...”das freygisyas
de sant Martiño de Cameyja e de Sant Fiis de Brués e de San Mamede
de Gendive que son en terra de Orzillón do Reyno de Galiza...”.
E máis adiante “... sodes poseedor por vos e por outro en voso
nome por parte e ganança do linageen dos Torruchaaos ena dita terra d´Orzillón
e térmynos dela...”
Non temos máis remedio que deixar para
outra ocasión a historia de ORCELLÓN, sobre todo porque este traballo
vai dirixido ó esclarecemento do significado do topónimo e non
ás súas vicisitudes históricas. A pesar delo - e como excepción
- quérolles poñer en aviso que todo apunta a que a interpretación
dalgunhas citas históricas relativas á Historia Compostelana que
se fixeron da fortaleza de ORCELLÓN do CARBALLIÑO, xa existente
no ano 1086 e da xurisdicción civil e eclesiástica de ORCELLÓN
como “terra de ORCELLÓN”, segundo revela unha escritura do
ano 1173,- e abondando no caso- dese ORCELLÓN trovado por LUPO LÍAS,
deben referirse máis ben ó actual ORDEJÓN da provincia
de Burgos situado ó sureste da PENA DE AMAYA, documentado no ano 800
baixo a forma de ORCELIONE e máis tarde en 978 como ORZELLIONE (en grafías
etimolóxicas -LI- ou -LLI- indicadoras de arcaísmo).
”Dejó, pues,la reina (a raíña
dona Urraca) al príncipe custodiado y defendido en ORZILIONE, plaza fuerte
e inexpugnable y dándoles fieles guardias de los príncipes de
aquella tierra dispuso pasar a Galicia”.
Como perfectamente deduce o ensaista Rubén García Álvarez,
está claro que a fortaleza nomeada alzábase na Castela de Burgos
e non na Castela de Ourense.
Déixolles,pois,con esta dúbida de
localización histórica que recollo en GRIAL da pluma do ensaísta
M.Rubén García Álvarez baixo o título de Castilla
e Castela, Ordejón, Orcejón e o trovador Lopo Lías.
Máis que nada pretendo con esta inserción histórica tan
só esbozada,pero merecedora de estudio serio, provoca-lo sentido crítico
do lector.
Os meus primeiros pasos cara á pescuda
do étimo de ORCELLÓN, que máis ben foron tumbos atolados
producidos pola présa sen tino do “error vacui”, leváronme
nin máis nin menos que ás portas do ORCO infernal en petición
de axuda.Estiven convencido de que ORCELLÓN tería que ser pola
forza un pequeno ORCO, un pequeno HADES ó xeito grego, unha rexión
residencia das almas dos defuntos, reminiscencia traslaticia do INFERNO do mundo
de Roma e Grecia, o“finis terrae” da vida, coa axuda, para que así
fose, da forza da superstición e do mundo galego da ultratumba.
Viñéronme á mente aquelas
acepcións do URCO vencelladas co mundo dos mortos: O CAN DO URCO que
é “o monstro do alén”, ESTAR NO URCO que é
“estar morto”, FERIDO DO URCO é tanto como “ferido
de morte”. Sentín medo e o medo axilizoume para rexeitar de inmediato
esta hipótese de cheo nigrómana e fuxín espavorecido como
levado do demo.
Desvieime logo por outras rexións máis
diáfanas do mundo da botánica e estiven enteiramente convencido
de que o topónimo ORCELLÓN encaixaba nun tipo de liquen coñecido
entre outros polos nomes de ORCO, ORCELO, ORCELA,ORXELA, COUCHELÓN, CASPA
DOS PENEDOS ou ORCHILLA na lingua de Castela, que se ben medra sobre todo nos
penedos das franxas das costas mariñas, existe tamén, malia que
en menor medida e importancia, unha ORCELA de terra, chamada cientificamente
LECANORA RAPELLA.
A razón de que a ubicación de ORCELLÓN
fora o pequeno territorio enmarcado no ángulo formado polos ríos
Avia e Arenteiro coas condicións de humidade propicias para o nacemento
e conservación do lique nos penedos,foi quen de engaiolarme por algún
tempo ó estar persuadido de que o ORCELLÓN equivalería
o “lugar dos liques”. Non me parecía unha etimoloxía
desaxustada nin desanxelada.
Foise esvaecendo sen embargo paseniñamente
esta convicción na medida en que as miñas lecturas, encamiñadas
a esclarece-la etimoloxía e significado do topónimo,ían
abríndose paso con dificultade ó longo da maraña das hipóteses
máis plurais.
A terceira hipótese, pola que me decanto
manifestamente, coido que necesita dun prantexamento previo que se sintetiza
en que os actuais ORDEJÓN da provincia de Burgos e o castelo do ORCELLÓN,
que estivo encravado no actual concello de BOBORÁS- onde aínda
no século XVIII conservábanse unhas torres chamadas de MÉIXOME,
restos da vella fortaleza de ORCELLÓN - son dúas variantes fonéticas
entroncadas co mesmo étimo latino HORDEUM “cebada”.
Estamos diante de dous topónimos ou nomes
de lugar, herdados de dúas fortalezas,alomenos se temos en conta que
as datas documentais das que dispoñemos nestes intres refírense
antes ó castelo que ás terras así nomeadas. Son O ORDEJÓN
castelán,documentado ORCELIONE no ano 800 e ORZELLIONE no 978 nun diploma
de Burgos relativo Ó ORDEJÓN e O ORCELLÓN galego do Carballiño
ourensán, isto é o ORCELHON do que fala o xograr do alto Ribeiro
LOPO LÍAS, existente xa como fortaleza antes do ano 1086 e como “terra
de ORCELLÓN” nunha escritura do 1173, oitenta e sete anos máis
tarde.
Tanto ORDEJÓN como ORCELLÓN supoñen
unha estructura primixenia, teórica alomenos, de *HORDEOLIONE, derivada
do sustantivo HORDEU(M)” cebada”, máis recoñecible
nas estructuras antigas documentadas ORZELLIONE e ORCELIONE arriba expresadas.
Paradigma dos dous resultados: -LL- en galego e -J- en castelán, témolo
nas palabras CONCELLO e CONCEJO, CONSELLO e CONSEJO, procedentes respectivamente
dos latinos CONCILIUM e CONSILIUM.
Este nome latino HORDEUM ten orixe indoeuropea,
en concreto no indoeuropeo occidental e como tal está en franca correspondencia
co alemán Gerste “cebada”, remontándose a unha raíz
*ghrzdh e presumiblemente en relación co grego SERITHÉ.
Nas linguas románicas recollemos: en italiano
ORZO; francés ORGE,CHAMP D´ORGE “cebadal”; en catalán
ORDIAT: “cebada” e ORDIAR: “cebadal”; en provenzal ORDI;
en portugués antigo ORJO, por influencia francesa.
Sen embargo non prosperou nin en galego nin en castelán ó quedar
afastado o HORDEUM latino en beneficio de CIBUS ”o cebo”, de onde
cebada (co significado propiamente de “alimento”) manténdose
como relicario etimolóxico no diminutivo castelán, en sentido
traslaticio ORZUELO, que supón unha forma latina diminutiva HORDEOLUM.
ORZUELO significa “pequeno forúnculo
que nace nas pálpebras”, “orizó” en galego,
voz que sensu stricto vén significar “gran de cebada” por
mor da metáfora que implica a análise da realidade “forúnculo”
por analoxía ou semellanza con “gran de cebada”.
A Fitotoponimia si se fixo amplo eco ó
aceptar no seu campo onomástico moitos nomes procedentes desta forma
latina HORDEUM, recollidos en gran parte por Abelardo Moralejo Lasso baixo o
epígrafe “El orxo o cebada y su toponimia”. ORXAL en Arzúa
(A Coruña), Viveiro e Mondoñedo (Lugo).
En Lalín e Vigo (Pontevedra) ,Sobrado dos Monxes (A Coruña), Castro
do Rei, Xermade, Meira, Muras e A Pastoriza (Lugo) rexistrámolo plural
ORXÁS (< de HORDEALES).
Da forma HORDEARIU /HORDEARIA saíron ORXEIRO
en Ortigueira (A Coruña), ORXEIRA en Cerceda (A Coruña), ORXEIRAS
en Laracha (A Coruña), URXEIRA en Mondariz (Pontevedra), ORXADO en Ortigueira,
ORXÁN en Laracha, ORXAÍNZA no Sabiñao (Lugo), ós
que hai que engadir máis aló da nosa comunidade: En Asturias URDIAL,
ORDIALES, ORDALIEGU, L´ORDIALIGU e ORDERIAS. En Cantabria CASTRO URDIALES
“campos de cebada”, EL URDIO.En León URDIALES de COLINAS,
URDIALES DEL PÁRAMO. En Guadalajara EL ORDIAL. En Cádiz URDIALES.
En Salamanca ORZALES. En Huesca COSTERA ORDENAL, ORDICUSO, LOS ORDINACHOS, etc...
Ó meu xuízo non creo que existan
dúbidas da procedencia vexetal do ORCELLÓN carballiñés
ó igual que dos ORDEJÓN de Burgos, pero da mesma maneira que me
arrisco por esta etimoloxía, véxome por outra banda na obriga
de deixar unhas interrogantes con urxencia de contestación.
¿Será ORCELLÓN un nome persoal,
síntese dun sintagma (TERRA, LOCUS, CASTELLUM) máis o xenitivo
posesivo HORDELIONI, isto é, “O CASTELO dun terratenente chamado
ORCELLÓN”, como en tantos outros exemplos: ANDALLÓN <
(villa) ANDALIONI; GODÓN < (villa) GOTONI; XALÓN <(villa)
IALONI; ANZÓN < (villa) ANTIONI ?
¿Ou se cadra é un aumentativo tirado
tamén de HORDEOLU (M) en referencia a unha zona - no caso do ORCELLÓN,
coincide co que é hoxe BOBORÁS - na que se cultivaba este antigo
cereal?